Carmen Antas: "O sindicalismo tampouco é alleo á fenda de xénero da sociedade"

Esta referente da loita obreira xubilouse o pasado mércores como traballadora da CIG , logo de case 32 anos, pero por agora non vai colgar as botas como sindicalista. Polo menos seguirá nos órganos de dirección na central nacionalista ata que se celebren as eleccións en 2023
Antas, ante fotos da folga de Urbaser, que durou 59 días, en 2014. SEBAS SENANDE
photo_camera Antas, ante fotos da folga de Urbaser, que durou 59 días, en 2014. SEBAS SENANDE

ESTA MELIDÁ, unha das do medio de 16 irmáns, participaba na súa primeira manifestación en 1975 cando estudaba no instituto Mixto de Lugo. Sete anos despois afiliábase a INTG e en 1989 entraba a traballar na CXTG; ámbalas dúas organizacións serían o xermolo da CIG. Case 32 anos despois xubilouse, pero non abandona aínda as negociacións colectivas, nin as mobilizacións. Auxiliar de enfermería, nunca chegou a exercer, nin siquera recolleu o título, porque asegura que "tiven claro desde o primeiro día que este era o traballo que eu quería facer".

Como foron estes 32 anos?

Foron dunha adicación ao 100%. Probablemente lle adiquei máis tempo do que debería se penso en clave persoal. Pero o meu compromiso era a defensa da clase traballadora. Foi duro e difícil en moitos momentos, pero tamén moi gratificante.

E como o viviu a súa familia?

Ás miñas fillas, cando eran pequenas, costáballes entendelo pero co paso do tempo fóronse dando conta de que ás veces para conseguir o que un quere ten que facer renuncias e recoñeceron a miña traxectoria laboral na CIG e no sindicalismo. Tiña claro que a adicación a esta loita era cando os traballadores o precisaban: expedientes de regulación de emprego nas vacacións de verán, asembleas ao mediodía, pola noite ou as fins de semana... Todo isto resta vida persoal.

"Ninguén se pode imaxinar polo que pasamos na folga do lixo. A presión que tivemos foi esaxeradísima"

É un referente na loita sindical e tamén unha das poucas mulleres. O sindicalismo tampouco é alleo á fenda de xénero?

A desigualdade e a discriminación están dentro da sociedade. Os sindicatos non somos alleos. Mesmo en sectores feminizados temos maioritariamente homes nos órganos de dirección. Na CIG desde hai uns anos vense facendo un esforzo grande para implementar medidas para mellorar a participación das mulleres. De aí que teñamos reguladas as cuotas para ter unha porcentaxe de mulleres nos órganos de dirección, cando na afiliación si temos paridade.

O seu labor transcendeu na folga do lixo en Lugo de 2014, que durou 59 días. Un fito na loita sindical.

Si foi. Foi unha loita moita dura. Ninguén se pode imaxinar polo que pasamos. A presión que tivemos foi esaxeradísima: con toda a plantilla sancionada por incumprir os servizos mínimos e todo o comité de empresa despedido. Nunca vivira nada parecido. Eses feitos concretos foron os que fixo que chegáramos aos 59 días porque pelexábamos contra un grande, Urbaser. Pretendíase facernos ceder no conflito e conseguiron o efecto contrario. Todos eramos un e había que loitar ata o final, pero ninguén podía ter consecuencias por esa folga. Un histórico da CIG chegou a preguntar se eu estaba toleando por levar o conflito a onde o estaba levando porque o sindicato era minoritario. Eu tamén tiven moitas dúbidas de que fora a saír ben, pero a forza e a unión dos traballadores moveu montañas. O broche final foi a sentenza xudicial que recoñecía que houbo represión, vulneración de dereitos fundamentais... e que non fora unha folga abusiva e ilegal.

Ten sona de ser o azoute dos empresarios.

Creo que un pouco si. Son unha persoa loitadora, reivindicativa, que non vai deixar nunca tirado a un traballador. Se por iso me chaman azoute dos empresarios, perfecto, cargo co cartel. Son unha persoa que sabe negociar. Sei falar, sei intentar o consenso, téñoo demostrado en moitísimas ocasións. O meu primeiro paso sempre é buscar a solución consensuada e negociada, pero cando as cousas chas poñen nuns termos nos que é imposible conseguilo por esa vía, non queda máis remedio que buscar outras ferramentas.

Que outro feito lembra agora especialmente?

O pasado martes, un día antes da miña xubilación, acadamos un acordo na mediación do convenio da limpeza de edificios e locais da provincia de Lugo, un sector absolutamente precarizado, que amosou en varias ocasións a loita por defender os seus dereitos na rúa; por iso o meu recoñecemento.

Os sindicatos perderon peso na sociedade nos últimos anos?

Non somos moi bos á hora de que transcendan moitas loitas do sindicalismo, pero ás veces os medios de comunicación silénciannos. Pero tamén desde a última reforma laboral callou o medo na clase traballadora. No meu traballo sindical vin nos últimos anos cousas que non vira, vin asinar finiquitos ao mesmo tempo que contratos de traballo, vin asinar nóminas polo que marca o convenio e cobrar salarios inferiores ao que están a firmar, levando menos cartos para a casa do que corresponde e por riba tributando polo que non perciben. Estamos retrocedendo. Individualízanse máis as relacións laborais e é un erro. A loita colectiva ten máis posibilidades de éxito.

Comentarios