"Lugonovo tivo o seu peso a nivel teórico no proceso constituínte da marea galega"

Fernández Rocha: "No goberno falta dirección e non é leal con Lugonovo"

Lugonovo estreouse na política ao grande. Acadou tres representantes e esixiu a retirada de José López Orozco tras 16 anos na alcaldía como condición para permitir que o PSOE volvera gobernar. Un ano despois, segue sendo o seu principal apoio, pero non as ten todas consigo. Ve déficit de xestión e sente que o goberno se apropia do seu traballo
Santiago Fernández Rocha, diante do Concello
photo_camera Santiago Fernández Rocha, diante do Concello

Sabendo o que sabe agora, Lugonovo volvería dar a alcaldía a Lara Méndez e o PSOE?

Si, sen lugar a dúbidas. Apoiamos unha alternativa de esquerdas e a maior representación tíñaa o PSOE. Non podiamos votar nunca ao PP, non porque teñamos algo en contra da xente que forma o PP en Lugo, ao contrario, pero o PP é un partido que está corrupto e non resolveu esa situación. Se o señor Orozco non tivera a ben marcharse, tivéramonos abstido e houbera gobernado o señor Castiñeira.

Cre que Lugonovo debería ter apretado máis para sacar algo máis a cambio da investidura?

Eu creo que se apretou demasiado, posiblemente polas dúas partes. Houbo posturas que eu creo que foron irreconciliables, non sei realmente por que, porque eu non estiven presente. Pero é evidente que non se soubo resolver unha situación de negociación que houbera sido bastante necesaria. Eu comprendo que o noso posicionamento referente á imposibilidade de investir a Orozco era moi duro para o PSOE, e posiblemente ese feito impediu que a negociación fora máis fluída. Votamos á alcaldesa, pero practicamente a cambio de nada. Foi así.

Gustaríalle ter estado na negocición?

Naquel momento eu non tiña a experiencia para estar. Desde a perspectiva actual, pois posiblemente houbera sido positivo que estivera o grupo municipal.

Lugonovo é unha formación nova de xente que nunca estivera en política. Parécese algo a política e o Concello ao que pensaban?

Eu tiña moi claro que nas actuais circunstancias nas que se move o país, e Lugo en concreto, a ideoloxía non pode determinar a política. Quen ten que determinar a política é a xente. A ideoloxía ten que estar ao servizo da realidade, e non ao revés. E pola experiencia deste ano, dáme a impresión de que en demasiadas ocasións son os intereses de partido, e a veces persoais, o que condiciona a política. E iso a min non só me preocupa senón que a veces me frustra. Encóntrome con dificultades en negociacións, en charlas con outras alternativas dentro do Concello, porque me dá a impresión de que son intereses de partido os que priman, ou de dinámicas de poder dentro dos partidos.

En Lugonovo non sucede iso? Tamén hai intereses encontrados...

Mentres eu estea, non vai suceder, e ata agora non sucedeu. Podemos estar equivocados, pero poñemos os intereses da cidadanía e da institución por enriba incluso de intereses da propia organización.

Por exemplo?

Uf, vaia pregunta... A ver, por exemplo, no tocante á resolución do tema de persoal, había visións moi distintas. Pero quen dirixe Lugonovo no Concello son eu. Intentei que os intereses da institución estivesen por enriba de intereses, ou máis ben de visións, que tivera a plataforma. Tamén se deu un debate importante sobre como facer oposición, e prevalece unha forma que a min me parece que é a mais acertada para defender os intereses da cidadanía. Unha oposición construtiva, crítica pero construtiva, onde non aparece o non polo non nunca.

É máis colaborativa que crítica. Con frecuencia acúsanos de muleta do goberno.

A min érame moi difícil explicar que apoiáramos un goberno do PSOE e, no primeiro ano, facerlle unha oposición sen alternativa, radical, destrutiva. Sería incoherente. Pero, se nun período de tempo, este goberno non cambia de paso, e non se dan as condicións para chegar a acordos maiores, é posible que Lugonovo teña que cambiar de estratexia.

Que marxe lle dá?

Imos ver o nivel de execución dos orzamentos. Imos analizalo en función das circunstancias nas que se desenvolveu o goberno e en función da asunción das nosas propostas, e valoraremos que facemos. O segundo ano vai ser un punto de inflexión.

Neste momento, que análise fai?

Que o goberno vai moi lento, ten un nivel de xestión demasiado lento. En moitos casos condicionado pola propia organización do persoal, pero noutros porque non teñen a capacidade para executar os temas coa rapidez e a eficacia coa que nós entendemos que se debe facer.

A que cre que se debe?

Eu creo que ten unha organización interna ineficaz. Dáme a impresión de que os concelleiros non están suficientemente coordinados no traballo. É necesaria moita transversalidade e creo que non a hai. Creo que hai un déficit de dirección. A iso hai que sumar que algúns concelleiros son novos nestas lides, a situación do persoal tampouco axuda... Pero necesítase impulsar e coordinar moito máis a actividade do goberno.

As conversas para explorar un pacto de goberno freáronse pola querela que CSIF presentou contra a alcaldesa. Son reversibles?

As conversas sempre están abertas, temos unha relación cordial co goberno, escóitanos, aínda que ás veces non nos fai caso. Pero primeiro ten que resolverse o tema da querela, no senso de que non sexa admitida ou de que a alcaldesa non sexa imputada. Estamos nun mes inhábil na Xustiza e en setembro hai eleccións, así que, calquera avance nesta materia, se se produce, terá que ser despois.

Ás veces, dá a impresión de que Lugonovo non se sinte a gusto co trato que recibe do goberno.

É verdade que o goberno pregunta, pero o que pasa é que a veces fai a Lugonovo menos protagonista do que é. Non actúa coa lealdade que debería. Lugonovo pon moitas iniciativas enriba da mesa, non volve a saber nada máis delas e logo aparecen na prensa como algo que fixo o goberno, ou que resolveu a alcaldesa. Pasa moitas veces moitas. Iso non debera acontecer, porque nós fomos absolutamente leais co goberno dende o inicio.

Comentarios