Sae a licitación a transformación da Ronda entre as rúas Santiago e Vilalba

Terá un orzamento base de 575.000 euros e un prazo de execución de seis meses 
Arroxo, na zona da Porta de Santiago. EP
photo_camera Arroxo, na zona da Porta de Santiago. EP

O Concello de Lugo avanza na transformación da Ronda da Muralla no seu percorrido entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba. O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, explicou que este mércores a xunta de goberno deu o visto e prace para iniciar o procedemento de licitación desta actuación, que terá un orzamento base de 575.990,77 euros, e un prazo de realización de seis meses. "Unha vez se rematen esta actuación e a peonalización do treito da Mosqueira, a veciñanza de Lugo contará coa totalidade da zona sur da Muralla humanizada”, explicou o edil nacionalista.

"Trátase dunha zona situada a carón da muralla que case non tiña beirarrúa, e na que os vehículos pasaban pegados ao monumento na que realizamos unha intervención temporal no 2020, anulando un carril de circulación ao tráfico rodado, aumentando o espazo peonil arredor do monumento", declarou o responsable da área de mobilidade. 

"Renovarase a estética da Porta de Santiago, onde se xuntan os tres patrimonios da humanidade de Lugo", explicou Arroxo

Segundo Arroxo, "a mellora deste treito permitirá transformar o entorno da Ronda da Muralla, non só aumentando o espazo peonil, senón renovando a zona da Porta de Santiago dando unha mellor estética ao punto da cidade no que se xuntan os tres Patrimonios da Humanidade cos que contamos". Ademais, o tenente de alcalde explicou que "o proxecto que se levará adiante permitirá ampliar a actuación no futuro, cando se avance na peonalización total da Ronda da Muralla”.

O alumeado deste treito consistirá en nove luminarias LED tipo RGB, que permitirán unha iluminación ás distintas horas e á luminosidade do día. O alumeado permitirá variar a luminosidade do monumento segundo a hora do día, mostrando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás.

TRÁFICO. En canto á circulación do tráfico, Arroxo avanzou que "os vehículos contarán con maior fluidez, xa que se modificará o cruce da Ronda da Muralla coa rúa Santiago". O cruce pasará de ter o actual semáforo de tres tempos a contar con preferencia no tráfico que circule pola Ronda, tendo un ceda o paso os vehículos que se acheguen pola rúa Santiago.