Rubén Arroxo: "Todos os cambios son polémicos ao principio pero se tes medo ás queixas non fas nada"

O tenente de alcaldesa de Lugo encara, como edil de mobilidade, un dos retos máis desafiantes do goberno local: as novas liñas dos buses. Rubén Arroxo sabe en que lameira se mete pero di que os cambios hai que facelos con valentía.

Rubén Arroxo, na Mosqueira. XESÚS PONTE
photo_camera Rubén Arroxo, na Mosqueira. XESÚS PONTE

Fai un esforzo gardar na súa cabeza todas as cifras relacionadas coa posta en marcha das novas liñas dos buses, que será pasado mañá. Son datos que, nestes días previos, repasou unha e mil veces para falar deste planeamento no que non só haberá novas liñas senón que tamén se irán renovando as paradas e os infobuses —postes informativos— e comezarán a funcionar as pantallas electrónicas. Todo elo configurará unha nova rede de transporte urbano e, en definitiva, un novo xeito de mobilidade na cidade. 

Este mapa de rutas non ten nada que ver co que había ata agora. Por que cambiaron todas as liñas? 
É un novo concepto de transporte público urbano o que queremos poñer en marcha en Lugo. A idea de antes, coa que se configuraron as liñas, era a de cruzar a cidade de punta a punta, en rutas longas. Agora pretendemos todo o contrario: trátase de conexións curtas en bus co centro de forma que, en dez minutos, se poida facer un transbordo e así ir a outra zona da cidade. Digamos que o de antes era un xeito de facer e de entender o transporte no século XX, que consistía en comunicar a cidade de estremo a estremo, e este novo é un xeito de ver o transporte no século XXI, con percorridos rápidos e curtos. 

Cales serán as paradas nodais onde se farán os transbordos? 
Basicamente, estarán na Ronda da Muralla. Serán a de Sindicatos, a do Fogar de Santa María, a da rúa Vilalba e tamén estamos a facer outra na praza de Bretaña porque desaparecerá a que hai enfrente dos Maristas ao desviarse o tráfico por Ramón Ferreiro e Salvador de Madariaga. 

Cantas liñas haberá? 
Os días laborables, serán dezasete urbanas e catro rurais. Antes, eran quince liñas urbanas e catro rurais. E, a fin de semana, quedarán doce liñas urbanas e ningunha rural. 

Moitas das queixas que están a recibir estes días no Concello son das zonas rurais e dos extrarradios, precisamente onde fan máis falta os buses porque hai poboación máis avellentada e porque esta xente non ten coche e queda incomunicada. Non sería mellor darlle unha volta a esta planificación neste sentido? 
O problema da zona rural é que hai pouca poboación e, ao final, hai poucos usuarios dos buses urbanos e non compensa manter unha liña de longo percorrido —para que chegue a zonas rurais— se, ao final, soben ao bus cinco persoas e, a cambio, as frecuencias e os traxectos fanse máis longos. Por exemplo, o bus que iba a Muxa —que agora será o 4.1— non chegará a esta parroquia todas as horas como antes. Haberá cinco servizos nas horas nas que subía máis xente (ás 8.35, 10.15, 13.35, 16.00 e 20.10 horas), pero non todo o día. Esta situación facía que, antes, outras zonas, máis poboadas, non tivesen conexións en bus con outros puntos da cidade. Ata agora, os veciños da Cheda ou da Avenida das Américas non tiñan bus directo ao Hula, cando son zonas con moita poboación. Agora terano. 

Os transbordos de liñas serán gratis durante unha hora. Ademais, o 1 de xuño, non cobraremos as viaxes

Como quedarán, logo, o resto das liñas do rural? 
Haberá catro liñas na zona rural, con servizos catro veces ao día. Serán as que pasan por Bóveda e O Carqueixo, a de Pías-Tirimol, a de Nadela-Recimil e a de Esperante- Calde. En Muxa, reducirase a cinco servizos diarios e, en cambio, en Conturiz, ampliarase e haberá un bus cada media hora: un, irá ao campus, e o outro, ao centro. Tamén hai que lembrar que o Concello ten asinado un convenio co Transporte Metropolitano da Xunta polo que, catro veces ao día, pódense coller estes autobuses que veñen a Lugo e pasan polas estradas da Fonsagrada, de Portomarín e de Friol e tamén polo Corgo. Con este servizo e co do bus urbano, quedaría cuberta, con transporte público, o 80 por cento da poboación rural do municipio de Lugo. 

Ampliarán liñas hacia o Hula e todas, menos unha, irán pola Ronda Norte. Poñerán unha parada na rotonda que une as rondas Norte e Leste? 
Si, esa é unha novidade. Atopabámonos alí cun sitio onde haberá moito cruce de buses e, en cambio, non tiñamos onde poñer unha parada porque a estrada que vai a Asturias é de Fomento e as rondas Norte e Leste son da Xunta. Así que chegamos a un acordo cos donos de Piensos Falcón e eles cedéronnos un sitio no seu solar para facer alí unha parada de bus. E será un punto importante de comunicación porque, por alí, pasarán as liñas que van a Hula e as que van ao campus, ao Ceao, a Fontiñas, a Avenida das Américas; e son as liñas urbanas que vertebrarán a cidade. 

