O Concello de Lugo presenta un Samaín con obradoiros e concursos

Maite Ferreiro insistiu en que o programa está pensado para a "seguridade de todas as persoas asistentes"
Samain
photo_camera Maite Ferreiro presenta o programa do Samaín. EP

O Concello de Lugo presentou as actividades do Samaín 2020. O programa constará de seis actividades que, segundo a concelleira de Cultura Maite Ferreiro, están pensadas na "seguridade de todas as persoas asistentes".

O Vello Cárcere e o MIHL acollerán diversos obradoiros para nenos e nenas. Ademais, haberá outras actividades para todos os públicos que se levarán a cabo polas rúas da cidade. 

"Desde a área de Cultura mantemos a nosa aposta pola cultura segura e por reactivar o recido cultural local", explicou Ferreiro. 

PROGRAMA. O obradoiro Samaíneando no Vello Cárcere: aprende e xoga no Samaín celebrarase o 31 de outubro, con horarios repartidos por idades. Para nenos e nenas de 8 a 12 anos será de 11.00 a 12.00; entre as 11.30 e as 12.30 será o turno para nenos e nenas de 3 a 5 anos; e de 17.45 a 18.45 tocaralle a rapaces e rapazas entre 6 e 8. Os interesados en participar terán que chamar con anterioridade ao teléfono 982.29.74.46.

O propio sábado 31 tamén se celebrarán unha serie de obradoiros no MIHL, pensados para nenos entre 4 e 12 anos. Entre as 17.00 e as 19.00 horas faranse máscaras terroríficas e o domingo 1, á mesma hora, será o turno das cores do Samain.

As rúas do casco histórico recibirán a visita da Santa Compaña o venres 30 e o sábado 31 entre as 20.00 e as 21.30 horas e a Canella do Hospital acollerá un túnel do terror, tamén venres e sábado, desde as dez da mañá ata as nove da noite. 

O Concello por en marcha tamén un concurso de disfraces e escaparates, cuxas bases se poden consultar na súa páxina web. 

Comentarios