Rubén Arroxo: "Non imos cunha filosofía pactista, senón para facer un proxecto para Lugo"

O aspirante do BNG á alcaldía afirma que a súa candidatura reúne "os colectivos máis castigados pola crise", defende a descentralización e outro modelo de mobilidade
Rubén Arroxo, durante el Encuentro Digital
photo_camera Rubén Arroxo, durante el Encuentro Digital

O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, reiterou este luns a súa aposta por "un modelo alternativo de mobilidade" para a ciudade e por unha liña vermella, que é a de non pactar con imputados se fosen necesarios acordos para decidir o alcalde despois do día 24. "A miña candidatura non parte dunha filosofía pactista, senón coa intención de facer realidade un proxecto para Lugo e loitar por atender as necesidades sociais dos nosos veciños", explicou Rubén Arroxo durante o Encontro Dixital que mantivo este luns cos usuarios de elprogreso.es.

Durante máis dunha hora, o alcaldable respondeu a todas as preguntas formuladas polos internautas. Así, dixo que na súa candidatura, na que hai un corenta por cento de "xente que non está afiliada", figuran representantes dos "colectivos máis castigados pola crise". Entre outras cousas, expuso a pretensión de "recuperar a zona rural como espazo capaz de xerar emprego", defendeu que se manteña "un dinamismo cultural e festivo ao longo do ano" e non só no San Froilán e o Arde Lucus, e avogou por que "as personas que viven fóra do centro urbán teñan os mesmos dereitos e servizos que o resto dos lucenses".

Rosalía: Por que o BNG ten un asesor que cobra do Concello e que está traballando na sede do partido sen pisar o Concello? Veo normal? Cre que é lóxico que os veciños manteñamos o soldo de traballadores do seu partido?

As institucións ofrecen actualmente unhas ferramentas aos partidos políticos para desenvolver o seu traballo. Este traballador dedica a súa xornada laboral á política municipal, no propio Concello, e colabora en actividades impulsadas polo Bloque.

Pajarita: ¿Quién va en su lista electoral? ¿Puede dar los nombres de quiénes conforman su lista? ¿Qué nombres figuran en su candidatura?

A lista do BNG-Asembleas Abertas está conformada por persoas que representan aos colectivos máis afectados por esta crise. Temos xente do ensino, da sanidade, afectados polas preferentes, desempregados, vítimas da violencia de xénero, persoas con discapacidade, etc. A nosa intención é reflictir os sentimentos e as necesidades da maioría social por riba de personalismos.  

Alberto: El BNG cogobernó, sucesivamente, en Lugo y luego en la Xunta. En ambos casos las consecuencias fueron desastrosas para la formación: mayoría para PSOE en Lugo y regreso del PP a la Xunta y disgregación del BNG. A nivel nacional, apoyaron una y otra vez a Zapatero en el Congreso de los Diputados. ¿En realidad creen que no tienen ninguna responsabilidad en todo lo que ha pasado en Galicia y en España en estos últimos quince años?

Primeiramente, quero aclarar que o BNG non apoiou a Rodríguez Zapatero máis alá dunhas cuestións puntuais relacionadas con Galicia. En canto ao Goberno bipartito da Xunta, hai que lembrar que, obxectivamente, foron os mellores anos para a economía galega. En todo caso, a nosa responsabilidade sempre se centrou en acadar transformacións sociais alí onde se gobernou, xa fóra no eido autonómico ou no local.

Lugo_denuncia: Se Orozco é o máis votado e necesitara en segunda votación a metade máis un para saír alcalde... a pregunta é moi fácil: se vostede sae concelleiro... votará si, non ou abstención?

O BNG-Asembleas Abertas deixou claro que non pode apoiar a persoas imputadas por corrupción.

LyonKing2: O deporte é un tema que Vd. coñece ben... Qué propostas presenta?

O noso extenso programa deportivo baséase nos piares da defensa do deporte de base, a dinamización do deporte feminino e a posibilidade de poder manter deportistas de alto nivel no concello de Lugo.

Fulano: Que propostas tes para mellorar o problema do paro que hai na cidade?

Malia a que o Concello non ten competencias directas nesta materia, dentro das súas posibilidades apostamos pola dotación de partida de axudas para o fomento da contratación e formación de pequenas empresas, ao igual que o asesoramento a emprendedores a través da ferramenta do CEI-Nodus. Tamén pretendemos recuperar a zona rural como espazo capaz de xerar emprego no eido agrogandeiro.

