"Sería un erro volver ao bipartidismo e Cs ten que ser o partido moderador"

Olga Louzao recoñece que abandeira un partido que atravesa tempos convulsos, pero defende o proxecto de Ciudadanos e afirma que aínda ten moito que facer por Lugo. Fai "autocrítica" e mira ao futuro con optimismo
Olga Louzao, no barrio de Recatelo que acaba de ser peatonalizado. XESÚS PONTE
photo_camera Olga Louzao, no barrio de Recatelo que acaba de ser peatonalizado. XESÚS PONTE

É obrigado falar do desplome de Ciudadanos en Andalucía. ¿Que análise fai a formación lucense do resultado de Juan Marín?

É unha situación complicada e sería absurdo negalo. Estamos nun proceso de ser autocríticos, pero tamén racionais. Hai que analizar a situación con tranquilidade e con calma, e aproveitar os mecanismos que ten o partido para tomar decisións. Este luns é o consello xeral e espero que alí se faga unha análise clara da situación e que se tomen decisións. É o momento para coñecer os erros do pasado e mirar cara a adiante.

¿Temen que se repita aquí o escenario andaluz?

Ningunhas eleccións poden ser extrapolables a situacións e espazos distintos. Nós imos seguir facendo o noso traballo; a política que nos gusta facer no Concello de Lugo, e os cidadáns terán a súa palabra nas próximas eleccións municipais. Traballaremos para que non se perda a confianza

¿Hai un problema de fondo en Ciudadanos ou os resultados vislumbran unha volta ao bipartidismo?

As enquisas falan desa situación, pero eu creo que sería un erro que o noso país voltara a esa política do bipartidismo, a esa política de polarización, porque non se toman boas decisións. Eu creo que Ciudadanos ten que ser o partido que xogue ese papel de moderador para frear que os partidos dos extremos sexan os que marquen as decisións que teñan que tomar outros partidos. Nós non somos un partido cun votante non oculto, que é o que acontece noutros partidos grandes como o Partido Popular ou o Partido Socialista. Somos un partido que ten votantes moi críticos e analíticos; non son seareiros dun partido político, senón que analizan a situación. Iso é moi meritorio e esíxenos estar a altura do que eles nos piden.

"A peatonalización de Recatelo, os créditos reembolsables e a mesa de industrialización foron propostas de Ciudadanos"

Inés Arrimadas tomou as rendas dun partido á deriva e tivo que encaixar derrotas en comunidades como Murcia, Madrid e Castela e Léon. ¿Como é a situación da formación en Galicia?

En Galicia temos representación agora en distintos concellos e nas cidades de Lugo e Ourense, e as últimas enquisas revelan que manteremos esa representación, polo que o meu traballo como organización consiste en que eses equipos que existen en cada cidade, en cada vila se manteñan e se poida traballar de cara ás municipais. Agora estamos facendo encontros todos os meses cos compañeiros en distintas provincias e valoraremos en que municipios nos presentaremos. A situación é complicada, pero creo que temos que ter a cabeza moi alta. Nós non fomos xulgados por corrupción, non malversamos diñeiro público e non estamos aquí para vivir das institucións. Hai un fallo de estratexia e de comunicación e iso é o que temos que cambiar.

Sen embargo, acaban de pechar a súa sede en Santiago, ¿pódese entender como un síntoma de que o partido se desincha?

Quizais se puido interpretar así, pero non o é. Antes traballábase alí porque se facían máis reunións e unha parte da organización traballaba nese espazo. Eu non podía desprazarme sempre porque tiña actividade municipal que non quería deixar de lado. Ademais, co covid puxemos en marcha as reunións telemáticas e queremos ter máis cercanía cos compañeiros. As reunións físicas un día á semana son complicadísimas para nós porque todos temos unha vida. Nós non somos só políticos, traballamos, e era moi complicado. Foi unha decisión consensuada e falada. Quizais non foi o momento máis axeitado porque se podía malinterpretar, pero entendemos que a sede non era necesaria.

Vostede sempre creu no proxecto da súa formación, pero vese facendo política baixo outras siglas?

Entrei no 2014 en Ciudadanos e sigo en Ciudadanos. Vivín os momentos álxidos da formación e os complicados, e sempre fun leal a este proxecto político. Se quixera estar noutro partido político xa o tería feito hai moitos anos. Afilieime ao partido no que creo e no que seguirei traballando ata que sexa necesario na política local, autonómica e nacional.

Baixo as siglas de Cs ten unha traxectoria intensa e unha das cousas nas que máis incidiu foi na falta de transparencia do goberno local. ¿Que nos estamos perdendo os cidadáns?

Os cidadáns teñen que ter toda a información pública necesaria porque iso permite tomar mellores decisións. Se un goberno non dá explicacións das súas decisións para que sexan valoradas pola cidadanía, non é un goberno transparente nin honesto. Nós xa recorremos a todas as institucións necesarias para que a transparencia sexa un piar fundamental e seguirémolo facendo porque ningún goberno merece a pena se non é transparente. Os cidadáns están perdendo información sobre en que se gastan os cartos, a que se adican os impostos municipais ou como se dan os contratos menores, que non están publicados. Cando un accede á páxina de transparencia do goberno municipal ve datos que non están actualizados e espazos baleiros. Se un goberno presume de boa xestión, por que non publica as súas decisións?

