martes. 17.09.2019 |
El tiempo
martes. 17.09.2019
El tiempo

ALEXANDRE PENAS, CONCELLEIRO DE INFRAESTRUTURAS URBANAS

"Sempre vou co sensor posto pola rúa, aberto a escoitar e a abrir canles"

Alexandre Penas. AIDA SOENGAS
Alexandre Penas. AIDA SOENGAS
Cóstalle sacar fóra o Álex que leva dentro, como o que merca roupa que non haxa que pasarlle o ferro. 'Fontaneiro' dentro do BNG, tanto tempo de negociador deulle fondo para afrontar o Concello

Hai algo que diferenza a este concelleiro doutros que se incorporaron agora ao Concello: a súa dilatada experiencia política nos intestinos do partido durante a última década, unha época convulsa na que ao BNG lle tocou reorganizarse trala marcha do seu líder, Xosé Manuel Beiras. Con pouca visibilidade do traballo que facía desde dentro, Álex Penas manexaba as cordas do consello local do BNG, presentábase en postos baixos nas listas ás municipais e asesoraba a Paz Abraira, na mesma concellería que agora asume, a de Infraestruturas Urbanas. Con toda esta equipaxe, o Concello non o colle por sorpresa. E aí está.

Empecemos por aclarar o nome da súa concellería. En que se diferenza a de Infraestructuras Urbanas da de Urbanismo?

Non teñen nada que ver. A de Urbanismo ocúpase das licenzas de edificación, de asuntos relacionados co Plan Xeral de Ordenación Municipal... A que levo eu céntrase en arranxar as rúas e beirarrúas e está conectada co plan de mobilidade da cidade que queremos poñer en marcha, dentro da macroárea que leva Rubén, de Infraestruturas e Mobilidade.

Se se trata de tapar fochancas e arranxar beirarrúas vai ter moito que facer...

Moito. Hai moitas pequenas cousas que resolver: eliminar barreiras arquitectónicas tanto no centro como nos barrios ou peonalizar A Mosqueira e Quiroga Ballesteros. Teremos que ampliar tamén a brigada de obras.

Esta concellería préstase moito a ir sempre co radar posto cando vai pola rúa detectando cousas que amañar... Fai iso vostede?

Fágoo agora e facíao antes. Hai que estar sempre a pé de rúa. Sempre fun co sensor posto, aberto a estar na rúa e a escoitar, a abrir canles de participación.

Pero esa idea de atender aos veciños desmóntase cando os políticos soben aos cargos e ven que non sempre se pode facer todo...

Hai que contestar honestamente ás preguntas dos veciños. Ninguén ten a variña máxica da gran verdade. Hai solucións técnicas para moitas cousas pero non sempre hai que aplicar a solución que dan os técnicos, hai que escoitar. E se non se poden facer as cousas, haberá que explicar por que. Iso vén no cargo. É moi democrático que os veciños reivindiquen melloras e iso hai que afrontalo co mellor ánimo. A clave é facer as cousas día a día, arranxar os problemas con rapidez.

Ten moi claro o papel dos políticos. Será porque sempre estivo na política, desde que era un rapaz?

Non o sei pero, si, empecei na política con 26 anos e agora teño 44. Sempre no BNG. Pero xa antes, con 14 anos, fun a Madrid a manifestarme en contra da Guerra do Golfo, en 1991, representando a un sindicato de estudantes do antigo Instituto Feminino, onde estudaba. Despois, máis adiante estiven no Consello Local do BNG e tamén fun asesor de Paz Abraira nesta mesma concellería. Sempre estiven aí, vinculado á política local. De feito, presenteime tres veces ás municipais.

Facendo 'fontanería' de partido, non é?

Si. É un traballo colectivo. Ao final, vas asumindo responsabilidades onde estás.

Axudaralle ese entrenamento agora que é concelleiro?

Para min, é o mesmo porque todo consiste en intentar mellorar a vida das persoas. E este papel de concelleiro vén precedido dun traballo de análise seria por parte feito polo BNG.

É vostede moi metódico.

Cuadriculado, verdade? Se cadra é que, como son traballador social, gústame que haxa proxectos, traballos e plans.

Eu e a miña parella dámoslle prioridade a gozar da familia, e, se para iso ten que quedar unha lavadora sen poñer, queda

Na casa tamén é tan metódico?

Non, nin eu nin a miña parella somos tan cuadriculados. Dámoslle prioridade a gozar da familia e se, para iso, ten que quedar unha lavadora sen poñer, queda.

Traballa moito na casa?

Dividimos as tarefas. A min gústame fregar pero teño dificultades para pasar o ferro. De feito, a roupa que merco trato que non dea que planchar.

Sendo como é traballador social, non lle viría mellor a concellería de Benestar que a que ten?

Si que me gustaría pero, se te fixas, case ninguén ten unha concellería relacionada coa súa profesión. Decidimos negociar as concellerías que poderían estar interrelacionadas para leva adiante o plan de mobilidade. Se, ao final, só atendemos ás profesións de cada quen convertiriámonos en tecnócratas que asfaltan as rúas.

Participou na negociación deste bipartito no Concello. É un bo negociador vostede?

Non o sei. Hai que ter, sobre todo, empatía e obxectivos comúns para chegar a negociar.

Gañaron esa partida?

Non é bo que alguén gañe. A vitoria está nos resultados. Se non, sería facernos trampas en solitario.

"Sempre vou co sensor posto pola rúa, aberto a escoitar e a abrir...
Comentarios