jueves. 18.07.2019 |
El tiempo
jueves. 18.07.2019
El tiempo

El Primo de Banksy, artista urbano: "Vou facer grafitis mentres crea que teño algo que dicir"

El Primo de Banksy, no seu estudio. EP
El Primo de Banksy, no seu estudio. EP

Este grafiteiro, do que se descoñece o nome, leva meses usando céntricas paredes de Lugo como lenzo para expoñer as súas obras cunha visión crítica da sociedade. Fala por primeira vez, desde o anonimato

Celoso do seu anonimato, o artista que sorprende Lugo cos seus grafitis quere preservar a toda costa a súa identidade en segredo. Non é só para conservar ese halo de misterio que o rodea, senón tamén para sortear calquera problema legal, porque a súa obra non o é. El Primo de Banksy é un activista social que aproveita a noite como cómplice para plasmar as súas creacións e as redes sociais como ferramenta para multiplicar a difusión dos seus traballos. Ese foi o xeito para contactar con este artista. A entrevista fíxose axiña a través de correo electrónico para que tivera a seguridade de que o seu nome se mantén en incógnito. Mesmo remitiu el as fotografías para eludir calquera risco. 

El Primo de Banksy realiza una de sus creaciones. EPPor que asina como El Primo de Banksy? Por que emula o artista urbano británico? 

Non elixín eu o nome, obedece a unha broma, iniciada precisamente por este periódico, que nun artigo referíase ao autor da momia de Franco como «un primo de Banksy», isto gustoume, dábame moito xogo. Non todos os que pintamos nos muros emulamos a Banksy, hai vida nas paredes antes de Banksy, podería ser o primo de Le Rat ou o primo de Robbo, pero só se coñece a Banksy, pola súa presenza mediática. 

Que ten en común con el? 

O activismo, a clandestinidade, a crítica e a sátira política e social. 

Por que deu este paso? 

Un día pensei, se non o fago eu, quen? Se non o fago agora, cando? Non, fóra bromas, padezo insomnio. 

Por que se agocha? Tivo algún problema coa Policía? 

Afortunadamente, a miña arte é ilegal, polo tanto se me pillan múltanme, e non me fai moita graza. Coa poli non teño ningún problema. 

Desde cando e cantas obras leva pintadas nas rúas de Lugo? 

Hai un ano que comecei este proxecto, levarei unhas sete obras. 

Cal foi a súa ópera prima? Por que? 

A titulada Melloraremos, melloraremos, que representa a Rajoy sobre un burro —símbolo de Cataluña—. Coa aplicación do artigo 155 da Constitución creouse un clima de tensión na nosa sociedade, había que facer algo… 

Hai obras en Lugo de hai tempo que se lle atribúen a vostede que non están firmadas. Son súas? 

Miñas? O muro onde pinto non é meu. A obra é do propietario do muro? É do Concello? A autoría dunha obra non é a miña preocupación. Precisamente o que reivindico é unha arte para a xente, na rúa, gratuíta, que poidas fotografar, reproducir, etc… Todo o que non podes facer nun museo. 

Todo o que sexa cuestionar a sociedade na que vivimos, sempre desde o humor e a sátira, tan necesarios!

Pintou noutras cidades galegas ou españolas? Non hai moito atribuíanlle algunha na zona de Canido, en Ferrol.

Pintei en Ferrol, en Santiago e na Coru… 

Expuxo obras súas nos circuítos convencionais? 

Non. Creo que os grafiteiros que acaban expoñendo nun museo perden a esencia da súa arte. Prefiro o tag dun rapaz que se arrisca con ousadía a pintar nun muro, expoñéndose a que o pillen ou a que llo borren, que as obras dos grandes artistas urbanos expostas nos museos. 

rajoybanksyÉ autodidacta ou ten formación artística? 

Tardei o meu en desfacerme de toda a miña formación académica. 

Que temas o inspiran? 

En principio inspíranme as paredes, os espazos, e Lugo está cheo de lugares moi atractivos, moi inspiradores. Despois, o mesmo que ao resto do mundo, a política, o amor, a morte, a violencia, a dor… Todo o que sexa cuestionar a sociedade na que vivimos, sempre desde o humor e a sátira, tan necesarios! 

