Reinventando a moda galega

Sergio Marey é un deseñador lucense que quere levar a cultura e as tradicións galegas a través do seu traballo ao mundo enteiro
_PON9782
photo_camera Sergio Marey. MARIA C. MORADO

Galicia, arte e vangarda. Estes son os tres pilares nos que se sosteñen as coleccións do deseñador lucense Sergio Marey.

A Marey cústalle definir o punto concreto no que naceu a súa paixón pola moda, xa que desde cativo mostrou interese por traballos manuais como a cestería ou o gancho. El cre que o seu destino se foi encamiñando cara o mundo da moda paulatinamente.

Marey pertence a ese grupo de persoas que consideran que a moda é a oitava arte. Dende o inicio, foi consciente de que non quería dedicarse á moda comercial, aínda que decidir que quería expresar co seu traballo custoulle un pouco máis, pero agora teno claro: "Dinme conta de que eu sempre estou vinculado a Galicia e que todo o que fago é galego, así que decidín intentar levar a cultura galega, as nosas historias e tradicións alá onde chegue o meu traballo", asegura.

Actualmente, Sergio Marey conta no seu currículum con catro coleccións de roupa: Sagoma, Adeus, Pestañas Postizas e Vermuth. Cada unha delas é especial, pero Marey recorda con gran agarimo Adeus, unha colección inspirada na emigración galega, que foi presentada na Feeric Fashion Week de Romanía.

Con Adeus buscaba transmitir "ese sentimento de medo, de angustia, de afastamento e de morriña que é tan galego" e que sempre vai asociado á emigración. "Despois da pasarela achegáronseme persoas que non me coñecían de nada para dicirme que entenderan á perfección a mensaxe que quería expresar, para min foi unha grande experiencia porque se trataba da miña primeira gran pasarela", explica.

VermuthFESTAS. O seu último gran traballo é Vermuth, que está inspirado nas festas rurais galegas. É tamén "unha colección crítica con toda esa xente que vai ás festas para ver á Panorama, á París de Noia ou calquera outra orquesta famosa de turno, pero que non ten en conta o que se celebra", explica Marey. Vermuth cuestiona tamén a aceptación que se ten do alcol: "A xente vai ás festas pensando só en emborracharse", e a case obriga que se xera en torno á roupa: "Parece que tes que cambiarte de roupa vinte veces no día, iso tampouco o entendo", di.

O lucense non foi seleccionado para presentar o seu traballo na Mercedes Benz Fashion Week, pero atopou unha maneira de estar presente. "Como eu tiña entradas, o que fixen foi facer un desfile boicot. Isto quere dicir que eu e varios amigos e modelos vestidos todos coa miña colección empezamos a pasear por todo o recinto a modo de desfile. O meu obxectivo era chamar un pouco a atención e que a xente vexa que tamén existen outras cousas que non se ven na Fashion Week".

Nun futuro próximo, o deseñador planificará un evento no que poida expoñer todo o seu traballo e tamén presentar una nova liña de complementos que lle permita conseguir beneficios para poder seguir producindo. Polo de agora, soña con poder vivir do seu traballo, que se pode ver nas súas redes sociais e a través delas pódense mercar esas prendas que están feitas por el "desde o deseño ata a última puntada, polo que son pezas únicas e especiais", afirma.