Balsa: En Albeiros e concretamente na Rúa Fisterra haí uns "adefesios" de beirarrúas, ás cales se lles fixo rampa de acceso, pero resulta que teñen postes de luz e telefónicos ubicados xusto no medio, se a isto engadimos que as devanditas beirarrúas teñen de ancho menos de medio metro... para vivilo. Pero polo arcén. co perigo que supón e máxime en cadeiras de rodas. Segundo, na mesma rua existe unha antiga marmoleria (hoxendia sen actividade) nin posibilidades de renovalas; á altura da mesma hai como 20 metros sen beirarrúas e a isto hai que engadir que se crea un cuello de botella no arcén "perigosísimo". Máis dun accidente se ten producido neste lugar. Definir estas eivas en tan curto espazo de rúa é o lóxico (nesta caótica cidade). Ríos merdentos, asistentes sociais lonxanas, mapas escolares que nos mandan os nenos ao colexio das Gándaras), veciños que non saben se son donos ou non das suas casas (A Croa)... por certo, non se chega a este núcleo por ningunha rúa que teña beirarrúas.

Dende o BNG-Asembleas Abertas xa presentamos nestes días un plan especial para os barrios de Lugo co fin de que as personas que viven fóra do centro urbán teñan os mesmos dereitos e servizos que o resto dos lucenses.

Carlos: Que visión ten vostede sobre o funcionamento de Protección Civil do Concello de Lugo? Coñece os escritos de denuncia que os voluntarios enviaron ao Sr. Orozco e que non contestou ningún, sendo un tema que lle pon dos nervios e non quere oir falar del? E por ultimo, non pensa que a persona posta a dedo para levar esta Proteccion Civil non ten a titulación requerida para iso?

Consideramos que o servizo de Protección Civil cumpre unha función moi importante no noso concello, polo que é preciso estudar a problemática existente e, de ser necesario, modificar a súa estrutura e funcionamento.

Si Pero Non; Iso de chamarse Asembleas-Abertas e como se quixeran facerlle un aceno ás plataformas do 15-M, pero tamén é como se quedaran a medias e non se atreveran a dar o paso de facer unha candidatura conxunta con outras forzas como ACE ou Lugonovo. Non lle parece? Foi así? Queren sacar partido do 15-M pero mantendo a marca?

O nome de BNG-Asembleas Abertas nace a raíz dun proceso de xuntanzas con participación de persoas que non teñen militancia política, algunhas das cales se integraron na nosa lista. Trátase de escoitar e agrupar as inquedanzas sociais, pero sen renunciar aos nosos principios de nacionalismo de esquerda. Un 40% da nosa lista en Lugo está conformada por xente que non está afiliada.

Adalberto de Riveira: Lo vemos mucho corriendo, haciendo atletismo, montado en la bici, con chandal. Aunque ya sabemos que no llega a los treinta, ¿no le parece que es una imagen demasiado juvenil y que pueda parecer poca seria?

Son un mozo de 29 anos. O feito de ir nunha candidatura política non me alonxa da miña condición social e xeracional. A miña condición de deportista xa vén desde neno e o uso da bicicleta débese á aposta por un modelo alternativo de mobilidade, que nos permita ter unha cidade máis sostible. Sen ir máis lonxe, Pontevedra pode ser un exemplo da proposta urbana do BNG. Por outra banda, en grandes cidades como Berlín ou Ámsterdam o uso da bicicleta é habitual, incluso en xente que vai con traxe e carteira ao traballo.

Javier: Nestes días lese como as grandes cidades galegas pelexan por crear novas rutas aéreas, que impulsen o turismo nas súas cidades. En Lugo o contexto é ben distinto, mais festas emblema coma o San Froilan semellan ter perdido o tirón de hai uns anos e a outras, coma o Arde Lucus, saíronlle copias a varrer; alén disto, vexo Lugo coma unha cidade bastante aburrida en canto a oferta de actividades culturais e de lecer. Ten o seu equipo algún plan concreto para inverter esta situación? Ou está condenado Lugo a ser un lugar de parada para ir a Compostela?

O BNG sempre fixo unha aposta firme pola nosa cultura o polo ocio cidadá cando tivo responsabilidades de goberno nesta cidade. Quero lembrar que fixemos unhas festas de San Froilán abertas, contando con grupos musicais e culturais de Lugo, e se levaron tamén as festas aos barrios. Ademais da potenciación do San Froilán e o Arde Lucus, debemos manter un dinamismo cultural e festivo ao longo do ano para o ocio da xente de Lugo e para que os propios artistas lucenses teñan espazos onde desenvolver e transmitir o seu labor.

Lois: Ola, Rubén. A miña dúbida é moi concreta, e creo que é compartida por tódolos simpatizantes dunha alternativa como a que, en teoría, debería de representar o BNG, e recalco o de "en teoría". ¿Cansouse xa o BNG de ser o tonto útil de PSOE, ou aínda se vai seguir afundindo mais por ese camiño, como leva facendo dende os infames pactos-matrimonio de antano, porque a verdade é que nos gustaría voltar a ver un partido con personalidade, defendendo o que se supón que ten que defender, en vez de tratar de buscar asentos a costa de votar o que sexa necesario alí onde, caso de Lugo, o Sr. Orozco llo reclame. Que conste que é unha crítica construtiva dun nacionalista moi doído que leva tempo sen votar o BNG, como moitos outros. Un saúdo.

