Rubén Arroxo: "Será Lara Méndez quen terá que apoiar o BNG, e non ao revés"

O candidato do BNG á alcaldía de Lugo entrou hai catro anos en política como unha carreira de fondo. Hoxe, cun escenario que cre que pode favorecer o BNG, amósase convencido de que desta vez vai ser Lara Méndez quen vai ter que investilo a el alcalde

Rubén Arroxo (Lugo, 1985). VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Rubén Arroxo (Lugo, 1985). VICTORIA RODRÍGUEZ

Saltou á primeira liña política hai catro anos e hoxe é un dos candidatos sobre os que hai máis expectativas de crecemento. Tanta confianza pode ser prexudicial? 

Pode desmobilizar e pode animar. Máis aló das enquisas, hai unha tendencia positiva. Estanse achegando a nós, incluso afiliando, persoas que no seu momento participaron do movemento ligado a En Marea e saíron desilusionadas. E incluso xente que non estivera no BNG e que despois de pasar por esas formacións se está achegando. E nos últimos meses hai outro sector de persoas que estaban nunha liña do PSOE galeguista, que despois do que aconteceu en Madrid, sobre todo cos últimos Orzamentos do Estado, nos que Galiza saía bastante prexudicada, que tamén se están achegando e participando na campaña. 

En 2015, o BNG elixiu non entrar no goberno. Non é corresponsable do déficit de xestión neste período? 

Eu creo que non. Daquela anunciamos unha oposición construtiva, dixemos que non iamos buscar bloqueos. Fomos críticos cando había que selo, pero seguimos unha liña de propostas e a resposta que recibimos do goberno non foi correspondente. 

Foron máis propositivos ca fiscalizadores. Preparaban o terreo para un futuro pacto ou, pola contra, esa deficitaria resposta ás súas propostas pode dificultar un acordo de goberno? 

Nós presentámonos clarisimamente para apostar pola alcaldía. Levamos un programa e un equipo que está para saír a gobernar mañá. E as propostas que fixemos son realistas e comprometémonos a executalas. Danse as circunstancias que se dán sempre cando o BNG consegue alcaldías: un BNG forte e un PSOE e PP febles. O PSOE está moi debilitado pola xestión dos últimos catro anos, o PP tamén está feble, tamén polo pouco investimento da Xunta en Lugo, e a dereita está dividida. 

Sendo realistas, semella difícil que o BNG quede por diante do PSOE. 

Cousas máis difíciles se acadaron. No 99 faltaron uns 500 votos para alcanzar o PSOE. 

Cre que a situación é comparable? Agora a esquerda preséntase aínda máis fragmentada ca en 2015. 

Son moi diferentes as situacións, e si, unha esquerda fragmentada foi algo que nos prexudicou moito hai catro anos. Pero eu creo que moitas persoas quedaron desencantadas con outros proxectos e están vendo que quen ten un proxecto serio é o BNG. 

Lugonovo leva de candidato a un exBNG. Será iso un problema ou ao contrario? Pode chegar a favorecer un acordo de goberno? 

Eu creo que agora mesmo non é un problema. Hai catro anos si que fixo dano [a marcha de xente do BNG a Lugonovo], pero neste tempo quedou moi clarificada a diferencia dos proxectos. E nós temos unha cousa clara: a veciñanza vai dar unha representación e despois os partidos temos a obriga de que esa institución funcione. 

En 2015 vetaron a Orozco por estar imputado. Lara Méndez estao agora. Será un problema? 

O noso criterio é que non aceptamos imputados por corrupción. Esta é unha imputación diferente, administrativa, porque se tardou dous meses en desprazar a unha funcionaria do seu posto. Pero esperamos queque apoiar o BNG. 

E se se materializa a ameaza de querela da CSIF? 

Teremos que analizar se existe, se existe imputación, en que termos..., e logo decidir. 

Di que neste mandato as propostas do BNG non tiveron a acollida que debían por parte do goberno. Que debe cambiar para que lle ofreza máis confianza? Cales serán as liñas vermellas do BNG e os compromisos irrenunciables? 

A confianza gáñase camiñando. Haberá que ver que disposición ten o PSOE, ou outros grupos, porque pode haber unha corporación moi diversa. Non imos poñer liñas vermellas senón buscar as posicións que sexan mellor para Lugo. 

Cambioulle a idea do Concello tras pasar por el? 

Un pouco si. Pensaba que a administración podía ser algo máis rápida. E, dentro da política, vin detalles que transmiten que o que importa non é solucionar os problemas senón crealos. 

E a pesar de todo, vostede quere ser alcalde. 

Si, porque creo que podemos mellorar moito esta cidade e a vida da xente. 

Remunicipalizar non é tan fácil? 

Pois moitos servizos non, e aí temos que ser claros. A min, como persoa de esquerdas, gustaríame, pero temos que ser pragmáticos, e hai cousas que coa lexislación estatal que hai non podes cambiar. 

Se está na súa man veremos unha peonalización do centro e da Ronda rápida, en quente, ao xeito no que se fixo en Pontevedra? 

A da Ronda cremos que ten que ser a oito anos. Pero si, peonalizaremos de forma inmediata o casco histórico e a Mosqueira. 

En 2015 reduciuse o gasto político e de persoal asesor. Está de acordo ou faise demagoxia con isto? 

Ás veces faise populismo. É diñeiro público, pero son porcentaxes moi pequenas no conxunto do orzamento. E despois atopámonos con que, quen ten que xestionar un concello de 98.000 habitantes, ao mellor non ten os recursos políticos e persoais suficientes. 

A nivel galego empeza a falarse da reunificación do nacionalismo. En Lugo é impensable a curto prazo? 

Pois eu creo que se está acadando. Moitas das persoas que se foron estanse volendo a afiliar. Despois de todo o experimentado fóra viron que esta era a casa común. 

O BNG viu reducido o seu corpo nos últimos anos, pero viviu máis tranquilo. Eses regresos poden volver a provocar conflitos? 

Eu creo que non, porque as persoas que están regresando marcharon sen facer dano e están volvendo con ganas de facer cousas.

Comentarios