"Ser muller e ter menos de 30 anos non foi ben aceptado"

Non se pode ser máis nova —31 anos— e terse presentado xa seis veces como candidata a todas as administracións: Concello, Congreso e aos parlamentos europeo e galego. Casos como este hai poucos. Malia súa experiencia política, confesa que houbo deputados que a chegaron a mirar de reollo no Hórreo só porque era nova
Olalla Rodil. XESÚS PONTE
photo_camera Olalla Rodil. XESÚS PONTE

OLALLA chega soa á entrevista. O resto dos candidatos viñeron e algúns mesmo estiveron acompañados. Ela coñece o terreo: é xornalista e, pese á súa xuventude, sóbranlle táboas na política e en procesos electorais. Contesta rápido e segura de si mesma. Dá pouco o brazo a torcer.

Ten 31 anos e presentouse seis veces. Naceu para ser candidata?

Non, foi froito da confianza posta en min da organización. Miña nai di que eu nacín sendo do BNG e, aínda que me afiliei cando tiven 18 anos, empecei a concienciarme en segundo de Eso, en 2002, cando se afundiu o Prestige. Empecei a militar no BNG en 2007,con 18 anos, e presenteime por primeira vez a unhas eleccións aos 20. Eran ao Concello de Ribeira de Piquín e fun a candidata máis nova de España. Despois fun ás europeas no 2014; ao Congreso no 2015; ao Parlamento galego no 2016 (onde acadei un escano) e ao Congreso, de novo, en novembro do 2019.

Mamou a política xa na casa?

Si, meus pais presentáronse ao Concello de Ribeira de Piquín polo PSOE. Meu pai foi edil tres mandatos. Pero iso é independente do meu compromiso co BNG.

Tivo que oír algunha impertinencia nas distintas campañas sendo muller e, por riba, tan nova?

Nunha ocasión un home berroume: "Ide traballar". Cando rematou o mitin achegueime a el e expliqueille que vivía dun soldo e que tivera que pedir unha excedencia, sen cobrar, para facer a campaña. Ás mulleres póñennos máis en cuestión cando defendes unha posición política. Ás veces teño a impresión de que para moitos aínda non son considerada, pola miña idade, como parte da sociedade adulta. Ser muller e ter menos de 30 anos non foi ben aceptado mesmo no Parlamento, onde entrei con 26.

Que lle pasou ao BNG para que, despois de tantos anos tendo un home como líder, agora sexan as mulleres quen manden?

Somos moitas mulleres: estamos na executiva, no grupo parlamentario, nas alcaldías... pero non é que mandemos as mulleres no BNG senón que tomamos parte no proceso de toma de decisións.

Con que estereotipo de electores do BNG se identifica máis: cos que teñen unha imaxe máis esbandallada —dos primeiros anos do partido— ou con aqueles que —no bipartito— aparentaban ser da burguesía?

Odio eses estereotipos. O outro día nun mitin en Monforte había señoras maiores e chavalada. Non creo que haxa un estereotipo. A min téñenme dito: "Non me pegas que sexas do BNG". O que marca a diferenza é o amor que teñas ao teu país e dá igual que vaias con vaqueiros e tenis que con pantalóns de pinzas e tacóns.

Na última década, os votos do BNG subiron e baixaron por oleadas. Foi isto un efecto das Mareas?

Afectou a irrupción de novas forzas na baixada de votos que no 2012 tivo o BNG pero tamén a remontada é o resultado do traballo que fixemos.

Non sobrarán esquerdas en Galicia agora mesmo? A diversidade non é algo negativo, pero o reto é que a única alternativa sexa o BNG.

Canto hai de pechazón no BNG para que non faga piña con outras esquerdas nacionalistas

Nós non estamos pechados, temos unha capacidade de diálogo moi grande.

Pero logo por que houbo tantas disensións e se crearon outros grupos políticos paralelos?

Non imos renunciar ao noso proxecto de país. Marchou quen quixo porque non se sentía cómodo e esta xente decidiu crear novos proxectos sen máis.

Non será que a UPG tomou o control dos órganos de goberno do BNG non deixando sitio a outras opcións políticas?

A maior parte dos que estamos nos órganos de goberno do BNG somos independentes, coma min. Aí si que hai un estereotipo moi grande sobre o que é o BNG hoxe.

E onde está logo a UPG?

Nin idea. No BNG hai de todo. Non hai un núcleo duro que o controla todo. Iso é máis falso que unha moeda de tres euros!

A entrada do BNG no goberno en Galicia sempre vai depender dun pacto político?

Se queremos, non. Eu non me poño límites, nós saímos a gañar e a xogar o partido enteiro.

Se non se pon límites poderémola ver como candidata en máis eleccións aínda?

Quero que esta sexa unha etapa na miña vida. A última palabra sempre a teño eu.

Pero despois de seis eleccións, só conseguiu ser deputada unha vez. Non pode ser iso un pouco frustrante?

Non vexo a campaña electoral desde esa óptica senón desde a de poder facer país.

"Sempre digo que non quero ter fillo e alucinan porque parece que rompes con algo natural"

Algo que sempre leve consigo.

O móbil. Son dunha xeración que unha parte da súa socialización está vinculada a este aparello, pero non me considero adicta.

É fácil vela co mantelo posto na súa casa?

Non teño mantelo, pero si se me pode ver facendo a comida ou limpando. Vivo soa e non me queda outra que facelo.

Cómena os nervos cando bota tempo na casa?

Son bastante tranquila e gústame estar na casa porque non estou nunca. Na casa vexo unha serie ou leo un libro...

Cantas veces lle preguntaron cando se animará a ser nai?

Moitas. É unha pregunta absolutamente machista. Sempre digo que non quero ter fillos e alucinan porque parece que rompes con algo natural. Pero as mulleres temos o control das nosas vidas.

Tería un can en lugar dun fillo?

Teño unha gata e prefíroa porque é independente, autónoma.

É doado ser agora feminista cando houbo mulleres que levan 50 anos loitando pola igualdade?

Vin un cambio moi forte nos últimos anos. Lembro 8-M nos que só saiamos á rúa 50 e nos últimos rebentamos Lugo. Vivíronse grandes cambios para as mulleres pero queda moito por facer como a violencia machista ou a ruptura cos roles de xénero.

O seu mundo empeza e remata en que sitio?

Na Ribeira de Piquín.

Cantas veces mesturou os seus roles de xornalista e política?

En 2012, antes de ser deputada, estiven un ano cubrindo a información parlamentaria e vese todo dunha maneira totalmente distinta a cando es parlamentaria. Agora, que son eu deputada, teño o costume de revisar sempre as notas de prensa que fai o gabinete. O Parlamento vai a menos velocidade que a sociedade, hai procesos administrativos que o ralentizan. Parece máis un búnker ca un altofalante.

Se tivese que escoller unha cor simbólica, cal elixiría? [Pénsao].

A negra.

Por que?

Gústame moito a música metal e o negro é a cor que a define. Non me perdo ningún Resurrection Fest! Non aparenta ser vostede heavy.

Non?

Pois por iso hai que erradicar os estereotipos.