REDACCIÓN GAÑADORA DOS XX PREMIOS MURALLA

Tempos difíciles

Marzo de 2020. Un día máis a Muralla de Lugo espertou sobresaltada. Oxalá as últimas semanas fosen só un pesadelo. Pero non! 

Non acababa de entender o que estaba a pasar. Xa perdera a conta dos anos que levaba alí e nunca antes vira algo semellante! 

Que era o que estaba sucedendo?: as rúas estaban case baleiras; a pouca xente que vía camiñaba apresurada sen parar a saudar e charlar uns cos outros como decote facían. Tiñan os ollos tristes e levaban unhas estrañas máscaras na cara. Á Muralla custáballe recoñecer os veciños de toda a vida! 

Xa ninguén se paraba a abrazala coa mirada e ninguén se demoraba paseando polo seu adarve desfrutando das primeiras caricias do sol da primavera. Canto botaba de menos o andar paseniño dos avós ao ritmo do repenicar dos caxatos e os risos alegres dos meniños brincando ao seu carón! 

A Muralla puxo todo o seu interese en averiguar o que pasaba e, escoitando con atención aos poucos que aínda se detiñan a falar, enterouse de que había un perigoso becho: un virus ao que chamaban coronavirus. Era acaso un rei, alguén tan importante que podía cambiar o xeito de vivir das persoas? 

Dende a súa altura, a Muralla observaba como a xente a miraba con añoranza dende as ventás das súas casas. Tamén observou que cada tarde saían aos balcóns, ás terrazas ou asomábanse e púñanse a aplaudir. Por que o farían? 

Pronto se decatou de que un exército de persoas afanábase por toda a cidade: médicos, enfermeiras, traballadores de supermercados, axentes de seguridade... traballaban arreo para que os que continuaban nos seus fogares estivesen a salvo. 

E a Muralla decidiu que tamén quería botar unha man: ela podía ofrecerlles esperanza. 

Todos os que a visen dende as súas casas terían un motivo máis para loitar e cumprir as duras normas impostas porque un día non moi lonxano volverían saír, xogar, rir e desfrutar de marabillosos paseos ao seu carón. 

E ela estaría sempre alí... agardando.

Comentarios