Rueda asegura que a proposta para crear o xulgado do social en Lugo é "prioritaria"

Considera que o vindeiro luns a comisión mixta de xustiza ratificará esta petición, que parte de datos "obxectivos"

Alfonso Rueda, en el Congreso. XOÁN REY
photo_camera Alfonso Rueda, en el Congreso. XOÁN REY

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, referiuse este venres á denegación do Ministerio de Xustiza de abrir un novo xulgado do Social en Lugo. Asegurou que a proposta -que incluía tamén unha petición para Santiago e para Vigo- está "acordada" co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e é "prioritaria". A nova apertura só foi concedida en Vigo.

Así se pronunciou o tamén conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza este venres en declaracións aos medios despois de que o Goberno central autorizase a creación de tres unidades xudiciais para Galicia, entre as que non se atopa o xulgado de Lugo. En concreto, nun oficio emitido pola Dirección Xeral de Xustiza, a data de 19 de febreiro e ao que tivo acceso Europa Press, o Ministerio concede unha praza de maxistrado para a Sección 2ª da Audiencia Provincial da Coruña, un xulgado de Primeira Instancia para A Coruña -o número 14- e outro do Social para Vigo -número 6-.

Respecto diso, Rueda destacou que a proposta trasladada polo Goberno galego saíu da comisión mixta de xustiza, na que participa a Administración autonómica e o TSXG, un órgano que foi convocado para o vindeiro luns, día 25 de xaneiro. "Foi ese órgano o que, analizando datos obxectivos, determinou que os tres xulgados máis necesarios por carga de traballo e acumulación de asuntos eran eses tres e dado que o ministerio ofrecía a posibilidade só de que se creasen tres órganos, o que fixemos foi crear esa proposta", subliñou.

O vicepresidente explicou que este foi o "mesmo camiño" que se seguiu noutras ocasións e nas que a proposta trasladada pola Xunta e o TSXG "sempre era atendida polo misterio". "Creábanse eses xulgados e, despois da súa posta en marcha, a maior parte do custo económico era asumido pola Xunta", indicou.

"DECISIÓN NON EXPLICADA". Por iso, Rueda lamentou que agora a xustiza galega se atope cunha "decisión non explicada". "Só se nos di que os xulgados que se van crear non son eses tres que se pedía en primeiro lugar", manifestou Rueda.

Neste sentido e após de deixar claro que "os datos non variaron", informou de que a comisión mixta volverá facer o informe para enviar ao ministerio. "E volveremos pedir, se é que da reunión do luns volve saír ratificada a proposta, que se entre en razón". "Son moitas as necesidades da Xustiza e, se houbese a necesidade de crear máis órganos, nós creariamos máis, pero se só son tres, o tres máis prioritarios son estes", apuntou.

Comentarios