Ramón Carballo: "Aínda que volva ao Parlamento eu manteño o compromiso con Lugo"

O portavoz municipal do PP di que vai ao Parlamento traballar por Lugo e que seguirá no Concello, onde asegura que está disposto a apoiar iniciativas positivas para a cidade. O problema, indica, é que o goberno local non xestiona, pasa o rodete e ten Lugo abandonado porque só pensa nas fotos

Ramón Carballo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Ramón Carballo. VICTORIA RODRÍGUEZ

Ramón Carballo ten xa a vista posta tamén en Santiago, onde di que traballará por Lugo, unha cidade que cre que leva un ano perdido por falta de xestión. 

Cúmprese o primeiro ano do mandato municipal. Que balance fai? 
Foi un ano perdido. É facil de resumir: ningún proxecto importante novo e ningún que veña de atrás que estea rematado. Na sinalización das rúas non se fixo nada, co aparcamento non se fixo nada, coas infraestruturas non se fixo nada... Unicamente polo Covid se pechou un carril da muralla e a min pareceume acertado, pero agora seguimos igual e hai perigo, porque non hai plan de tráfico e aos peóns só os protexen uns conos de plástico. 

Vostede preséntase ás eleccións autonómicas nas listas do PP. Proponse deixar o Concello para centrar o seu labor político no Parlamento galego? 
Vou a unha casa na que xa estiven e fágoo con ilusión e agradecido a Feijóo —un presidente que destacou na xestión da crise e que puxo a Galicia por diante— de que contase comigo para o seu proxecto para Galicia. Pero non vou ao Parlamento por interese persoal meu, penso cumprir co meu compromiso co Concello de Lugo. E dende o Parlamento vou intentar defender os intereses de Lugo. 

E no futuro? Volverá ser candidato á alcaldía en tres anos? 
Eu nunca falo a longo prazo. O futuro dirá o que debo facer e o que o partido precisa. Eu estou a disposición do partido e estarei aquí mentres os militantes e os lugueses consideren que debo estar. 

É crítico coa xestión do goberno local neste primeiro ano. E que análise fai do papel que está a xogar o PP no Concello? 
Non critico, son realista. Boto en falta xestión porque non é de recibo que teñamos un Concello con 50 millóns de superávit e que paga as facturas con reparos de legalidade por falta de xestión. Ollo, pode vir o Goberno de Pedro Sánchez e levar o diñeiro que ten o Concello de Lugo, que se tería que ter gastado nos proxectos da cidade. Que leven ese diñeiro é unha posibilidade e aquí estamos sen facer nada do plan Muramiñae, da cidade verde da que fala a alcaldesa, sen facer un só proxecto municipal para A Residencia, onde só están en marcha as iniciativas da Xunta de Galicia... 

O goberno local non inviste os 50 millóns de superávit. Ollo, pode vir Sánchez e levar o diñeiro que se debería ter gastado

E como valora o seu traballo deste primeiro ano? 
A miña forma de facer política é pisar rúa, trato de escoitar á xente, temos un plan de traballo con visitas semanais aos barrios. Haberá quen queira que sexamos máis cañeros, pero eu creo que somos contundentes e temos postas moitas iniciativas na mesa. O problema é que o goberno non atende e das que nos aprobaron en pleno só puxeron en marcha a historia social única. 

Como é a súa relación coa alcaldesa, a socialista Lara Méndez? 
Correcta. A relación persoal e a cortesía teñen que existir sempre. Pero eles teñen a responsabilidade do goberno e non escoitan e aplican o rodete. A nivel político só lles preocupa a foto. En Lugo temos dous gobernos que se pelexan pola foto e non hai proxecto de futuro, de avance da cidade. Antes dicían que a culpa de que non se fixesen cousas era de Montoro e agora dirán que é polo Covid, pero a realidade e que non hai avances e que o que si chegan son sentenzas que hipotecan este goberno, como á da Fábrica da Luz, que supón 2,5 millóns de euros e perder a concesión no río que tiña a cidade dende hai moitísimos anos. Eu estou disposto a apoiar calquera proxecto importante que poña na mesa, pero non para de falar de Vancouver e o que temos son toxos por toda a cidade e podemos ter perdido douscentos millóns de investimento polos retrasos de ata dous anos que teñen na aprobación de licenzas. 

E a relación con Rubén Arroxo? 
É unha persoa de bo trato, pero iso é unha cousa e outra é a acción de goberno. Pregúntome por que non invisten na cidade se teñen persoal, cobran dedicacións e hai diñeiro no Concello. É que nin siquera se pintaron aínda os sinais das rúas, está todo Lugo que dá vergoña, sen rozar, sucio. Nós tentamos traballar, pero non nos escoitan. A estas alturas seguimos esperando que convoquen a comisión de festas do San Froilán, non atenden propostas e xa vemos que imos ter un programa de San Froilán descafeinado. Hai unha folla de ruta que é moi pobre.

Comentarios