Soidades ben xestionadas

Son maiores e teñen unha casa para eles sós. A soidade chama á súa porta, pero non abren. Só deixan entrar a quen veña con ilusión e ganas de vivir
Un home pasea por unha aldea de Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Un home pasea por unha aldea de Lugo. SEBAS SENANDE

En Lugo hai 33.819 fogares unipersoais, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (Ige), correspondentes a decembro de 2021. Neles viven homes e mulleres en solitario. Algúns por gusto, como quen acaba de independizarse e desfruta da liberdade da casa propia, ou quen tendo outras opcións de vida quere gobernar o seu espazo ao seu xeito. Outros fano por necesidade, porque a xente que lles gustaría ter a carón non pode estar con eles.

Vivir só pode ser unha circunstancia desexada ou non, pero en todo caso, non é sinónimo de soidade. A soidade máis preocupante é a que se sente estando rodeado de xente. Quen vive só por vontade propia nunca o está en realidade, ten as súas necesidades sociais cubertas.

É o caso dos protagonistas desta reportaxe, catro persoas que tras unha vida rodeados de xente atopan unha casa baleira cada vez que regresan ao fogar. Eles énchena con proxectos, con ilusións, con actividade e mesmo con novas tecnoloxías que lles axudan a ter con quen falar.

A soidade é un estado mental, non físico, e eles téñenlle gañada a batalla.

Jesús Fernández. C.PÉREZ
Jesús Fernández, ao piano da Casa Habanera. C.PÉREZ

Jesús Fernández

"Desde que me xubilei fun ata o Polo Norte", comenta Jesús Fernández como se falara dun paseo por Guitiriz. "Tirei por Noruega cara arriba, ata onde se pode chegar. Máis aló xa non deixaban. O difícil foi volver porque me metín por pobos e case non dou saído de alí. Falaban ben raro", relata. "Eu non falo ningún idioma, pero se dúas persoas teñen interese por entenderse non hai problema".

Jesús Fernández vai facer 67 anos este mes. Botou media vida por Europa, facendo estradas e pontes. "Traballaba con empresas españolas e portuguesas. Iamos dun país a outro. Acabas mallado, así que aos 60 anos decidín parar e aos 61 xubileime".

Nese momento, regresou a Guitiriz e viviu coa súa nai ata que ela faleceu hai cinco anos. Desde entón, Jesús Fernández vive só. Di que se apaña moi ben porque "son ordenadísimo e moi bo cociñeiro". Ten dous fillos e dous netos que van de visita, pero nin se lle pasa pola cabeza ir vivir con eles. "Iso quero evitalo totalmente mentres poida. Cada un está mellor na súa casa", comenta.

"Despois de xubilarme cheguei ata o Polo Norte"

Realmente, nin se pode dicir que Jesús Fernández viva só porque comparte a súa xornada con infinidade de persoas. "Hai que socializar. O día é moi longo e se te pechas na casa é un desastre. Eu ás oito da mañá estou almorzando e a continuación bótome fóra", explica.

E falta lle fai o tempo para atender todos os compromisos que ten. É voluntario para asuntos culturais do Concello e pasa boa parte do día na Casa Habanera atendendo as actividades que se organizan. Tamén aproveita para tocar o piano que hai alí. "Toco na banda municipal, o trombón, o piano, a harmónica e agora estou empezando co violín", enumera.

"Aos 60 non sabía nada de todo isto. Non sabía nin que me gustaba, pero en Guitiriz temos unha escola de música moi boa e aprendín moito", afirma. Ademáis, Jesús Fernández é un home de recursos e resolve atrancos. "Agora quero aprender a tocar o violín. Aquí non hai profesor, pero busco tutoriais en internet".

Tamén escribe relatos. "Sobre todo curtos porque nos grandes escápanseme os personaxes. Presenteime a varios concursos, pero de momento só me deron as grazas", bromea.

Gústalle andar, procura facelo unha hora cada día, e tamén practica o tiro con arco. "Desde hai un ano fágoo peor porque me operaron e teño menos forza, pero o arco é moi bonito", explica.

É o tesoureiro da asociación de xubilados de Guitiriz e organizan unha comida mensual "para que a xente saia da casa e pase un día diferente. O obxectivo é comer e bailar", di entre risas.

