O Concello repetirá a campaña de 2020 para incentivar as compras de Nadal na Praza

"Tivo grande aceptación entre a veciñanza o ano pasado", explicou a edil Cristina López
Cristina López informa de la programación de la Praza de Abastos. EP
photo_camera Cristina López informa da programación da Praza de Abastos. EP

A concelleira de Participación, Cristina López, mantivo unha xuntanza coas persoas responsables dos distintos postos da Praza de Abastos e do Mercado Municipal para presentarlles as liñas da campaña de Nadal que se porá en marcha desde o Concello para incentivar as compras nestas dúas instalacións históricas.

"Buscamos repetir o éxito da campaña O noso Mercado é un agasallo, que puxemos en marcha durante a campaña de Nadal do ano pasado e que tivo unha enorme aceptación por parte da veciñanza", explicou Cristina López, que engadiu que, "só na primeira mañá de promocións de 2020, os postos da Praza e do Mercado facturaron máis de 16.000 euros en compras superiores aos 40 euros".

"Estamos a traballar da man coas comerciantes da Praza e do Mercado  para facilitar que toda a veciñanza poida acceder aos produtos de proximidade e alta calidade que se venden nestas instalacións", afirmou a edil, que lembrou que durante estes anos se puxeron en marcha "servizos moi reclamados pola veciñanza, como a pre-encarga ou o reparto a domicilio".

A concelleira de Participación anunciou tamén que o alumeado de Nadal da Praza de Abastos e do Mercado Municipal se instalará nos vindeiros días. Cristina López afirmou que "a iluminación da Praza e do Mercado, xunto co resto da iluminación da cidade e as actividades que se celebren nestas instalacións durante o Nadal teñen como un dos seus obxectivos dinamizar o centro da cidade e aumentar as visitas a estas dúas instalacións históricas".