Apúntaste para ver 'La princesa prometida'?

A Semana de Cine de Autor de Lugo arranca este luns co documental '‘Tempo’'

As primeiras proxeccións serán ás 18.00 e ás 20.30 horas no Gustavo Freire ► Oliver Laxe gravará unha curtametraxe con actores de Pinchacarneiro da fundación Anade
A Sica de Lugo homenaxeará a Luis Tosar, Jorge Coira y Dani de la Torre
photo_camera A Sica de Lugo homenaxeará a Luis Tosar, Jorge Coira y Dani de la Torre

A trixésima oitava edición da Semana Internacional de Cine de Autor (Sica) de Lugo arranca o serán deste luns soa gala inaugural que terá lugar ás 20.30 horas no auditorio municipal Gustavo Freire da capital provincial e que incluirá a proxección de ‘Tempo’, unha longametraxe documental de Manuel Valcárcel sobre o deterioro da paisaxe da serra do Courel. A entrega da Sica de Lugo está dedicada ao medio século do pasamento de Buster Keaton e homenaxeará a tres lugueses como Jorge Coira, Luis Tosar e Dani de la Torre. Ademais, será unha das máis sociais, xa que o multipremiado director de orixes luguesas Oliver Laxe rodará unha curta cun grupo de actores con diversidade funcional do grupo de teatro Pinchacarneiro da fundación Anade de Lugo.

A actual edición do festival que organiza a asociación Fonmiñá desenvolverase, ademais de no Auditorio Municipal, que acollerá a sección oficial, o ciclo infantil e a sección ‘O mellor do ano’, noutros escenarios. Así, o cine galego e os títulos do ciclo ‘50º aniversario Aspnais’ serán na Deputación; as seccións ‘Como a vida mesma’, ‘A muller protagonista’, ‘Día de Asturias’ e ‘20 anos sen o Gran Teatro’ serán no MIHL; ‘Arte e cine’, no Museo Provincial; ‘E para comer.. Lugo’, na Biblioteca Pública Provincial, e as curtametraxes pasaranse na Casa do Saber da USC.

O COUREL. "Hai 340 millóns de anos, no Courel, aconteceu algo extraordinario: da grande colisión de dúas placas continentais, naceu Galicia. Hoxe, esta paisaxe única, cun patrimonio cultural e xeolóxico de interese mundial, vese ameazada. Abandono, megaminaría e espolio forestal devastan este ecosistema", reza a sinopse da longa do monfortino Manuel Valcárcel, que segue o primeiro ano de vida dunha nena nacida en Froxán do Courel en 2012.

A sesión inaugural inclúe tamén a proxección das curtas ‘Come’ e ‘Pensamento de Nil’, ademais dunha actuación a cargo do grupo de teatro lugués Achádego. Asemade, no mesmo escenario do auditorio Gustavo Freire, as actividades desta Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo terán comezado ás 18.00 coa apertura da sección infantil co pase de ‘Nico 2’, a secuela de ‘Nico, el reno que quería volar’.