Sempre que fixemos pactos foi coa intención de mellorar a vida dos lucenses e cando non nos foi posible desenvolver as nosas políticas, optamos por deixar o goberno. A miña candidatura non parte dunha filosofía pactista, senón coa intención de facer realidade un proxecto para Lugo e loitar por atender as necesidades sociais dos nosos veciños, que requiren solucións urxentes nestes tempos de crise.

José: Bo dia, candidato Ten pensado vostede "meterlle man" á policia local para que cumpla co seu labor? Que se deixen de tanto paseíño en coche e que pisen a rúa. Non sei que dá pasear pola rúa da Raiña, Progreso ou calquera outra da nosa cidade, e ver aparecer un coche da Policia Local queimando embrague patrullando ... Nin Torrente!!!

A nosa intención é dialogar coa Policía Local para solucionar as eivas existentes e conseguir un funcionamento normalizado deste servizo.

José: Manifestastes que non pactaríades con imputados... Pero facilitaríades a investidura (ben vía apoio, ben vía abstención) dun imputado? Como pactar e apoiar non son o mesmo, creo que sería preciso que o aclarárades. Moitas grazas!

O BNG-Asembleas Abertas mantén unha liña vermella cos imputados por corrupción. Nós imos votar ao noso candidato.

María José: Vai vostede prohibir circular polo centro de Lugo?

Imos permitir só o acceso a vehículos de carga e descarga, nun horario regulado, aos taxis e aos vehículos con praza de garaxe e aos párkings que hai no centro. Queremos un casco histórico para os peóns.

Ana Coucheiro: Lamas de Prado es un barrio con mucha población y mucha vivienda social. ¿Qué proyecto tiene para este barrio tan abandonado?

Hai dous meses presentamos unha moción no pleno na que reivindicamos un plan especial para Lamas de Prado, que principalmente solicitaba un arranxo das estruturas deterioradas, unha maior limpeza, eliminación de barreiras arquitectónicas e unha atención especial no eido das políticas sociais ao vecindario con necesidades.

Avante: Non pensas que se lle debería dar máis protagonismo aos grupos que cantan en galego nas festas que hai en Lugo? Como xa saberás, moitos grupos practicamente só se poden ver en eventos privados (pagando entrada) e non de balde. Véxase por exemplo, grupos emerxentes como Nao, Ruxe-Ruxe etc... É algo que se debería corrixir polo ben da cultura galega. Un saúdo.

Concordamos plenamente. Aproveito para lembrar que cando tivemos a concellería de Cultura deseñamos, tanto nas festas de San Froilán, como xa dixen, como con outros tipos de actividades na rúa, varios programas de ocio nos que participaban principalmente grupos locais e grupos de música galega.

Alberto: Qué é o que motiva a un mozo de trinta anos a encabezar unha candidatura no concello de Lugo? Grazas.

Teño 29. Non me fagas tan maior (je, je). Perdón pola broma. Eu pertenzo á xeración máis estafada da historia, polo que considero unha obriga dar a cara en política e loitar polos nosos dereitos e polo noso futuro.

Manuel Fernández Núñez: Como pensa vostede resolver os problemas dos aparcadoiros do Hula?

Dende o BNG-Asembleas Abertas defendemos, como sempre fixemos, que o aparcadoiro do Hula sexa gratuíto.

Nacho: Que pensa facer o BNG, que nos sacaron os taxis das Gándaras, Sagrado Corazón, Veterinaria, Carrefour, A Ponte, Residencia, facendo que paguemos maís por este servizo?

Coido que é unha cuestión de estudar a reorganización das paradas, sen concentralas todas nas zonas máis céntricas.

José: Bo dia. Lín en varios artigos que se chegas a ser alcalde, queredes implantar en Lugo un modelo de mobilidade alternativo onde o fomento do uso da bicicleta vai ser un dos eixes primordiais deste modelo. Que nos podes contar acerca destas actuacións? Por outra banda, a zona 30 que propoñedes... non cres que é un límite demasiado baixo para a circulacion? Fíxate que calquera travesía de calquera pobo ten un límite de 50 quilómetros e ben que nos queixamos :) Sorte

Hoxe en día en Lugo a velocidade media nos desprazamentos en coche polo casco urbano non supera os 20 quilómetros por hora. Hai que ser conscientes de que andando ou en bicicleta podemos chegar case no mesmo tempo a sitios relativamente cercanos, sen utilizar o coche. Nunha Zona 30 podemos reducir semáforos, dar máis fluidez ao tráfico e reducimos o número de atropelos. Eso tamén permitiría a circulación de bicicletas con total seguridade. Os carrís bici non son unha solución, pola falta de espazo para crealos, e porque non deixan de ser unha cárcere de bicicletas.