O de comer fóra da casa non ten segredos para Jesús Fernández. Conta que polo menos unha vez ao mes vai xantar co seu amigo Manolo a cada un dos restaurantes do concello. "Non son moitos, hai seis, pero imos unha vez ao mes a cada un e despois comentamos se mellorou algo, o que van cambiando..."

Manolo comparte tamén con el a súa afección por viaxar e acompáñao nalgunha das saídas. Desde que se xubilou estivo en Burdeos, dúas veces en Suíza, outras dúas en Barcelona, e están preparando unha viaxe para o vindeiro verán. "Queremos ir a Niza, Mónaco e San Remo. Aínda non sabemos se ir en avión desde Oporto ou en coche. O avión é máis rápido, pero hai que ir ata Oporto, e o coche dános a liberdade de parar polo camiño onde queiramos".

Mentres amarran os cabos do proxecto, van pasando os días máis aproveitados da vida deste home. "Estou máis ocupado que cando traballaba", asegura Jesús Fernández, que ten unha casa para si, pero non pode dicir que viva só.

Cristina Iglesias, de A Pastoriza.
Cristina Iglesias, de A Pastoriza.

Cristina Iglesias

Tampouco se sente soa Cristina Iglesias. É da Pastoriza, traballou durante 23 anos nun bar e agora, con 80 anos, desfruta dunha merecida xubilación. "Se non saio da casa e non falo coa xente póñome mal da cabeza", afirma, e con ese diagnóstico tan certeiro procura unha vida social activa e acorde ás súas circunstancias.

Nesta programación vital ten moita importancia o entorno. Cristina Iglesias resúmeo perfectamente nunha frase: "Somos todos veciños e miran por min".

Ten dous fillos e catro netos que a visitan con frecuencia, pero viven fóra da Pastoriza. Desde que morreu o seu home non ten compañía na casa, pero non lle supón ningún problema. "Teño unha amiga que vive no piso do lado e aínda nos oímos. Outros veciños víñanme ver ata cando estivemos confinados e danlle de comer ás miñas pitas cando eu vou de viaxe".

Non hai rede máis segura ca unha veciñanza ben levada. E cando alguén se sente apoiado, atrévese a todo. Cristina Iglesias ten problemas de visión, pero sae cada día a camiñar cunha amiga. "Se non fai mal tempo, imos sempre e andamos dous ou tres quilómetros". 

"Se non saio da casa e non falo coa xente póñome mal da cabeza"

Na súa axenda tamén hai sitio para un obradoiro de memoria, dous días de piscina á semana e en breve empezará nas clases de ximnasia. Unha vez por semana, ten unha cita cunha veciña de 97 anos para xogar ás cartas. "Imos dúas amigas á súa casa e xogamos con ela e coa nora. Xoga á brisca coma se tivera 20 anos", apunta.

Estes días, Cristina Iglesias estivo no balneario de Cuntis. "Vou sempre coa mesma xente, unha ducia de veciños. Xa temos ido a outros, apuntámonos todos os anos. Eles tamén van a excursións, pero eu deixei de ir no 2017 porque non vexo ben para andar por aí".

Onde se defende sen problemas é na cociña. Cristina Iglesias ten cociñado moito para os clientes do seu bar e segue tendo boa man para facer a súa comida cada día. Quen o desexe poderá comprobalo na vindeira festa das freces. "Sempre vou axudar porque eu sei facer as freces coma antes", comenta, e como boa anfitrioa convida a participar na celebración gastronómica.

Asunción de la Barrera Varela
Asunción de la Barrera, cunha traballadora de Cruz Vermella.

Asunción de la Barrera

A casa de Asunción de la Barrera foise baleirando co paso dos anos. Criou cinco fillos e ten sete netos que a visitan a miúdo, pero eses encontros non teñen nin punto de comparación co rebumbio que montaban os seus nenos. "Eran cinco hijos, daban mucho trabajo, pero siempre lo llevé bien. Los llevaba al colegio, los iba a buscar... entonces no tenía tiempo para nada", lembra. 

