Rubén Arroxo: "Gobernar é moi duro, pero compénsao ver cambios en Lugo"

Nado en Lugo en 1985, este aparellador e exadestrador de atletismo comezou a súa andaina política en Galiza Nova e leva tres anos á fronte das infraestruturas e a mobilidade do Concello, adoptando cambios que están transformando espazos públicos e modificando o tráfico
Rubén Arroxo, na Mosqueira. XESÚS PONTE
photo_camera Rubén Arroxo, na Mosqueira. XESÚS PONTE

A piques de iniciar o cuarto e último ano deste mandato municipal, e segundo algunha enquisa, os lucenses valoran máis a acción de goberno da área socialista que a xestión nacionalista.
Eu vin que nos daban que incrementabamos o apoio e unha valoración bastante positiva. En todo caso, por unha cuestión sociolóxica, as enquisas sempre nos dan máis baixo do que finalmente sacamos. No 2015 dicíannos que íamos desaparecer e obtivemos dous concelleiros. No 2019, a enquisa dun ano antes dábanos dous e a de dúas semanas antes, tres, e ao final sacamos cinco. Nas galegas dábannos que iamos ser a terceira forza e non iamos pasar de 14 e sacamos 19 e fomos a segunda forza. Ou sexa, que totalmente tranquilos, creo que imos por bo camiño.

O BNG fiou a campaña electoral, coa que xerou moitas expectativas, e a acción de goberno á mellora da mobilidade na cidade, pero hai xente moi enfadada coas peonalizacións, co carril bici, cos cambios de sentido de circulación... Será agora a mobilidade o seu talón de Aquiles?
Non, eu creo que os cambios están sendo moi importantes en Lugo. Ademais, a min, que paseo todo o que podo porque me gusta estar en contacto directo coa xente, o que me din é que os cambios están sendo moi positivos. É certo que nun primeiro momento os cambios son polémicos, pero cando a xente ve o resultado asume que compensa perder ese dereito a pasar co coche por eses sitios. Agora alguén estaría a favor de volver meter tráfico pola Mosqueira?

Seguramente si.
Unha porcentaxe moi pequena.

Na esquina de San Roque e a Ronda da Muralla quedou un espazo moi amplo, agora ata parece que se respira, tería sido marabilloso que iso puidera quedar así

O certo é que para algúns cidadáns son moitos cambios e outros senten decepción por que non van máis rápido, por exemplo, coa peonalización da Ronda da Muralla.
A min non houbo ninguna persoa que me dixera que iamos demasiado lentos. É máis, a mensaxe que me deu algunha persoa é, ides ben, pero igual ides algo rápidos. Pero hai que ir rápido sempre.

Sendo deportista e amante da bici, asumo que xa percorreu o novo carril.
Non, non pasei polo carril bici.

E iso como se explica?
A verdade é que para os movementos que fago pola cidade en bici non me cadra. 

Anda! Xusto unha das queixas que hai sobre este carril bici.
A ver, nós respectamos o proxecto, que xa vén do mandato pasado e non estamos a levar nós senón o socio de goberno, pero respectámolo porque vai na liña de apostar por unha cidade máis sustentable e ecolóxica. Pero é público, ía no noso programa electoral, que a nosa aposta pola bici non era o carril senón o calmado do tráfico e que a bici convivise cos coches. Eu cando me movo en bici sempre o fago pola calzada e nunca tiven  ningún problema.

Aos cidadáns tampouco lles convence a reforma do bus, a xulgar polo que se escoita e polo resultado dalgunha enquisa.
Na enquisa o bus saía aprobado, a pesar de toda a campaña de dano que se fixo hai uns meses contra o el, que foi terrorífica.

"Non percorrín o carril bici porque nos meus desprazamentos pola cidade non me cadra"

A estas alturas iso da campaña non sona a escusa?
Fíxoselle moito dano, sobre todo para a xente que non usa o bus, que se quedou cunha percepción moi negativa. A xente que o usa, a inmensa maioría eu creo que percibe que funciona ben. É certo que hai puntos que poden ser peores. Nós temos un tope de quilómetros no contrato, e aínda que non os tivésemos, nunca se pode atender o 100% das demandas. Pero hai que dicir que houbo un salto moi cualitativo nas conexións de bus. E sempre fai máis ruído a xente que está descontenta e xente descontenta sempre vai haber porque non se pode chegar a todos.

Se estamos apostando por diminuír o uso do coche na cidade e aínda non hai unha cultura de mobilidade alternativa, como pode ser a da bicicleta, non merecería a pena facer o esforzo de revisar o contrato do bus para ampliar e mellorar este servizo?
Aí polo que se me trasladou non é posible. Si que é unha mágoa, porque posiblemente con dous buses máis teríamos cuberta boa parte da demanda. Tamén é certo, e hai experiencias, que nunca é suficiente, sempre vai haber demandas novas. E ademais, canto máis pos, máis deficitario é o servizo, e ese diñeiro pagámolo todos, entón tamén temos que ser responsables.

Revisar o contrato é imposible ou é difícil e custa cartos?
A min polas consultas técnicas que fixen dicíanme que non era posible.

Lugo terá zona de baño no río e caldas, dúas demandas históricas do BNG que agora materializa o PSOE, non sen controversia polas fórmulas elixidas. Senten que se lles apropiaron dos proxectos ou senten alivio por non ter que dar a cara por eles?
Apropiación para nada. Todo o contrario, é unha satisfacción que iso vaia adiante. No pacto ía que a praia a ía xestionar o PSOE. Sobre as caldas, semella que tecnicamente non era posible aproveitar as augas termais e optouse por outra fórmula, que si que ten certa polémica, pero eu creo que pode ser unha infraestrutura que pode ter un resultado moi positivo para a xente de Lugo.

