viernes. 20.05.2022 |
El tiempo
viernes. 20.05.2022
El tiempo

"Para que Lugo avance hai que traballar todos xuntos e deixar o pancartismo, que busca rédito electoral"

Xoán Vázquez Mao. ARCHIVO
Xoán Vázquez Mao. ARCHIVO

Nado en Madrid en 1957 e licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, Xoán Vázquez Mao é secretario xeral do Eixo Atlántico dende o inicio, en 1995. De seguido explica o papel de Lugo e o que lle suporá ser Capital Cultural.

Que supón para Lugo o recoñecemento de Capital da Cultura do Eixo Atlántico? 
Primeiro, o recoñecemento de todo o traballo que se vén facendo dende hai moitos anos, tanto dende o ámbito, por exemplo, do Patrimonio da Humanidade da muralla, do Arde Lucus na súa compoñente de recuperación de festas históricas… Segundo, o recoñecemento do traballo que se recolle na proposta e que mereceu a estimación dos demais. Terceiro, supón consumo cultural, reforzar esa aposta de Lugo pola cultura. E por último, é un posicionamento de Lugo no conxunto da eurorrexión, para atraer tanto xente que fai cultura como xente que a consume. 

Ten datos do que supuxo a Capital da Cultura noutras cidades? 
En Vila Real, por exemplo, en seis meses houbo máis de 300 eventos, máis de 60.000 espectadores e máis de 300.000 visitantes. En Matosinhos houbo 93 eventos e 854.472 participantes. Gaia comunicou máis de 300 actos en tres meses, mil artistas e 70.000 espectadores. Ourense tivo 50.000 espectadores en dous meses... 

Por que cre que para 2023 só houbo a candidatura de Lugo? Réstalle mérito? 
Non lle resta mérito. A razón de que non houbera máis é que Lara Méndez [alcaldesa de Lugo] fixo un traballo importante de lobby cos alcaldes que tiñan intención de presentar candidatura, que eran catro ou cinco. Falou creo que con todos e aceptaron que nesta ocasión fose Lugo. 

Xa me responde, entón, á pregunta de que papel xogou neste logro a alcaldesa de Lugo e ademais presidenta do Eixo Atlántico. 
Todo. Eu non entro en como Lara traballa na súa casa, pero o que podo dicir é que nesta candidatura levamos un ano traballando directa e persoalmente ela e eu, cos nosos equipos. Na reinauguración da Capital da Cultura de Braga xa me dixo que tiña interese nisto. e eu podo traballar con calquera alcalde que mo pida. Ademais, con Lara hai un vínculo moi forte dende hai moito tempo. Está implicadísima e agora é a presidenta do Eixo Atlántico. 

A candidatura de Lugo a Capital da Cultura foi a única porque a alcaldesa fixo un traballo de lobby co resto dos alcaldes do Eixo

Pregúntoo porque o BNG, que é quen xestiona a cultura en Lugo, quixo sacar peito tamén do logro.
Eu non vou entrar en cuestións internas. Nós non entramos nin a poñer nin a quitar medallas nin méritos. Para o Eixo, o responsable de todo cara a nós é o alcalde, neste caso a alcaldesa, e entendemos que se é un goberno, aínda que sexa de coalición, segue habendo unha única alcaldesa. Que logo dentro, [o BNG] participe máis ou menos, iso xa ten que ver coas dinámicas internas e eu non podo enxuizalo. Pero paréceme un pouco chocante que as cousas se reivindiquen como se isto non fose un goberno senón que fosen varios, e máximo cando por riba de todo é algo bo para Lugo. Á deputada provincial de cultura [a nacionalista Maite Ferreiro, tamén concelleira desa área na cidade] vina por primeira vez na reunión, non a coñecía, eu non tiña relación con eles [co BNG]. 

A oposición, o PP, ve electoralismo neste recoñecemento. 
O problema é que as eleccións son o ano que vén, pero para algúns parece que xa estamos en período electoral. A pregunta que me fago é: a xente, no goberno e na oposición, está a traballar pola cidade ou é unha permanente posición electoral? Unha das últimas veces que estiven en Lugo fun a unha presentación dun libro, encontreime con José Manuel Barreiro e faloume de que era importante o papel do Eixo no tema ferroviario… Eu díxenlle: ti xa sabes que nós estamos niso dende a primeira hora, xa estivemos con García Díez, Orozco e agora con Lara. Agora, tamén che digo que isto non se resolve facendo pancartismo nas estacións de tren. Resólvese facendo lobby na Xunta e en Madrid. É verdade que as cousas en Madrid van, pero non van ao ritmo que eu querería, pero tamén é verdade que a Xunta nunca botou unha man nestes temas. E temos que entender a lexitimidade dos que foron electos. En Lugo chámase Lara Méndez. Na Xunta chámase, ou chamábase, Alberto Núñez Feijóo. E temos que aceptalo independentemente das simpatías de cada un, porque se facemos de todo unha confrontación electoral, a cidade e Galicia nunca van avanzar, e cada vez que se consiga un éxito, en vez de ser un éxito acabará sendo unha guerra. 

Se hai un problema ambiental na variante ferroviaria dos Peares será forza maior, pero queremos ver que é así

O do pancartismo vai polo BNG?
Vai por todos aqueles que en vez de traballar por algo, cando están as portas abertas para traballar, buscan o beneficio electoral. Se realmente queremos que Lugo e o interior de Galicia teñan un tren moderno e competitivo para mercadorías e para pasaxeiros temos que traballar todos xuntos a partir da lexitimidade. E quero lembrar que Lara e eu tivemos unha reunión con Feijóo para ofrecerlle que el liderara a voz de todos, iso si, dende a lealdade, para defender as infraestruturas en Madrid. E non se cumpriu. 

