Retirados dos corredores de San Marcos os retratos dos presidentes da Deputación no franquismo

Sarria acollerá o luns un acto de lembranza aos represaliados coincidindo co Día da Galiza Mártir
Retirada dun dos cadros no pazo de San Marcos. DEPUTACIÓN
photo_camera Retirada dun dos cadros no pazo de San Marcos. DEPUTACIÓN

Os cadros dos presidentes da Deputación de Lugo nomeados na ditudura de Primo de Rivera, tralo levantamento militar de 1936 e no franquismo xa non colgan dos corredores do pazo de San Marcos, dos que foron retirados este venres.

"Non se trata de esquecer a historia, nin de axustar contas individual ou colectivamente, se non de visibilizar que unha sociedade democrática non pode dar o mesmo tratamento a representantes políticos dun rexime fascista que a representantes políticos elixidos democraticamente", sinalou o deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro

A retirada deses cadros fora solicitada xa formalmente en 2018 polo grupo provincial do BNG a través dun rogo, pero daquela non chegou a iniciarse o procedemento.

Agora, con el completado, Castro subliña que "as institucións non poden acoller elementos de recoñecemento ao franquismo ou ás  persoas que o representaron" porque "iso contribúe a branquear e lexitimar a ditadura". "A transición construíse sobre unha lei de amnistía e un relato feito á medida das forzas do rexime e en contra da memoria e a dignidade das persoas represaliadas e das súas familias", sinalou o deputado nacionalista.

DÍA DA GALIZA MÁRTIR. O próximo luns, 17 de agosto, coincidindo co Día da Galiza Mártir, a área de Memoria Histórica celebrará un acto de "lembranza e homenaxe" ás persoas represaliadas polo franquismo en Sarria.

Comezará ás oito da tarde cunha ofrenda floral no murallón de Santa Mariña, a carón da placa que lembra as vítimas do franquismo na comarca. A continuación, o historiador Rafael García Ferreira pronunciará unha conferencia: 'O golpe do 36: violencia e perspectiva nacional'.  A música de Raiceira acompañará a intervención.

Comentarios