A reforma do soto da Praza de Abastos mellorará o espazo de venda e as zonas comúns

A edil Cristina López asegura que se busca "a mellor maneira" para solucionar os problemas de filtracións

Autoridades e persoal na visita ao soto da Praza de Abastos de Lugo. CONCELLO
photo_camera Autoridades e persoal na visita ao soto da Praza de Abastos de Lugo. CONCELLO

Os edís Cristina López e Alexandre Penas visitaron este luns o soto da Praza de Abastos de Lugo xunto con persoal técnico municipal e da empresa encargada da reforma que se está realizando no espazo, que —segundo destaca a Concello— permitirá mellorar tanto o espazo dedicado ao comercio como as zonas comúns.  

Así é que, por exemplo, coa nova distribución os praceiros poderán contar con cámaras frigoríficas de maior tamaño ou zonas comúns como vestiarios. A maiores, a concelleira de Participación explicou que o persoal técnico municipal e da empresa está traballando para atopar unha "solución aos problemas de filtracións que se veñen dando no soto".

"Con estas medidas daremos solución a unha solicitude dos praceiros moi importante”, afirmou López, quen salientou que coa reforma tamén se fará un "mellor aproveitamento" dos espazos destinados á venda.  

Así as cousas, no encontro deste luns revisáronse as actuacións que se realizarán no soto "para mellorar o espazo e garantir a mellor calidade posible nesta instalación", segundo a edil. 

A rehabilitación do soto foi contratada por 586.625 euros e ten un prazo de execución de 75 días. O proxecto inclúe a renovación de instalacións e servizos, como electricidade, auga, telecomunicacións e calefacción, ademais de mellorar a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.

Comentarios