Lugo proba o novo sistema de seguimento en tempo real do bus urbano

Arroxo explica que cando entren en funcionamento as novas liñas os veciños poderán saber cándo pasará o seguinte autobús

Arroxo, este xoves, nun bus urbano. EP
photo_camera Arroxo, este xoves, nun bus urbano. EP

O tenente de alcalde de Lugo e concelleiro da área de mobilidade, Rubén Arroxo, realizou este xoves un percorrido no bus urbano para comprobar o funcionamento do seu novo sistema de axuda á explotación (SAE). Trátase da conexión telemática que permitirá o seguimento en tempo real da flota de autobuses, que se está a configurar como paso previo á posta en funcionamento das novas liñas.

Arroxo, acompañado polo edil de infraestruturas urbanas, Alexandre Penas, asegurou que o novo sistema mellorará a accesibilidade, xa que "os propios buses informarán das seguintes paradas". "Unha vez entren en funcionamento as novas liñas, as veciñas e veciños poderán consultar o tempo que falta para a chegada do seguinte bus, tanto a través de 21 pantallas informativas como das aplicacións web que se habilitarán", explicou o tenente de alcalde.

A empresa concesionaria do servizo de transporte público está a realizar probas de funcionamento do sistema, cun bus que realiza o percorrido das novas liñas.

O novo proxecto de mobilidade está composto por catro grandes liñas que conectarán as zonas norte e sur de Lugo, e dúas que conectarán o leste co oeste da cidade. 

Arroxo salientou que, nese punto, tamén se aspira a fomentar o uso da Tarxeta Cidadá no bus urbano, coa que o prezo do billete se reduce de 0,64 euros a 0,45, ou 0,31 no caso de ter dereito a algunha bonificación. En caso de transbordo queda en 0,19 euros.

Comentarios