"Sigo sendo o mesmo, pero máis vello e máis torto"

Unha noite, estaba sentado e caeulle un bolígrafo. Cando se dobrou para recollelo, xa non se ergueu. Milucho, aquel sindicalista que subía aos tractores, acababa de sufrir un ictus. Desde aquela, como ben dixo, "hai catro anos que entrei nunha nova normalidade"
Emilio López Pérez, Milucho, no seu recanto de lectura. XESÚS PONTE
photo_camera Emilio López Pérez, Milucho, no seu recanto de lectura. XESÚS PONTE

Aínda queda moito Milucho no Emilio López Pérez que sufriu un ictus hai catro anos. O coñecido sindicalista de Comisións Labregas –que, co tempo, tamén foi deputado do BNG e delegado provincial de Medio Rural en Lugo– segue a ter a mesma retranca e ironía de sempre pese a que, como el di, "hai catro anos que entrei nunha nova normalidade".

Esa nova normalidade ten nome. Chámase ictus. Sufriu unha hemorraxia no lado dereito do cerebro que o levou 72 horas á Uci, onde quedou nun estado moi crítico, entre a vida e a morte. Pero saíu desa e aí está.

"Van xa catro anos e mellorei moito, máis do que pensaba. Pero cando saín do hospital, non podía andar, tiña pouco equilibrio. Tampouco durmía e sentía medo a estar só, que me volvese a pasar. Non conseguía vocalizar aínda que nunca deixei de falar. Non me concentraba nin podía ler. Nin siquera xogar ás cartas tampouco! Xogaba unha partida ao tute e xa cansaba. O único que quería era estar na casa con xente e falar. Fóra, nada, agobiábame", resume Milucho.

Antes do ictus, tiña ao seu cargo 70 galiñas, horto, un burro, máis de 100 mazairas e unha finca de millo por recoller, tarefas agrícolas e gandeiras nas que pasaba o tempo. Todo iso se acabou coa súa nova normalidade.

"Agora só vou ver, aínda hai galiñas e coellos pero eu non os atendo. Paso moito tempo lendo, como sempre, porque recuperei a concentración. Tamén dou algún paseo pequeno. Por aquí, paseamos os nenos, os vellos e os coxos, coma min. E, ás veces, tamén saio a outros sitios -como a manifestacións- coa axuda da cadeira de rodas. Esa vén sendo agora a miña vida", apunta.

Para chegar ata aquí, Milucho pasou dous anos en Rehabilitación no Hula. "Alí fixeron moito por min. Hai un equipo marabilloso pero, ademais, tamén tiven que ir ao neurólogo, ao nefrólogo e a saúde mental. Finalmente, dixéronme tamén de ir a un neuropsicólogo pero no Sergas non hai aínda esta especialidade. Entón, a médica díxome dunha asociación que descoñecía e que tiña este servizo. Era Adace, Asociación de Dano Cerebral. Desde aquela, a miña vida cambiou bastante para mellor", conta.

En Adace, puido seguir facendo rehabilitación e terapia ocupacional, onde aprendeu cousas aparentemente tan simples, pero tan difíciles, como poñerse un calcetín ou vestirse só empregando a man dereita.

"Levo dous anos e pico alí e a melloría foi grande, tanto mentalmente como na relación coas outras persoas porque isto foi duro, moi duro", di.

LÍMITE. Milucho confesa que el, como moitos, pensou que cando empezase a recuperarse volvería a ser o que era antes, cos seus 64 anos ás costas e a piques de xubilarse. Pero isto non funciona así.

"Cando empezas a ter certa recuperación, pensas que podes chegar a acadar unha melloría moito máis grande. Que podes ser o que eras antes. Eu, segundo iba andando de por min, sen cadeira de rodas, iba contando os pasos que daba e os metros e trataba de andar máis acelerado para chegar a andar como antes. Pero non che é así. Decateime de que nisto hai un tope. Chegas ata alí e punto, non hai máis. Eu –que sempre fun inquedo e andaba argallando– tiven que ir asumindo, pouco a pouco, as miñas limitacións. Ao final, vas facendo cousas que che resultan satisfactorias e che permiten ocupar o tempo e así vas vivindo. Fas outra vida, aínda que sigo sendo o mesmo pero, iso si, máis vello e máis torto, por así dicilo", conta, sen deixar de ter ese humor que tanto o caracteriza.

Voleibol, piscina e excursións

A vida de Milucho cambiou por completo desde que se meteu en Adace. Ademais dos tratamentos, na asociación comezou a relacionarse con xente como el. "Pásame o mesmo que cando estaba na mili ou no Seminario, estableces unha relación coa xente e afaste a ir alí", afirma. Con Adace, Milucho comezou a facer outras actividades como xogar ao voleibol ou ir á piscina. Tamén chegou a facer excursións cando antes non saía da casa.

Vídeo
Tan vinculado está a esta asociación que el e a súa muller, Mariña, veñen de gravar un vídeo que Adace publica na súa web e no que agradecen o traballo deste colectivo.

Comentarios