lunes. 06.04.2020 |
El tiempo
lunes. 06.04.2020
El tiempo

Roberto Besteiro: "A concienciación climática e o benestar animal son os principais retos da gandería"

Javier Soto, Roberto Besteiro, Blanca García Montenegro e Tamara Arango, de esquerda a dereita. XESÚS PONTE
Javier Soto, Roberto Besteiro, Blanca García Montenegro e Tamara Arango, de esquerda a dereita. XESÚS PONTE
Este enxeñeiro agrónomo (O Corgo, 1991) vai da man da lucense Tamara Arango, coa que se doutoru e formou parte do grupo de investigación Biomodem da Escola Politécnica, para por en marcha unha spin off da USC que vai ofrecer servizos para mellorar o benestar animal e a xestión ambiental das explotacións

Que ofrece BeWell?
É unha empresa que ofrece un servizo ao sector agroindustrial para mellorar o benestar animal e a xestión ambiental das explotacións. O piar principal é o asesoramento en materia de benestar para obter unha marca de garantía que vai ser propiedade da USC, que está en trámites de protección, que certifique as boas prácticas en materia de benestar desde a explotación ata o matadoiro. Ademais inclúe un asesoramento específico aos gandeiros.

A que gando o van aplicar?
En principio o lanzamento vai ser cara o gando porcino, no que traballamos máis estes anos. Temos a perspectiva de amplialo a outras especies de produción intensiva, sobre todo polo.

Segue vencellado ao campo, que é a súa orixe?
Eu son fillo de gandeiros. Temos unha explotación de coellos, con medio milleiro de reproductores. Ao ser unha explotación familiar sempre se bota unha man cando máis carga de traballo hai, aínda que non sempre se pode.

A produción gandeira sofre crises cíclicas. O seu proxecto contempla ese escenario?
O proxecto tamén axudaría un pouquiño a estabilizar as oscilacións cíclicas dos mercados libres. Aportaría máis valor engadido aos produtos e axudaría a diferenciar aos consumidores eses productos que ofrecen un extra en canto o trato aos animais.

"O proxecto tamén axudaría a estabilizar as oscilacións cíclicas dos mercados libres e aportaría máis valor engadido"

Cando contan por en marcha a súa iniciativa empresarial?
A corto prazo, no primeiro semestre do ano que ven. Estamos condicionados polos trámites para a protección da marca de garantía. A idea é que sexa unha spin off da USC.

Como xurdiu a idea?
A idea xa a prantexaron os nosos directores durante o noso doutorado, hai cinco anos. Naquel momento o mercado non reclamaba este tipo de servizos. Cando rematamos a tese vimos que o mercado derivaba cara requerir este tipo de produtos. En base aos nosos coñecementos e vendo o que había no mercado decidimos apostar pola nosa metodoloxía propia.

Inflúe a concienciación animalista que está gañando espazo?
Sen dúbida os principais retos da gandeiría son o benestar animal e a concienciación climática. Nos cremos que se está avanzando a esa concepción e que se vai seguir nos próximos anos. Non vai ser unha moda.

Hai máis proxectos como o seu no mercado?
Non hai unha grande cantidade de proxectos deste tipo. A nosa principal diferenciación é que apostamos por un benestar entendido desde o punto de vista do confort climático, o uso responsable dos antibióticos, a mellora da bioseguridade...

Que supón este premio?
Aparte dunha axuda financieira que ven ben, aínda que non precisamos un grande investimento na etapa inicial, tamén é un recoñecemento persoal que che anima a seguir apostando polo proxecto.

Emprender é a mellor saída laboral na actualidade?
Coido que este tipo de proxectos de autoemprego vai ser unha tónica dominante do mercado laboral. Apostamos polo que nos especializamos, nos gusta...

Roberto Besteiro: "A concienciación climática e o benestar animal...
Comentarios