Outro San Fernando ou Garañón?

Hai case vinte anos, un informe de Icomos, o órgano asesor da Unesco para os patrimonios da humanidade, desaconsellaba a proposta para facer o auditorio en San Fernando polo impacto na muralla. Isto frustrou o proxecto. Agora censura a proposta para edificar fronte a San Pedro, onde hai dous bens mundiais
Representación das construcións previstas fronte á porta de San Pedro. AEP
photo_camera Representación das construcións previstas fronte á porta de San Pedro. AEP

NINGUÉN discute a necesidade de intervir na mazá situada entre San Roque, Ronda da Muralla e Montero Ríos, fronte á porta de San Pedro. Tampouco Icomos, que sinala a necesidade de mellorar unha zona que está moi degradada. Igualmente, o Foro do Camiño Primitivo, que foi o ente que lle pediu que se pronunciase sobre a proposta urbanística que fixeron para este lugar os donos dos terreos e que aprobaron o Concello e a Xunta. O foro; o Colexio de Arquitectos, que xa no seu día alegara, e Adega, que presentou un contencioso-administrativo, cren que hai que reformular a proposta porque a aprobada empeora a zona. É tamén a opinión de Icomos.

En que consiste o proxecto fronte á porta de San Pedro?


Prevé ensanchar os dous carrís de San Roque para facilitar o tráfico cara á Ronda e facer outro de saída cara ao Carril das Flores, convertíndoo, ao igual que é na práctica agora, nunha rúa de tráfico compartido, incluídos os peregrinos. O muro actual, semioculto pola pasarela que foi colocada de xeito provisional hai varias décadas, "se tratará acorde con el entorno". A conexión de Montero Ríos e San Roque será mediante escaleiras e ramplas. Terá tres metros de ancho, aos que se lle engadirán outros dous e medio que cede a propiedade do solar baixo o edificio que levantará, "sin otros elementos en esta zona que los pilares de la futura edificación". Os inmobles terán unha planta baixa e catro en altura no frontal da muralla. Haberá tamén dous de planta baixa e cinco altas botados seis metros para atrás e con fronte a San Roque. Segundo se recolle no plan aprobado, neste caso tampouco superan os metros de altitude que marca o Pepri.

Que aporta e que resta a proposta viaria e edificatoria?


O Concello di que resolve as comunicacións peonís e rodadas na zona, así como o desnivel do terreo no enlace de Montero Ríos con San Roque. Os novos edificios prevense "en un escalonamiento progresivo", con cornixas que van dende os 15,60 metros ata os 20 que ten o inmoble que xa hai -no medio queda un solar vacante-, co obxecto de integrar as novas construcións e de tapar traseiras, di a Administración. Faise "afectando parcialmente los intereses de la propiedad pero no de forma desmedida sus derechos edificatorios", sinala. Pola contra, Icomos di que a urbanización prevista "enfatiza y acrecienta los problemas existentes" e que non se xustifica no interese xeral senón que busca "en gran medida un aprovechamiento lucrativo particular". Pretende "resolver un problema propio con total independencia de la trama urbana y, más si cabe, sin consideración alguna o escasa hacia los elementos del patrimonio". Icomos ve "desproporcionado" o volume edificable e considera que se "elimina" o Camiño.

É legal o desenvolvemento urbanístico que se propón?


A modificación do Pepri foi aprobada polo Concello e pola Xunta. Porén, Icomos precisa no seu informe que o documento foi elaborado en 2013 -e aprobado en 2019- cun marco lexislativo autonómico que hoxe está derogado, e que aínda así non cumpría, di, xa que a Lei de Patrimonio de entón (a de 1995) non permitía modificacións do parcelario, de alineacións e de edificabilidade "salvo que contribuyan a la conservación general del carácter del conjunto". A proposta aprobada non excede a edificabilidade máxima permitida, pero non se cumpre, ao xuízo de Icomos, a premisa de "la máxima protección del patrimonio, que puede permitir que dicho valor se alcance o no". A muralla é Ben Mundial dende o 2000 e o Camiño, dende 2015. "La propuesta se manifiesta claramente contraria tanto al marco legislativo autonómico de aplicación en su momento como al planeamiento municipal, este último aún vigente", dice. O organismo lembra que, nun informe de 2004, a Dirección Xeral de Patrimonio lembrou ao Concello que a edificación nesta zona "deberá resolverse con planta baja y cuatro en altura según las directrices del plan especial de Lugo", como di o Pepri.

Non só a Xunta cambiou de posición, tamén Icomos


A historiadora Ana Goy fixo un informe para Icomos en 2014 no que dicía que calquera intervención "debe tender a una paulatina reducción de la presión sobre la muralla". En marzo de 2017, Icomos defende nun informe que a proposta mellora a seguridade dos peóns e di que non ten información sobre o que se prevé edificar pero que por riba de baixo e tres alturas suporía "un impacto sobre dicho bien" e que o que se faga debe ser "armonioso". Advirte de que o seu informe será positivo se se teñen en conta estas consideracións. En xuño de 2017, Icomos dá por boa a proposta edificatoria de baixo máis catro plantas e baixo máis cinco. En xuño deste ano, a petición do Foro do Camiño, Icomos emite un informe moi crítico no que volve sobre os seus pasos. Non ve xustificada a modificación do parcelario, di que faltan informes sectoriais e o seu propio -alega que non viu o proxecto definitivo, de 2019- e que, en todo caso, non se tiveron en conta as consideracións previas. Sobre a urbanización, di que descoida o tráfico peonil e potencia o rodado e que o retranqueo dalgúns inmobles en realidade é para facer un novo carril en San Roque. Lembra que nese lugar o Pepri permite só baixo máis catro plantas e que facer cinco non busca tanto ocultar as medianeiras como "no aceptar la pérdida de una edificabilidad excesiva, que, por otra parte, tiene carácter de orientativa y de máximos, que no de carácter imperativo". Icomos recalca que a modificación do Pepri non foi sometida ao seu análise, incumpríndose o acordo asinado coa Xunta cando foron declarados bens mundiais.

E tralo informe de Icomos, que?
O Concello di que o informe de Icomos non é vinculante. Recentemente aprobou o proxecto de urbanización, pero non aínda as licenzas dos edificios.

Posición da Xunta
A Xunta avalou a proposta urbanística para este lugar e, consultada agora polo negativo informe de Icomos, que pon en dúbida a legalidade do proxecto, de momento aínda non se pronunciou. Cando Icomos rexeitou o auditorio en San Fernando, a Xunta asumiu a súa tese.

Contencioso
Adega presentou un contencioso, como no seu día fixo a Asociación do Parque no Garañón, que a xustiza tombou.

Comentarios