Por unha cuestión sociolóxica, as enquisas sempre nos dan máis baixo do que finalmante sacamos

Di que pasea moito... Que pensa cando ve a esquina de San Roque e a Ronda da Muralla libre de edificios?
A verdade é que agora ata parece que se respira, quedou aí un espazo moi amplo. O certo é que tería sido marabilloso que iso puidera quedar así. Cando se aprobou o Pepri, en 1997, o BNG abstivérase porque non se recollía a protección dese solar e de Recatelo. Recentemente, cando se aprobou a modificación do Pepri, o BNG alegou, como fixo tamén o Colexio de Arquitectos, para reducir a edificabilidade e retranquear o máximo posible. É importante que se solucione esa esquina, porque é un dos puntos de máximo feísmo da cidade, pero tamén é importante que a solución harmonice o máximo posible porque hai dous Patrimonios da Humanidade.

E que cre a solución que se aprobou harmoniza?
Do 0 ao 10 creo que pode andar nun 4, non chegaría ao aprobado. É certo que agora tíñamos un cero, pero non é a solución idónea, nin moito menos.

Aínda non hai proxecto edificatorio, non estamos a tempo de buscar un acordo cos donos do solar para trasladar toda ou parte da edificabilidade a outro lugar? 
A ver, aí nós abstivémonos cando foi o tema da modificación do Pepri para darlle esa edificabilidade. Non votamos en contra porque entendemos que había que darlle unha solución a esa esquina, que non podía seguir así, pero non votamos a favor porque para nós iso non chega ao aprobado. Buscar algún tipo de acordo? Eu creo que pode ser unha opción para poder mellorar. Non sei que viabilidade hai para levar a cabo iso...

O BNG está disposto a dar a batalla por iso? Hai militantes moi enfadados...
Si, hai un movemento social que nos pediu unha reunión, onde hai xente do BNG, xente con carné doutras organizacións e xente que non está vinculada a ningunha que está tratando de defender os intereses xerais. Nós estamos de acordo coas súas reivincidacións, porque ademais é xente que ten dado a guerra noutras cuestións urbanísticas da cidade e sempre tivo un criterio moi razoable, O primeiro paso será escoitalos. E todo o que poida ser optar pola mellor solución, se ese 4 podemos subilo a un 5 ou un 6 será moito mellor...

A decisión de non facer o feiral de San Froilán foi quizais o gran tropezo político do BNG nestes tres anos, xa que levou a que o fixera a alcaldesa e a que esta saíse reforzada. Desquitaranse esta vez?
Era unha situación moi complexa. Cando empezamos a traballar estabamos cunha incidencia de covid das máis altas. Optamos polo principio de precaución. Se foi un erro ou non? Tomamos a decisión que coa información que tiñamos era a máis acaída. Tal e como rematou é certo que non pasou nada. Pero tiñamos medo a que o recinto puidera provocar un macrobrote. Este ano, salvo un acontecemento novo pandémico, o San Froilán volverá a ser moi parecido ao de 2019.

Este ano a maior dificultade quizais sexan os prezos. Están en risco as casetas do polbo? Prevé tensión cos feirantes?
Sempre a hai, todo o mundo tira para o seu, como ten que ser. Os do polbo tamén, e nós tiramos polos intereses xerais do Concello. Imos intentar que todo funcione o mellor posible.

Gobernar é duro? Que balance fai despois de tres anos?
Gobernar é moi duro. Tamén é certo que, se che gusta ver como vai cambiando a cidade, como vas conseguindo cousas nas que cres, ou como axudas a que a vida da xente mellore, a satisfacción persoal compensa a dureza.

Repetirá ás eleccións de 2023 co mesmo equipo?
Pois iso teno que decidir a organización. E primeiro ten que decidir se quere que repita eu.

"Non poñería a man no lume porque o auditorio abra neste mandato"

Fagamos ciencia-ficción. Imaxine que mañá ten o novo auditorio da cidade listo para funcionar. Como o porá en marcha?
Aínda non está pechado, pero en principio o sistema será semellante ao que hai no Gustavo Freire, un contrato de servizo para xestionar o centro e que quen teña o control da programación sexa o Concello, que non sexa unha concesión, como se fixo noutros sitios.

Prevén crear algún órgano ou algún posto específico para xestionar a actividade cultural deste edificio?
Polo de agora non vemos preciso iso, porque vemos que coa programación que se fai dende a concellería estase conseguindo encher os tres edificios culturais que hai agora en activo (o Gustavo Freire, O Vello Cárcere e o MIHL) con actividade continuada, ademais da que se fai na rúa e noutros espazos. Hoxe hai capacidade de sobra demostrada para xestionar a programación do novo auditorio.

O que ían ser arranxos no edificio por 400.000 euros agora xa están en 800.000 e o tempo corre. Cre que o auditorio funcionará antes de que acabe este mandato municipal?
Ogallá. A min gustaríame que o auditorio xa se puidera ter utilizado hai anos.

Seguindo o seu sistema de análise, do 1 ao 10, que posibilidades ve?
Puf, pois non me atrevo a dicir, a verdade, porque os prazos na administración son moi complicados de adiviñar. A xente que está fóra ve que todo vai lento, pero os que estamos dentro empuxando desesperámonos para que todo vaia o antes posible.

A man no lume non a pon.
Non, non a vou poñer. Aínda que o meu desexo, evidentemente, é que estea listo canto antes.

Non haberá moitas dúbidas sobre iso... 
Non sei, hai que preguntarllo á organización. Sempre funcionamos de forma colectiva. Eu persoalmente estou encantado co equipo. Creo que conseguimos funcionar moi ben, ademais cunha relación non só politica senón persoal marabillosa, e iso é moi positivo para poder gobernar comodamente.

Comentarios