Os cambios en materia de mobilidade están en boca de todos. ¿Que opinión lle merecen a reestruturación do tráfico, os cambios no bus urbano e o polémico carril bici?

As decisións de mobilidade modifican os hábitos da cidadanía, polo que teñen que ser decisións planificadas e non improvisadas. A administración local tiña un plan de mobilidade que se fixo nos anos de Orozco, no que se gastaron moitísimos cartos, e está gardado nun caixón. O carril bici é unha decisión totalmente improvisada e o trazado non ten sentido, xa que pasa por zonas onde a poboación non colle a bicicleta a miúdo e deixa espazos nos que sería maís útil, como a zona da universidade. Ademais, reducíronse moitísimo as prazas de aparcadoiro. Creo que está abocado ao fracaso e que os fondos europeos poderían adicarse a outras necesidades moito máis importantes neste momento. E en canto ao bus, facer cambios sen escoitar aos veciños é un erro garrafal. Ademais, todos lembramos cando Arroxo nos explicaba cun teléfono móbil como podiamos consultar as liñas de bus, pero leva tres anos ao mando e, onde está esa aplicación? Os paneis informativos funcionan as veces si e as veces non e aínda seguimos cos transbordos non gratuítos. E non son quen de dar as cifras de usuarios do transporte urbano.

"O carril bici está abocado ao fracaso, o auditorio é un bochorno e non se pode agardar meses e meses por unha licencia"

En temas de urbanismo e infraestruturas, que se está facendo ben e que errores se están a cometer?

Aprobouse o 5% do plan xeral, pero ese non é o plan urbanístico que precisa Lugo, xa que por desgraza non é unha cidade que vaia encamiñada a ter 300.000 habitantes e hai que deseñar un plan acorde á realidade. Temos en urbanismo outro obstáculo para o desenvolvemento da cidade, que é o Pepri. Hai que poñerse a traballar na súa actualización porque está sendo un tapón para o casco histórico, por non falar das licenzas urbanísticas, que son un caos. Non se pode estar falando, como fai a alcaldesa Lara Méndez, de que quere unha cidade emprendedora e de oportunidades cando a pedra angular dese desenvolmento son as licenzas urbanísticas e os empresarios pasan meses e meses agardando para que o Concello lles dea unha resposta.

E con respecto ao novo auditorio, que conclusión saca da guerra aberta entre PP e PSOE?

O novo auditorio está sendo un bochorno para os lucenses porque está sendo utilizado como un rédito electoral, tanto polo PP como polo PSOE, os dous culpables de que estea pechado. Xa no seu momento criticamos que a alcaldesa lle regalase ao goberno de Feijóo máis de tres millóns de euros condonando o Ibi de determinadas instalacións da Xunta. Cando un deseña unha infraestrutura que custa tantísimos millóns ten que facer as cousas ben. Agora mesmo hai un auditorio recepcionado con deficiencias que nos van custar un millón e medio de euros. E se isto é certo hai que saber por que o goberno de Lara Mendez o recepcionou en mal estado e hai que reclamarlle eses cartos á Xunta de Galicia para defender os intereses dos lucenses. E, por suposto, non compartimos o ridículo que se está a facer polo PP e o goberno de Lara Méndez. 

"Nunca imos ser un bigoberno como o actual. É un 'paripé'"

Cales son os maiores logros de Cs Lugo e con que propostas van convencer aos lucenses de cara á cita electoral de 2023?

Estou moi orgullosa do traballo que está a facer Ciudadanos porque somos moi críticos con algunhas cuestións, pero somos un partido propositivo. Nós propuxemos que Recatelo fose peonil. Tamén falamos no mandato anterior dos créditos reembolsables, que agora a alcaldesa leva a cabo como a estratexia Lugo Transforma, e a mesa de industrialización véndese como un logro fantástico do goberno, cando fomos nós os que a puxemos enriba da mesa. No pleno pasado plantexamos a necesidade de fosas sépticas no rural e neste falaremos da concesión da fábrica da luz, e tamén insistiremos na peonalización da Ronda da Muralla. Creo que ese labor propositiva de Ciudadanos está sendo valorada pola cidadanía. De cara ás municipais haberá propostas máis específicas, que adiantamos noutras ocasións, como a unidireccionalidade da Avenida da Coruña ou do aparcadoiro vertical da Ronda das Fontiñas. Tamén queremos que non queden barrios abandonados e consideramos fundamental axilizar as licenzas urbanísticas.

Fixo Ciudadanos xa algunha análise de ata que punto estaría disposto a pactar para acceder ao goberno e con quen?

Falar de pactos é moi aventurado, pero está claro que nós non imos estar nunca nos extremos. Se temos a oportunidade de pactar con outro partido e chegar ao goberno, non imos ser un bigoberno, senón parte dun goberno cun programa conxunto no que as dúas partes terán que ceder en algunhas cousas. Non quero formar parte do ridículo que teño que vivir nesta corporación local. Quero un goberno cun compromiso claro coa cidade e que non se mova polo seu rédito partidista, porque iso non é un goberno, é un ‘paripé’.

Comentarios