Unha riada nacionalista inunda a cidade

A conmemoración do centenario do Manifesto de Lugo reúne varios centos de persoas que reviviron a efeméride cun encontro-asemblea, unha ofrenda floral ante o Méndez Núñez, un paseo pola muralla, un xantar e un espectáculo

Un momento do percorrido pola muralla. SEBAS SENANDE (Asemblea Nacionalista de Lugo)
photo_camera Un momento do percorrido pola muralla. SEBAS SENANDE

A capital lucense reviviu este domingo o fervor nacionalista que xa inundara as rúas do centro histórico hai cea anos coa celebración da Asemblea Nacionalista de Lugo. Convocados por varios colectivos culturais, varios centos de persoas participaron nos distintos actos que desde os sábado recordaron aquela xuntanza na que as Irmandades da Fala deron un impulso decidido ao movemento nacionalista en Galicia.

A xornada de celebración arrincou pola mañá nun ateigado salón de actos do instituto Lucus Augusti, donde a asociación Vía Galega organizou un encontro-asemblea co que se quixo rememorar aquela primeira xuntanza na que se impulsou o Manifesto de Lugo. Conducida polo comunicador Xurxo Souto, o acto contou coa intervención de diferentes persoeiros da vida social e cultural, que leron partes centenario texto, ao igual que fixeron dous nenos para representar o futuro do nacionalismo. Ademais, aprobouse a Carta dos Dereitos do Pobo Galego.

Representantes de varios colectivos culturais da provincia leron textos das Irmandades da Fala durante o percorrido pola muralla

Houbo tamén varias actuacións musicais, entre ellas a do grupo Cántigas e Frores, un colectivo de música e baile tradicional que é herdeiro de Cántigas e Aturuxos, a formación que animou aquela primera Asemblea Nacionalista. Este acto pechouse co canto do Himno Galego e, a continuación, os participantes iniciaron un percorrido polas rúas de Lugo coa que se quixo recordar a andaina que se fixera hai cen anos desde o Salón Teatro, que se ubicaba en Bispo Aguirre, ata o Hotel Méndez Núñez, dous dos escenarios daquela histórica xuntanza.

Xa na Rúa da Raíña, tivo lugar unha ofrenda floral xunto a placa que hai na entrada do hotel, na que se recorda a xuntanza de 1918 dos nacionalistas galegos. Alí leuse tamén un discurso que alentou a unidade do nacionalismo.

A comitiva partiu logo a facer un percorrido pola muralla, á que accederon desde as escaleiras de Campo Castelo. Xunto aos arcos da Mosqueira, iniciouse unha nova lectura de textos das Irmandades da Fala a cargo de voceiros de diferentes colectivos. Interviron no percorrido ata a baixada do adarve fronte á catedral Adolfo de Abel Vilela, presidente de Lugo Patrimonio; Tonina Gay, presidenta do Clube Valle Inclán; María Casar, presidenta da Agrupación Cultural Ergueitos (Sarria); Marisa Barreiro, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (Vilalba), e Mónica Lago, da Asociación Cultural Xermolos (Guitiriz). Os acordes do Himno Galego volveron soar para despedir este roteiro no que acompañou o sol outonal.

Varios dos asistentes a estes actos tamén se deron cita no xantar que tivo lugar no Lar da Cultura do País e, xa pola tarde, o Méndez Núñez acolleu a derradeira homenaza á Asemblea Nacionalista de Lugo cun espectáculo de danza, música, poesía e teatro titulado A lus da estrela que brila ó lexos.