Os Reis Magos recibirán os nenos na Horta do Seminario e en Augas Férreas

O Concello asegura que a deste ano será unha cabalgata "estática e segura" 
Visita ao espazo que se está acondicionando para os Magos na Horta do Seminario. CONCELLO
photo_camera Visita ao espazo que se está acondicionando para os Magos na Horta do Seminario. CONCELLO

Os Reis Magos chegarán a Lugo na mañá do martes día 5, cando os poderán ver os máis pequenos nunha cabalgata adaptada aos tempos que o Concello asegura que será "estática e segura". Así é que a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, explicou este mércores que os nenos poderán visitar as súas maxestades durante toda a xornada en distintos horarios e en diferentes zonas da cidade para "evitar masificacións".

Estarán primeiro, entre as 11.00 e as 14.00 horas, na praza Horta do Seminario. E, pola tarde —entre as 17.00 e as 20.00 horas—, poderanse visitar no recinto habilitado na praza de Augas Férreas.

"Este ano a cabalgata será distinta, sen carrozas nin caramelos, mais desde a área de Cultura traballamos para permitir que todas as nenas e nenos de Lugo puidesen saudar os Magos dun xeito seguro", asegurou a edil.

MOSTRA DE ARTE. A praza Agro do Rolo acollerá entre os días 2 e 5 de xaneiro a mostra de arte Arterite, onde doce artistas da cidade mostrarán e venderán parte dos seus traballos. O horario será de 11.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00, e haberá ambientación musical con 4 DJs

A actividade terá lugar na carpa habilitada na praza e contará con medidas de control de cabida.

Comentarios