Blanca Tejero, codirectora do Ceacog: "Queremos facer moito máis comprensible este mundo"

Tejero é unha xornalista lucense e traballa no Centro Español de Accesibilidad Cognitiva
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Blanca Tejero Fernández. EP

A accesibilidade non se reduce só á eliminación de barreiras arquitectónicas. Tamén existe a accesibilidade cognitiva, que consiste en facilitar que os textos escritos sexan máis fáciles de entender para as persoas con discapacidade intelectual. Unha xornalista lucense, Blanca Tejero Fernández, codirixe –xunto con Raquel Cárcamo, con discapacidade intelectual– o  Centro Español de Accesibilidad Cognitiva (Ceacog), unha institución asesora do Real Patronato de Discapacidad, dependente do Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2020-2030.

É xornalista  e codirixe o novo Centro Español de Accesibilidad Cognitiva. Cal foi o camiño que percorreu para chegar ata aquí?
Gradueime en Xornalismo pola USC pero tamén fixen un máster sobre Comunicación, Cambio Social e Desenvolvemento, da Universidad Complutense de Madrid. Despois, traballei coas ONG Médicos sin Fronteras e Liber (antes, Asociación Española de Fundaciones Tutelares) ata que, a finais do ano pasado, se creou o Centro Español de Accesibilidad Cognitiva, onde estou agora. Móveme a comunicación pero tamén como percibimos a información.

E iso é o que se chama accesibilidade cognitiva...
Si, a accesibilidade cognitiva é facer máis comprensible o mundo, máis fácil de entender para as persoas con dificultades de comprensión. É algo básico porque, por exemplo, para moverte nun transporte ou nun edificio institucional tes que entender os carteis. Para iso, hai sistemas alternativos como son os pictogramas. Un dos proxectos de accesibilidade cognitiva nos que participei con Liber consistía en facer máis fáciles de entender as sentenzas xudiciais. E isto é moi importante porque hai persoas que non teñen unha rede de apoio familiar que teñen sentenzas de incapacitación ou de tutelas e non entenden o documento que di sobre o que podes decidir ou non na vida.

Que proxectos están a facer agora desde o Centro Español de Accesibilidad Cognitiva?
O noso labor é identificar as necesidades cognitivas da cidadanía, os procedementos que hai que facer e de que maneira se facilitan os distintos trámites administrativos. Por exemplo, a Declaración da Renda. Para iso, pódense adaptar manuais para a lectura fácil, poñer sinaléptica con pictogramas... Desde o Centro Español de Accesibilidad Cognitiva, coordinamos equipos para dar resposta ás necesidades de accesibilidade cognitiva coa Administración nos trámites e na busca de información para que todo sexa moito máis fácil de entender e para iso facemos camiños no chan e nas paredes por exemplo.

Non debe de ser moi fácil traducir certos documentos técnicos ou administrativos a unha linguaxe máis clara...
A adaptación á lectura fácil non é unha tradución. É máis: hai que saber que palabras escoller, que estrutura ha de ter o texto, o número de páxinas... Este novo texto ten que cumprir tamén a norma UNE de calidade polo que, ao final, este é un proceso case de artesanía, que leva tempo.

Fixeron algún traballo de accesibilidade cognitiva en Lugo?
Desde o Centro Español de Accesibilidad Cognitiva demos tamén formación a profesionais da Administración sobre estas cuestións. 
En particular, a traballadores de museos e bibliotecas. E en Galicia, tamén estivemos a traballar con distintas entidades. Entre outras, no museo do castro de Viladonga, en Castro de Rei.

Voltará ao mundo do xornalismo ou a súa carreira xa está encamiñada hacia as discapacidades?
O mundo dá voltas pero tamén me gustan os movementos sociais, a busca de alternativas sociais para un mundo máis habitable, a creatividade e a comunicación para eliminar barreiras.

Comentarios