Fai vida de xubilado e por iso non madruga. Xa madrugou abondo toda a súa vida laboral. Agora érguese pasadas as dez. "Madruguei moitos anos e nunca me gustou, así que agora, xa xubilado, non me ergo tan cedo. Despois vou andar unha hora, desde o Parque de Frigsa ata o do Sagrado Corazón e retorno por Albeiros. Os martes e venres vou ao Mercado de Quiroga Ballesteros e á Praza de Abastos a comprar peixe. Pola tarde, marcho para Martul, en Outeiro de Rei, onde teño unha casa con 300 anos de historia na que sempre hai algo que facer como cortar leña, por exemplo. De maio a outubro, vivimos alí, e o resto do ano, estamos en Lugo", conta Xosé Anxo Lage Suárez.
Os seus plans de xubilación céntranse en tres afeccións: a gastronomía, a política e o fútbol. Desde hai 40 anos preside a Sociedade Gastronómica Luguesa. "Reunímonos cada quince días un venres. Somos 40 socios e temos equipos de cociña de cinco persoas. De outubro a xuño, facemos un calendario e cada equipo elabora un menú. Realmente, na sociedade hai máis comedores que cociñeiros. Cociñeiros seremos só unha ducia", di.
A política deixouna de cara á galería, pero non de cara a dentro. Empezou a principios dos 90 cando presidía, pola Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG), a Xunta de Persoal da Administración do Estado, como funcionario da Seguridad Social que era. Sempre tivo claro que quería opositar e, por iso, non quixo ir á universidade e foi á mili de voluntario, que fixo en Garabolos. "As primeiras oposicións ás que me presentei eran para Caixa Galicia. Fixen un exame impecable e había seis prazas, pero non me tocou ningunha. Decidín prepararme despois para a Seguridad Social e saquei unha praza en Ribadeo. Máis que un traballo de funcionario o que quería era emanciparme, marchar da casa e ter unha familia. O meu primeiro soldo foron 25.000 pesetas", lembra.
O sindicalismo abriulle as portas do Concello e foi incluído na lista do BNG nas eleccións de 1995. A dimisión de Xoán Carlos Carreira, un ano despois, permitiulle ser concelleiro. Volveu a presentarse en 1999, 2003 e 2007 e saiu concelleiro dúas veces máis, unha delas, en 2007, como cabeza de lista. "Sempre dixen que tiña alma de sindicalista, non de político. Por iso, non me gustaría volver. E, de facelo, non aceptaría ningún cargo fóra do municipalismo porque a min o que me gusta é a proximidade co cidadán. Dáme igual a ideoloxía. Nunca lle preguntei a ninguén de quen era. Non entendo o sectarismo porque o que hai son cidadáns con necesidades. Esta forma de ver a política fai que teña unha relación moi persoal con xente do PP", afirma.
Lage afrontará os novos comicios electorais deste ano desde o anonimato. Non lle fixeron ningunha proposta para ir polo BNG —de onde saiu trala marcha de Beiras—, nin do desaparecido Lugonovo, co que chegou a simpatizar. "Nin me fixeron ningunha proposta do BNG nin a aceptaría. Daríalles as grazas porque son unha persoa educada. Non lles gardo rencor pero non teño nada que ver agora co BNG. Sobre Lugonovo, direiche que o único que detesto do meu paso pola política foi este partido. Vin aí a cara menos noble dos políticos. Foi un fraude total e absoluto, un tempo perdido", afirma.
A súa relación coa política é agora como a que ten co fútbol, deporte que practicou durante 35 anos na Comercial, no Meira, no Vilalbés e no Pol. "A política é como o fútbol. Son un gran afeccionado, pero xa non xogo", conclúe.