Rodríguez di que Lugo concentra "o maior volume investidor" de Educación

O conselleiro visitou o CIFP As Mercedes, onde destacou que as contas servirán fomentar a formación en ámbitos como a tecnoloxía e a innovación

Román Rodríguez, en el CIPF de As Mercedes. SEBAS SENANDE
photo_camera Román Rodríguez, en el CIPF de As Mercedes. SEBAS SENANDE

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou este martes que o departamento autonómico xestionará o próximo ano o orzamento máis elevado e "máis importante" da súa historia, dotado con preto de 2.753 millóns de euros e cun crecemento do 20 por cento nas partidas de investimentos.

Así o avanzou o conselleiro Román Rodríguez nunha visita ao Centro Integrado de Formación Profesional As Mercedes en Lugo, onde destacou que as contas servirán para afrontar os novos retos do sistema educativo e que se centrarán no desenvolvemento de destrezas e competencias en ámbitos como a tecnoloxía e a innovación, o plurilingüismo e a atención á diversidade e a inclusión.

Rodríguez lembrou iniciativas en desenvolvemento como a Estratexia de Educación Dixital 2030 e o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, ou o próximo impulso do Plan de Linguas, o Plan de modernización da FP e a Estratexia de Inclusión e Atención á Diversidade.

Tamén destacou que Lugo concentra o maior volume investidor do departamento autonómico na actualidade, con accións en marcha por 8,26 millóns de euros (como o recentemente inaugurado Sagrado Corazón) e outros comprometidos por importe de 4,6 millóns de euros até 2024, que abarca a rehabilitación integral dos colexios Paradai e Anexa e dos institutos Ánxel Fole, Lucus Augusti e Ollos Grandes.

CAMPUS TERRA E CULTURA. A estas actuacións engadiu a conversión da actual Facultade de Formación do Profesorado nun novo instituto e, no ámbito universitario, a achega económica extraordinaria que se realizará no Campus Terra, a través dun convenio coa Universidade de Santiago de Compostela.

En materia de Cultura e patrimonio, incidiu nas actuacións de preservación e rehabilitación da muralla de Lugo, na catedral (cunha quincena de actuacións a través do Plan Catedrais que suman preto de 7 millóns de euros) e intervencións en Santa Eulalia de Bóveda e na igrexa de San Pedro, así como o compromiso de crear unha sede do Centro Gallego de Arte Contemporánea na cidade. 

Comentarios