As palabras son a súa ferramenta de traballo. Con elas constrúese a si mesmo a través das regueifas, das aulas ou do circo de pulgas que creou co seu irmán. Xosé Luís González Sende —Séchu Sende, con acento de galego reintegracionista— é un home polifacético con dous obxectivos: estender o uso do galego e cambiar o mundo mediante a palabra e a creatividade artística.
A Wikipedia preséntao como escritor, regueifeiro, profesor de Galego, publicista e domador de pulgas. Con que faceta quedaría?
Están todas moi ligadas. Vocacionalmente, son profesor. Como creador, empecei a escribir con 16 anos. Tamén me gusta improvisar en verso, facer poesía oral e, grazas ao meu alumnado, empecei a regueifar.
En todas estas facetas, traballa cunha única ferramenta: a palabra. Tanta utilidade pode ter?
Sempre lle dei moita importancia á palabra. Nas clases, acabo contando historias de pantasmas para explicar a vida de Castelao! A palabra é o que nos configura. Somos as nosas palabras. E a miña función é xogar coas palabras.
Os seus poemas foron acoplados a cancións punkies, música experimental… Séntese cantautor?
Cantautor, non. Pero síntome poeta e os poetas somos músicos porque xogamos coa musicalidade oral.
Da regueifa ao rap hai só dous pasos. Verémolo rapear algún día?
O rap é unha evolución da regueifa en Nova York. E a regueifa é o noso rap bravú. Nun instituto de Vilalba hai un club de regueifa de 50 rapaces, pero tamén hai bos regueifeiros na Pobra do Brollón e en Burela. Hai un rexurdimento da poesía oral e un dos meus obxectivos é facilitar as regueifas ás xeracións vindeiras.
Participou nun obradoiro de narracións no final do proceso de paz entre as bandas latinas Latin Kings e Ñeta en Barcelona. Naceu aí un regueifeiro?
Non, o de regueifeiro comezou cando naceu a miña filla Estrela. Cando estaba na barriga da miña parella, empecei a cantarlle e improvisaba a letra. Descubrín que era un xogo e despois fíxeno cos meus alumnos. Botei xa catorce anos como regueifeiro! E descubrín que a regueifa é un superpoder para mover o mundo!
Pode ser este un xeito de levar os alumnos ao horto do galego?
A regueifa é moi creativa e é unha ferramenta para chegar a galeguizar o país. Fai que a tradición se volva vangarda!
Tamén foi autor do primeiro xogo de rol en galego. Foi o primeiro e o único?
Non o sei pero estamos a vivir o galego como unha lingua minorizada. Non hai xogos, nin hai tecnoloxía en galego.
A regueifa é moi creativa e é unha ferramenta para chegar a galeguizar o país"
Cóntenos unha cousa: como é capaz de domar pulgas?
Domei pulgas no Galiza Pulgas Circus, unha creación do meu irmán Claudio. Tiñamos tres pulgas: Lilith, que xogaba ao fútbol; Breogán, que era unha pulga bala que saía dun canón de pólvora, e Esmeralda, que daba o triple salto mortal. Tivemos varias actuacións por toda España e o estranxeiro. Os números de pulgas crean fascinación en grandes e pequenos e penso que hai que crer na fantasía e na maxia como motor do mundo!
E de onde sacaba tanta bichería?
Lilith veu dun can de palleiro; Breogán, dun xabaril do Courel, e Esmeralda, dun gato de París.