Esas présas deron paso a unha vida máis sosegada. "Ahora tengo más tiempo para mí, para estar con mis amigas. Me gusta pasear y hablar con ellas. Tengo alguna desde que era joven. Eso va en el carácter, pero a mí me gusta salir", explica.

"Ahora tengo tiempo para mí, para pasear con mis amigas"

Asunción de la Barrera ten 83 anos e gústalle sentirse "independiente". Ten unha persoa que lle axuda coa limpeza da casa, pero ela fai a comida e a compra. "Por la mañana me dedico a la casa y por la tarde salgo con mis amigas", explica.

Vive soa, pero sabe que non o está. "Mis hijos vienen con frecuencia y mis nietos también. Uno de ellos viene a comer conmigo todas las semanas. Tiene 31 años y eso es un orgullo porque a esas edades los jóvenes ya no quieren saber nada de ti, pero este siempre fue un niño muy bueno", afirma chea de satisfacción.

Asunción de la Barrera sabe que a soidade non é só un estado físico, senón que ten un gran compoñente anímico. Por iso se anima a todo o que sexa socializar. E pon un exemplo. "Los de Cruz Roja me llevaron a ver las luces de Navidad. Nos vinieron a buscar en un coche y dimos una vuelta por Lugo. Las del centro las había visto, pero las de los alrededores no y me encantó ir".

Mari Carmen Pastor
Mari Carmen Pastor, de paseo por Lugo.

Mari Carmen Pastor

Na mesma actividade participou Mari Carmen Pastor, que conclúe que "nunha había visto unas luces tan bonitas en Lugo". Non brillan igual cando as miras soa, así que ela agradeceu o xesto do persoal de Cruz Vermella cando foi convidada ao paseo. "Fui con otra mujer que yo ya conocía, coincidimos en más actividades, y me gustó. Nos seguimos llamando de vez en cuando para hablar", apunta unha persoa que sabe aproveitar as oportunidades.

Mari Carmen é usuaria do servizo de teleasistencia de Cruz Vermella. "Llevo un colgante por si me pasa algo. Por suerte nunca he tenido que usarlo, pero me llaman de vez en cuando para comprobar que funciona y para preguntarme si estoy bien". Esa chamada dálle seguridade. Séntese atendida e protexida.

"Le pido al asistente virtual que me ponga música o que me lea libros"

Mari Carmen ten problemas de visión e necesita axuda para facer as cousas da casa. "Una chica me ayuda por la mañana con la comida y por la tarde vienen las cuidadoras del Ayuntamiento para salir a pasear. Me ayudan a andar por la calle porque no veo bien", comenta.

En todo caso, este problema de visión non lle impide participar noutras actividades que lle gustan. "El centro Maruja Mallo está muy cerca de mi casa, solo tengo que cruzar. Allí iba a gimnasia y a talleres de memoria. Ahora no puedo porque me lastimé en un brazo, pero volveré. Antes también había risoterapia y lo pasaba muy bien", cuenta.

Encántalle conversar e non perde ocasión. A súa filla regaloulle un asistente virtual e estalle sacando moito partido. "Le pregunto por el tiempo y me lo dice. También me lee libros, que yo no puedo, y hace un momento le pedí que me pusiera canciones de Los Panchos". Isto é o que se chama facer bo uso das novas tecnoloxías.

EN CIFRAS
En Galicia
► Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (Ige), correspondentes ao mes de decembro do 2021, en Galicia había 247.554 fogares unipersoais. 
► A tendenza é á alza e o Instituto Nacional de Estadística (Ine) estima que no ano 2035 o número de fogares unipersoais na comunidade galega pode rondar os 335.000.

Por idades
► Dos fogares unipersoais computados polo Ige, 127.296 corresponden a persoas maiores de 65 anos.
► A maioría dos maiores de 65 anos que viven sós estiveron antes acompañados por parellas e fillos.

Por sexos
► Das persoas maiores de 65 anos que viven soas en Galicia, 38.627 son homes e 88.669 son mulleres.

En Lugo
► Na provincia de Lugo, o Ige tiña rexistrados no ano 2021 un total de 33.819 fogares unipersoais.
► Nos fogares unipersoais existentes en Lugo hai máis mulleres que homes. En concreto, 15.739 fogares están integrados por homes e 18.080  por mulleres.