Reconstruyen la saga literaria iniciada por El Terrible López

O lucense Jesús López Castiñeira, pai de Josefina Álvarez, escribiu con este alcume
Jesús López Castiñeira. Fotografía de 1959.
photo_camera Jesús López Castiñeira. Fotografía de 1959.

Eduardo Serantes sabía que o seu avó materno, Jesús López Castiñeira, gustaba moito da palabra ‘eureka’. Conta que Eureka «foi unha farmacia que nunca chegou a existir porque o meu avó quería que a súa filla Josefina López de Serantes fose farmacéutica e que lle puxese Eureka á farmacia». Pero non o conseguiu, «porque ela lle contestou que quería ser escritora».

A nai de Serantes acabou por cumprir o seu soño, xa que asinou «380 artigos, corenta relatos publicados, seis novelas e varios ensaios». Eduardo, un dos seus sete fillos, ocupouse de organizar un caixón cheo de carpetas que lle pertencera coa intención de escribir unha biografía.

Esa indagación levouno a saber que aquel vello que vía «coxeando e fumando en pipa» cando era neno fora El Terrible López e que escribira uns quince artigos, poemas e unha obra de teatro. Ese fora o alcume que escollera para asinar unha parte dos seus escrito.

Eduardo Serantes sabe que o seu avó naceu en Lugo en 1890 dun matrimonio de Lugo e de San Simón da Costa, en Vilalba. «Un curmán meu díxome que naceu no barrio de San Roque», trata de concretar.

Na capital da provincia viviu dez anos, antes de marchar a Madrid e á Coruña, para acabar emigrando a Cuba, «onde viviu un par de anos ata que marchou a Nova York porque quería aprender inglés».

Na cidade norteamericana empezou a escribir en La Tribuna, diario para os inmigrantes hispanos do Centro Andaluz. Publica colaboracións que Eduardo Serantes recolle no libro ‘Eureka’ xunto con dúas pezas teatrais e artigos en prensa da súa nai, Josefina López de Serantes.

Árabe

Algúns textos do avó aparecen asinados como El Terrible López porque dicía: «Coidado comigo, que son terrible!», sinala o seu neto Eduardo. Xunto a ese alcume manexaba outro, El Santón de la Puntilla. Estoutro nome viña do seu «amor polo mundo árabe, aínda que nunca o visitara», e estaba collido do xeito no que era coñecido un defensor árabe dos máis pobres.

Esa xeografía era un asunto habitual nos seus artigos, xunto coa «situación dos emigrantes ou os touros». O seu filtro para contalos era «un humor moi fino, nada soez e nada grotesco», comenta Eduardo Serantes, quen engade que «miraba o lado bo das cousas; podería contar unha traxedia, pero sempre vía luciñas e cores».

Jesús López Castiñeira finou en 1964, sen poder gozar do éxito de que a súa filla Josefina conseguise ser finalista do premio Planeta no ano 1970 coa novela ‘Yo conocía a Marcela’.

Comentarios