Non só haberá cambios nas liñas, tamén reformarán os infobuses e as paradas, non si? 
Si, claro. Os infobuses iranse renovando. Hai moitos, temos uns 400. E a todos lles hai que cambiar a información das rutas. Tamén se poñerán en marcha este martes as pantallas electrónicas das paradas. Temos 21 nos puntos de máis afluencia de xente, pero a idea e ilas incrementando noutros puntos. Agora xa se poderá saber canto tempo falta para que chegue o bus desde a parada. E tamén iremos reformando as marquesinas das paradas. Aí iremos pouco a pouco porque hai moitas paradas: 450. 

Ademais das pantallas, haberá información online actualizada sobre os percorridos dos buses? 
Sí, na web urbanoslugo.com, os usuarios terán información dos buses en tempo real. 

O prezo da viaxe será o mesmo? 
Si, temos o bus máis barato do Estado. Se cadra, hai que facer un debate sobre a renovación dos prezos. Os transbordos serán gratuítos durante unha hora. Despois, o prezo normal, por transbordo, será 19 céntimos, e reducido, 11. En canto ao custo do billete, o martes, que é o primeiro día, non se cobrará nada. Despois, os prezos serán os de sempre: billete individual, 64 céntimos; con tarxeta ordinaria, 45, e con tarxeta bonificada (desempregados, pensionistas ou estudantes), 31. 

Iranse renovando os infobuses e as paradas. Haberá tamén información actualizada en urbanoslugo.com

Cambiará o tempo diario de funcionamento do bus urbano? 
Non, iso seguirá a ser igual. Desde as sete e media da mañá, aproximadamente, ata as dez e media da noite. 

Levoulles moito tempo facer esta planificación dos buses? 
Xa hai un ano que están deseñadas as liñas, despois de que Monbus fixese unha proposta baseada en enquisas feitas dentro dos buses, estudios poboacionais e tamén peticións cidadás. 

É consciente da cantidade de queixas que van ter por toda esta revolución que están a facer? 
É normal que haxa queixas porque se vai cambiar algo totalmente. Pero se tes medo ás queixas, non fas nada. Tampouco se farían a rotonda de San Eufrasio, nin as peonalizacións de Quiroga Ballesteros e da Mosqueira. Para min, é unha satisfacción cumprir co que tiñamos que facer. Todos os cambios son polémicos ao principio. 

Están a tempo aínda de reformar as liñas? 
Podémolas reformar pero por cada metro que alonguemos unha liña, quitarémosllo a outra. 

E non poderían poñer máis número de liñas? 
Temos xa copado o 99,94 por cento dos quilómetros contemplados no contrato do bus urbano. Polo tanto, non é posible poñer máis liñas. Este contrato asinouse en 2016 e estará en vigor quince anos.

"As pequenas cousas son importantes para as persoas tamén"
Canto lle falta para ver peonalizada a rúa Quiroga Ballesteros? 
Menos dun mes. Esta foi unha obra polémica pero agora hai xente que xa a agradece. 

E a rotonda de San Eufrasio? 
Entra en funcionamento o luns. Quedan bordos e farolas. 

Que pasará coa Mosqueira? 
Será peonil antes de final de ano. Empezaremos xa as obras. 

Non haberá máis tráfico en Ramón Ferreiro ao desviar por aí os coches da Ronda da Muralla? 
Un estudo que fixemos demostrou que non haberá atascos. 

Para cando os carrís bici? 
É difícil poñelos en Lugo porque non todas as rúas teñen o ancho suficiente salvo Afonso X, Infanta Elena ou a Ronda do Carme. De todos os xeitos, eu, por Ramón Ferreiro ou pola Ronda da Muralla, síntome seguro indo en bici. 

De que maneira se pode facer política municipal con pequenas cousas como tapar fochancas ou pintar pasos de peóns? 
Temos a obriga de ir cumprindo o que a xente nos pide. As pequenas cousas tamén son importantes para as persoas. 

Todo isto revertirá en votos? 
En dous anos, pode cambiar todo. O máis importante é que, cando pase este tempo, se poida dicir que cumprimos co que dixemos na campaña. 

Quédalles aínda algo por facer? 
Queremos facer unha pasarela no centro de saúde de San Roque e facer unha zona 20, onde o peón teña preferencia, na rúa Luis Seoane, na Milagrosa. Todos os barrios deberían ter un sitio onde poder estar ao aire libre os veciños. 

Como levan o reparto de competencias o BNG e o PSOE? 
Cada un sabe o papel que lle corresponde pero cando precisamos coordinarnos, facémolo. 

Esquécense as siglas daquela? 
Cando hai que xuntarse para calquera tema importante para Lugo, polo menos pola nosa banda, si.

Comentarios