Que ten de irreverente ou mesmo de gamberra a súa obra? 

Creo que é unha compoñente moi importante da miña obra. Duchamp defendía unha arte transgresora, provocadora, absurda, rebelde, irónica, non exenta de burla, que cuestionase o concepto de obra de arte imposto por un sistema que procura manter a orde establecida. 

Como definiría as súas creacións? 

Eu non son quen ten que definir as miñas creacións, gústame que sexan os demais os que as definan. 

Como é o seu proceso creativo? 

Dicía Pablo Picasso: "A inspiración existe, pero ten que atoparte traballando". Aínda que é unha frase moi recorrente, non se me ocorre nada mellor para falar da creatividade, e que se me entenda, que falar do traballo, traballo e traballo. 

Cando plasma as súas pinturas? De noite? Vai acompañado? Crea no seu estudio un molde e despois aplícao sobre o lugar elixido? 

Home! Sendo unha arte ilegal, a noite é unha boa compañeira, ademais doutros ‘primos’ insomnes que botan unha man. En canto á técnica, o tema de pintar con plantillas e aerosois supón moita complexidade en canto ao tempo e a realización, como no Quijote. En cambio o paste up, papel pegado con cola, como Rosalía, a Madalena ou A derradeira leición do mestre son máis doados de colocar, aínda que normalmente duran menos. 

Tardei o meu en desfacerme de toda a miña formación académica

En que se basea para elixir os emprazamentos, porque hai desde muros de casas abandonadas ata o do Vello Cárcere ou de casas particulares na Tinería e na muralla? 

Xa dixen que hai certas paredes e muros que me atraen. Cando se inaugurou en Santiago a exposición sobre Castelao e se expuxo por primeira vez en Galicia o cadro A derradeira leición do mestre sentín a necesidade de facer algo, e o muro do Vello Cárcere estábao pedindo. 

Banksy QuijoteQue lle pareceu por certo que lle taparan a súa obra da Madalena na Tinería e a do Quijote na muralla? 

Todo artista urbano sabe ao que se expón, a que o pillen, a que o multen, e como mal maior a que lle borren a súa obra. O sistema é moi eficaz, sempre actúa contra calquera manifestación de rebeldía por moi poética que esta sexa. Cando te posicionas contra o sistema é lóxico que o sistema se posicione contra ti. 

Ata cando pensa seguir con estes grafitis? 

Son moi novo, pero seguirei mentres crea que teño algo que dicir, ou mentres que os muros sigan aí, de pé, esperando as nosas pegadas. 

Ten moitos seguidores? Porque tamén dá a coñecer a súa obra nas redes sociais. 

As redes sociais son unha maneira de achegar a miña obra a máis xente, e para iso utilízoas. Ter moitos ou poucos seguidores nin engade nin quita nada á miña obra.

De Franco a Rajoy, de Cervantes a Rosalía de Castro
RosalíaXa pasou máis dun ano desde que apareceu a primeira obra nas rúas da capital lucense de El Primo de Banksy, que era o expresidente Mariano Rajoy montado nun burro, advertindo de que: Cuando me vaya me lloraréis, ao que seguía un Melloraremos, ata a última, de hai apenas dúas semanas, que rendía tributo ao Quijote no muro dunha casa que dá ao adarve do monumento Patrimonio da Humanidade.

Sátira
Son obras satíricas, nas que o anónimo artista urbano lucense trata temas actuais, como o procés catalán, a exhumación de Franco do Valle dos Caídos ou o feminismo. Pero tamén fai particulares recoñecementos a senlleiras figuras da literatura galega, como Castelao —do que recrea a súa homenaxe a Alexandre Bóveda A derradeira leición do mestre, obra que estivo recentemente exposta durante cinco meses no museo do Gaiás— ou a Rosalía de Castro —cunha referencia ao tema Malamente da cantante de moda, homónima da poetisa de Iria Flavia—.

El Primo de Banksy, artista urbano: "Vou facer grafitis mentres...
Comentarios