miércoles. 11.12.2019 |
El tiempo
miércoles. 11.12.2019
El tiempo

Sagrario Sánchez Ramil: "Eu só quero o ben para Lugo, dáme igual realmente quen goberne o Concello"

Sagrario Sánchez Ramil. XESÚS PONTE
Sagrario Sánchez Ramil. XESÚS PONTE
Máis que falar, gústalle comunicar e empatizar con quen ten enfrente. Enxeñeira técnica química industrial, exempresaria de hostelería e agora profesora do CIFP As Mercedes, Sagrario é unha muller feita a si mesma

FILLA, neta e bisneta de mariñeiros, a Sagrario Sánchez Ramil non a relaxa o mar. Si, a praia pero o mar non porque o mar é, para ela, sinónimo de traballo e de perigos. Nacida en Viveiro, veu a Lugo para facer a carreira e aquí quedou.

¿Coñecía Lugo?
A primeira vez que viaxei cos meus pais foi á Coruña, unha cidade con mar como Viveiro. E cando viñen a Lugo, tamén de pequena, lembro que lle preguntei aos meus pais: "Onde está o mar?". Porque pensaba que todos os sitios tiñan.

Estudou unha enxeñería...
Si, eu quería facer Relacións Públicas na Coruña pero miña nai dicíame que iso non, que tiña que facer unha carreira. Para ela, Relacións Públicas non era unha carreira. Así que comecei Enxeñería Técnica de Química Industrial e tamén fixen un ciclo superior de FP de Marketing, nas Mercedes. Fixen prácticas no Carrefour. Daquela, quedábame na residencia das monxas de Santo Domingo.

Nada que ver uns estudos cos outros. ¿Como se relacionan?
O ciclo responde ao meu afán de estudar Relacións Públicas e veume ben cando tiven tres negocios de hostelería.

Como?
Aplicaba o que aprendín no trato cos clientes. Moitos deles convertíronse en amigos. Cando viñan, ofrecíalles o que lles gustaba. E tamén fixen un escaparate no bar.

De aí a dar clases?
Non tan axiña. Polo medio da carreira, casei, traballei na hostelería e tiven un fillo que agora ten 17 anos. Como profesora empecei en 2013, a raíz dunha interinidade que me saiu tras presentarme ás oposicións. Foi na Universidade Laboral de Ourense e, para coller táboas, ocurríuseme ir a clase cos meus alumnos para aprender como se facían as cousas. Pero antes foi o da hostelería e tamén, xa coa carreira rematada, o meu traballo nunha canteira e como xefa de obra. De nena, ademais, axudaba na pastelería da miña tía en Viveiro e ata teño ido ao mar a sacar os centolos do aparello. Fixen de todo!

Con que traballo se quedaría?
Co de profesora. Sempre quixen selo. Son profesora de taller, pero encántame. Sempre fun de facer cousas, construír, pintar... Son das que teño un taladro na casa para facer pequenas reformas. Fixen un ciclo de Mecanizado no CIFP Politécnico. E tamén me gusta facer traballos manuais e outras cousas como a costura.

Cose para si?
Non, axudeille a miña nai a facer roupa para min. Sempre había algo que estrear por Ramos!

Un hábito de cofrade, quizais?
Non, fun catequista e fun nalgunha procesión como integrante de Bágoas da Terra, onde bailei durante vinte anos, pero non pertezo a ningunha cofradía. Era roupa para min.

Pese a todos os cambios laborais, ao final situouse ben. Foi sorte ou foi esforzo?
Foi unha sorte merecida equiparable ao esforzo que fixen cando me divorciei e criei soa ao meu fillo á par que atendía o bar e remataba carreira. Agora estou encantada sendo profesora e trato de ensinarlles aos alumnos coa miña experiencia de vida. Din que os profesores non estamos para educar pero penso que temos que aportarlles a nosa experiencia.

Como chegou á política?
Dixéronme que interesaba o meu perfil e, aínda que non milito, as miñas ideas son afíns ao PP. Agora escríbeme a xente por Facebook para plantexarme problemas. Creo que se debería dar política nos colexios para fomentar a participación cidadá. Eu só quero o ben para Lugo, dáme igual realmente quen goberne o Concello. Se tivese tempo, faría un blog para contar a miña experiencia na política nesta faceta que estou a descubrir.

Sagrario Sánchez Ramil: "Eu só quero o ben para Lugo, dáme igual...
Comentarios