Un grupo de voluntarios recolle 850 quilos de lixo nas fontes do río Rato

Adega-Lugo e a Plataforma Lugo de Cara ao Miño, que coordinaron a limpeza, lamentan que estas zonas sexan "habituais lugares de encontro para o botellón e para o depósito de vertedoiros ilegais"

Vertedoiro ilegal preto do río Rato. ADEGA
photo_camera Lixo recollido nun dos vertedoiros ilegais atopados preto do Rato. ADEGA-LUGO

O Proxecto Ríos celebrou este domingo a undécima edición da Limpeza Simultánea de Ríos, unha actividade de voluntariado ambiental e concienciación social sobre o coidado dos ríos galegos. 

Adega-Lugo e a Plataforma Lugo de Cara ao Miño sumáronse un ano máis a esta iniciativa, encargándose da coordinación dos traballos de limpeza nas fontes do río Rato. Os 16 voluntarios actuaron en dúas zonas simultaneamente: unha, na cabeceira do Rato, a carón do polígono industrial do Ceao, onde se sitúa a antiga fábrica de alcatrán de Cortizo; e outra no barrio de O Castelo de Abaixo, a carón da vía do tren, onde se atopan varias fontes do afluente do Miño.

As labores de limpeza desenvolvéronse entre ás 11.00 e as 13:30 horas, tempo no que os voluntarios conseguiron retirar 850 quilos de refugallos "que atentan contra a saúde das augas do Rato", entre os que se atoparon plásticos, botellas de vidro, rodas de automóbiles, baldosas, persianas, sofás, televisores, pezas de baño, un somier, cascallos, ferralla, roupa e calzado e xoguetes.

Tras esta xornada de limpeza, Adega conclúé que "as zonas de cabeceira e outras fontes do Rato parecen ser habituais lugares de encontro para o botellón e para o depósito de vertedoiros ilegais". "Tamén resultou chocante a aparición nos arredores da fábrica de Cortizo de varios extintores, material de uso hospitalario e ata un esqueleto dunha vaca, cuestións que xa foron postas en coñecemento do Concello de Lugo", apunta a organización.

PROXECTO RÍOS. A falta do reconto total, en toda a comunidade participaron neste proxecto máis de 600 voluntarios, en ríos de 53 concellos galegos, recolléndose máis de 7 toneladas de lixo.

"Esta actividade lembra a necesidade de que entre todas e todos coidemos dos nosos cursos fluviais, xa que os residuos que neles botamos, ademais de xerar un impacto visual negativo, poden supoñer unha fonte de contaminación polas sustancias que os compoñen ou provocar alteracións en certos organismos", resolve Adega.

Desde Adega-Lugo e Lugo de Cara ao Miño agradecen "a colaboración e solidariedade dos 16 voluntarios e voluntarias que acudiron á nosa chamada de limpeza nas fonte do Rato e tamén a colaboración do Concello de Lugo, que será o encargado de xestionar a retirada do lixo recollido".

Comentarios