A Rede Galega Contra a Trata rexeita a ordenanza de Lugo por "estigmatizar" ás prostitutas

A Rede Galega Contra a Trata rexeita ordenanza de Lugo por "estigmatizar" ás prostitutas

Una calle de A Tinería
photo_camera Una calle de A Tinería. EP

A Rede Galega contra a Trata rexistrou un escrito dirixido á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, para expresar "o profundo rexeitamento" que produce "a pretensión de estigmatizar e impor sancións económicas ás mulleres que exercen a prostitución no espazo público, coa escusa de garantir a normal convivencia cívica".

Este colectivo aclara que tomou a decisión de presentar este escrito despois de que "transcendera á opinión pública o contido da proposta da nova ordenanza municipal de seguridade cidadá" de Lugo.

"As entidades que traballamos a diario con mulleres do ámbito da prostitución comprobamos que, na inmensa maioría dos casos, a súa situación sempre ten que ver con factores como a trata de seres humanos, a explotación sexual, a violencia, a marxinación, a exclusión socio-sanitaria, a dificultade económica e as consecuencias dunha cultura sexista e patriarcal", engade.

Por iso, sostén que a proposta de ordenanza presentada polo goberno local "non tenta resolver o problema de fondo desde un enfoque dos dereitos humanos", senón que pretende "ocultar unha realidade que pode resultar incómoda", para o que "criminaliza a persoas en situación de desvalimento sen dar unha resposta eficaz ás causas desa situación".

Ao seu xuízo, esas medidas "que tratan de implantar", só servirán "para profundar na vulnerabilidade destas mulleres", ao obrigalas a "exercer a prostitución con clandestinidade", o que as exporá "a situacións de abuso e explotación máis aberrantes", como "xa pasou noutros lugares de España".

Por iso, a Rede Galega Contra a Trata solicitou unha reunión coa alcaldesa, para que "polo menos" teña "en conta" a súa "opinión" sobre "medidas que realmente favorezan unha cidade máis libre", de "trata, explotación sexual e discriminación por razóns económicas e de xénero".

A Rede Galega Contra a Trata está formada na actualidade polos colectivos Accem (A Coruña), Fundación Amaranta (Ourense), Aliade-Ultreia (Lugo), Asociación Faraxa (Vigo), Cáritas-Programa Muller (Lugo), Cáritas-Alumar (Ourense), Ecos do Sur (A Coruña), Médicos do Mundo Galicia, Oblatas-O Mencer (Ferrol), Oblatas-Vagalume (Santiago de Compostela) e a socióloga Silvia Pérez Freire.

Comentarios