Por esa confrontación política, o proxecto da estación intermodal de Lugo segue encallado. 
En Lugo conseguimos desbloquear a electrificación da liña para que cando o Ave chegue ao resto de Galicia, porque agora só chega a Ourense, chegue a Lugo. O inconvinte é que, mentres non se fagan as dúas variantes (Os Peares-Canabal e Rubián), que non sabemos como están, os tempos non van ser competitivos. E sobre a intermodal sei que houbo reunións e que Madrid estaba co proxecto. Non sei a parte da Xunta como está, porque como hai unha guerra permanente entre a conselleira e a secretaria de Estado… Saberá mellor Lara. 

O último que dixo a secretaria de Estado sobre as variantes non é moi esperanzador. Sinalou que o tempo que se gañaría non compensa o esforzo que hai que facer nin o impacto ambiental. 
Iso é unha opinión dunha secretaria de Estado, moi respectable, pero non é unha verdade escrita en pedra. O esforzo orzamentario estase facendo no mediterráneo, para variar, e aquí séguennos contando que xa temos o Ave, cando o Ave é o maior engano dos últimos 25 anos, porque só chega a Ourense e dúas ou tres frecuencias diarias. E polo Goberno central pasaron os dous partidos, PP e PSOE. E quero lembrar que o BNG deu un voto para a investidura e tamén podería ter esixido iso, pero, ou non o esixiu ou non lle fixeron caso. Por tanto, aquí responsabilidades teñen todos. No que respecta ás variantes, cousa distinta é que poida haber un problema no que ten que ver coa declaración de impacto ambiental da dos Peares-Canabal en relación coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Somos conscientes de que pode haber un problema, pero estamos á espera de que acaben o estudo de impacto ambiental e nolo presenten. Se o hai, iso loxicamente sería forza maior, pero queremos velo.

A internacionalización de Lugo comezou con Lara Méndez, é unha cidade moi valorada

Sabemos do seu aprezo a Lugo e á alcaldesa, e tamén da súa visión ampla da Eurorrexión e doutros países, pero sendo obxectivo, que imaxe diría que ten Lugo fóra? 
Tena moi boa e in crescendo, porque é verdade que esta imaxe estase cultivando nos últimos anos. En Portugal é unha cidade moi ben valorada. Non hai que esquecer que a radiotelevisión portuguesa fixo un dos seus programas estrela de catro horas dende Lugo, e iso non o fai se non ten interese. Porque alí non houbo que pagar nada, foi unha xestión de Lara cando levaba un ano de alcaldesa. Sei que Lugo está preparando estratexias de captación de turismo a nivel nacional para cando chegue o Ave. E a nivel internacional estivemos nun foro con oito países que quedaron moi sorprendidos co proxecto do ecobarrio e do Lugo sostible, e na candidatura á internacionalización, Lugo foi escollida por unha cidade de Xapón á que lle interesou moito a experiencia. Agora ben, estamos a falar dun traballo que ten seis ou sete anos, porque hai moito que Lugo non saía ao exterior. Adoptou unha posición, perfectamente comprensible, de mellorar, recuperar e poñer calidade na cidade, que empezou García Díez e continuou Orozco, e unha vez que por dentro xa estaban as cousas razonablemente resoltas neste plano, non falo dos problemas que pode ter a cidade, é cando chegou o momento de saír ao exterior, e iso comezou coa chegada de Lara. Seino ben, porque apoiouse para iso no Eixo. E a miña querencia por Lara é resultado do traballo que está facendo, do moito que aporta e do ben que se traballa con ela. É unha persoa que escoita e logo toma decisións. 

Hai quen cre que, por ese interese de proxección, se poden estar descoidando problemas que ten Lugo, algúns comúns a outros lugares do Eixo, como o estancamento poboacional e a falta de industria. 
Non, porque eses problemas non son competencia da cidade, senón da Xunta e do Goberno nacional. 

Algo terán que ver tamén problemas locais como a dificultade para obter licenzas, por exemplo. 
Eu falo do que sei. Do que non sei xa falarán os cidadáns nas eleccións. Hai un problema demográfico en todo o interior, certo, porque non se fixeron nunca políticas para fixar poboación, de infraestruturas, de creación de emprego.., agora comézase a facer con Altri. Hora era. 

Altri é un deses exemplos de algo que a priori pode ser bo para Lugo e que xera confrontación. 
Se as cousas son como se están vendendo, por suposto que é un éxito, claro que o é. Poñámoslle a medalla a Feijóo sen problema ningún. Ogallá sigan nesa liña de levar empresas ao interior. Agora, para que veñan, o que temos que facer, por exemplo, é reforzar a sanidade, e non ter os problemas que ten O Barco de Valdeorras. Ou paréceme descabelado que a conselleira defenda unha conexión de Portugal coa Gudiña —que Portugal nunca vai facer, porque atravesa un parque nacional— e en cambio non faga nada na conexión de Valdeorras coa Gudiña, que é competencia exclusiva da Xunta, para que sexa a parada do Ave de todo o oriente galego.

"Para que Lugo avance hai que traballar todos xuntos e deixar o...
Comentarios