O Samaín chega a Lugo con actividades na rúa, no MIHL e no Vello Cárcere

A proposta inclúe unha nova edición do concurso de disfraces "que o ano pasado contou cunha grande aceptación por parte da veciñanza"

Marte Ferreiro presenta a programación do Samaín.EP
photo_camera Marte Ferreiro presenta a programación do Samaín.EP

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades do Samaín 2021, que incluirá un total de 7 propostas de lecer que "achegarán distintas propostas para todos os públicos nas distintas instalacións da área de Cultura e nas rúas da cidade".

As actividades de animación programadas nas rúas do casco histórico terán lugar o vindeiro domingo 31 a partir das 20 horas. Este ano tamén se contará co concurso de disfraces terroríficos, que se realizará a través das redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) da área de Cultura.

Por outra banda, o Vello Cárcere contará con catro actividades para nenas e nenos que comezarán este mércores, 27 de outubro, con dous obradoiros baixo o título Co gallo do Samaín. A actividade terá lugar entre as 17:30 e as 18:30 e estará dividida en dous grupos de idade, de 3 a 6 anos e de 7 a 12 anos. Cada un dos grupos poderá acoller a 10 nenas e nenos.

O Vello Cárcere tamén acollerá os Contacontos Miúdos: Violeta quere ser vampiro, que contará con dous pases, de 11:30 a 12:30 e de 18:00 a 19:00. No pase da mañá a actividade estará orientada a nenas e nenos de 3 a 5 anos, e pola tarde, para nenas e nenos de 6 a 8. Cada un dos contacontos poderá acoller a 10 participantes.

As actividades no Vello Cárcere rematarán o domingo 31, cos Obradoiros Xeitosos do Samaín, de 11:30 a 13:00, orientados a nenas e nenos de 3 a 8 anos, e cunha cabida de 10 persoas.

O MIHL acollerá os obradoiros Samaín no MIHL, que terán lugar o domingo 31, para nenas e nenos de 8 a 12 anos e o luns 1 de novembro para nenas e nenos de 4 a 7 anos. Ambas actividades terán unha cabida máixima de 12 nenas e nenos.