jueves. 01.10.2020 |
El tiempo
jueves. 01.10.2020
El tiempo

CÉSAR MOGO, CANDIDATO DO PSOE AO SENADO

"O PSOE non fai Goberno a calquera prezo, aínda que lle custe votos"

César Mogo. VICTORIA RODRÍGUEZ
César Mogo. VICTORIA RODRÍGUEZ
Mogo saltou á primeira liña en abril porque, tras trinta anos de traballo no PSOE, agora ten máis ganas de "expresar" ca de "preparar". Reivindicouse galego toda a vida e en todos os lados, pero afirma que o seu coñecemento do territorio é moito maior trala "inmersión" deste ano.

ESTAMOS ante o home do presidente?
Non, estamos ante un home que traballou co presidente. Sánchez ten moitos homes e mulleres.

Como foi traballar con el?
Estiven encantado. Traballei no gabinete toda a etapa da oposición e o ano de Moncloa. Non se pode explicar se non houbera un coñecemento persoal de vinte anos, unhas complicidades, sen apuntarme a iso dos amigos íntimos. É moi esixente e escoita moito.

Non se parecerá moito o Sánchez de agora ao de hai vinte anos.
Foi forxándose politicamente, pero tampouco hai un salto no que notaras como cambiou porque é unha persoa moi estable. Creo que para el foi moi importante a etapa municipal en Madrid. Non me sorprendeu moito cando aspirou a secretario xeral porque xa destacara como un dos homes do grupo parlamentario.

Vostede leva tres décadas en política. Hai vida fóra dela?
Tiven a inmensa sorte de traballar no que quero. Estudei Ciencias Políticas e Socioloxía, veño dunha familia á que lle gustaba falar moito de política e dende que teño uso de razón interésame.

"Son un lector compulsivo de novela negra, e constante de poesía; perdín a biblioteca por un divorcio e reconstruína"

Que outros intereses ten?
Son lector compulsivo de novela negra e lector constante de poesía. Perdín toda a biblioteca de literatura por un divorcio e reconstruína, o primeiro de nada coas novelas de Valle-Inclán. Baroja e toda a xente do 98 interésame moito. No Valadouro teño unha biblioteca que é a xoia da casa. Volvo a durmir tódalas noites á casa creo que só por ver a biblioteca. Teño un perfil en facebook que se chama Juan Manuel Montenegro, que era un dos personaxes das ‘Comedias Bárbaras’, que usei na outra campaña. E pode parecer unha simpleza, pero tamén son moi amigo de coller o coche e de recorrer pobos. E logo gústame moito estar alí onde hai unha conversación. Cada vida que pasa é unha novela que se perde, diría Castelao. E teño que dicir que son impaciente, aínda que o disimulo.

Sufriría entón este verán. Goberno si, goberno non...
Mentaliceime de que ía para largo, dinme conta, por instinto, por iso non o vivín con ansiedade.

Cantas veces ao ano visitaba o Valadouro antes de ser candidato?
Tres veces... No verán, en Semana Santa quizais e unha ponte.

Que lle fixo dar un paso adiante tras tres décadas en papeis máis secundarios?
Eu rumío moito as cousas, é algo que viña de tempo atrás. Hai un momento no que, se tes paixón e interese, intelectual e sensitivamente tes necesidade de expresar politicamente e non só de preparar. E logo, eu quería facer algo en Galicia. Non sería senador ou deputado noutro lugar. É case evolución natural.

"Se temos unha maioría reforzada, vai haber Goberno pronto, e o máis lóxico sería con apoios, á portuguesa"

Serviulle o que vostede chama inmersión provincial para ver Lugo doutro xeito?
Con toda a modestia, creo que era coñecedor da realidade galega, pero non é o mesmo ter idea dun problema, como o despoboamento, o déficit industrial ou as dificultades burocráticas que teñen as empresas, ca velo atravesando a provincia e ca que cho conten os alcaldes e os voceiros, que me axudaron moito. A vinculación ao territorio e a profundidade do coñecemento é moito maior.

Ata entrou na executiva provincial do PSOE. Xa o consideran un dos seus? [Foi tildado de paracaidista por algúns compañeiros].
Creo que foi unha polémica artificial. Houbo xente que puido dicir esas cousas, pero non lles prestei atención nin atendín a quen o dicía. Estou cómodo non, comodísimo. Nunca notei hostilidade.

Arriscou o PSOE indo a eleccións?
O PSOE non forma Goberno a calquera prezo. Se non formabas un Goberno potente, hoxe non existiría ese Goberno e estariamos metidos nunha crise maior. Esas decisións tes que tomalas con convición, sen importarche os custos políticos que poidas ter.

Pois o que se viu foi precisamente interese partidista...
É lóxico que a xente pense iso, e non llo reprocho. Tería sido máis fácil deixarse levar por esa corrente de opinión para non ter castigo, pero ás veces o cómodo non é o conveniente. Cos temas que xurdiron logo (o Open, a sentenza de Cataluña...) creo que o goberno tería serios problemas.

Tire dese instinto. Que vai pasar o 10-N?
Vai haber Goberno de Sánchez.

Coa dereita ou coa esquerda? Porque o PSOE mira aos dous lados.
É unha polémica inevitable porque é demasiado golosa. O máis lóxico sería un Goberno con apoios, como despois da moción de censura. Á portuguesa.

É unha fórmula traballosa e que pode ralentizar a acción política.
É que a política é moi traballosa, pero forma parte do noso traballo. Non ten por que ir máis lento.

Non lle diría o mesmo a alcaldesa de Lugo despois de catro anos en minoría.
O mundo municipal é diferente, está máis pegado á xestión directa. Os acordos políticos non están tan atravesados por unha cuestión territorial. Se somos capaces de que o electorado entenda as nosas razóns creo que hai unha maioría progresista. O ideal é que nos reforcemos. Se eso ocorre hai condicións para facer goberno pronto. Todo vai depender do que sexamos capaces de mobilizar cada partido. Eu creo que a dereita está topada, que se está transferindo César Mogo. o voto.

"O PSOE non fai Goberno a calquera prezo, aínda que lle custe votos"
Comentarios