El Progreso volve convocar unha nova edición de Contos de Verán

O gañador do primeiro premio do certame literario recibirá 1.000 euros e o segundo, 500. Os relatos poden enviarse ata o 15 de agosto
Entrega da última edición de Contos de Verán, que gañaron Pilar Dopico e Euloxio Fernández. XESÚS PONTE
photo_camera Entrega da última edición de Contos de Verán, que gañaron Pilar Dopico e Euloxio Fernández. XESÚS PONTE

O diario El Progreso convoca a novena edición do certame literario Contos de Verán, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

As persoas interesadas poden enviar xa os seus relatos ata o día 15 de agosto ao enderezo electrónico [email protected] ou por correo postal a rúa Ribadeo,5, 27002, Lugo. Poderán acompañar os orixinais unha fotografía do autor que se publicará xunto ao relato.

O concurso Contos de Verán, un evento xa consolidado no calendario galego, recibe traballos de temática libre, inéditos na súa totalidade e integramente escritos en lingua galega, segundo a normativa vixente.

Deberán ter unha extensión que non poderá ser inferior aos 3.000 caracteres nin ser superior aos 4.000, incluídos espazos.

O certame establece dous galardóns: un primeiro premio, cunha dotación económica de 1.000 euros, e un segundo premio, que será gratificado con 500 euros.

Un xurado integrado por xornalistas de El Progreso e persoeiros relacionados co ámbito da literatura galega e do xornalismo serán os encargados de emitir o fallo, que será inapelable.

FALLO DO XURADO. O resultado do concurso farase público no mes de novembro de 2021.

Durante os oito últimos veráns, o certame Contos de Verán alentou e confirmou as vocacións literarias entre os lectores de El Progreso. A maiores deste labor, un ano máis converterán as páxinas do diario nunha plataforma para as narracións de ficción. Así, os contos enviados iranse publicando durante os meses de xullo e agosto no xornal.

Cada autor ou autora pode presentar cantos relatos queira, aínda que, salvo excepción, só se publicará nas páxinas de El Progreso un, segundo decisión do Xurado.

Na edición de 2020 os relatos Vidente sen querer, de Pilar Dopico, e A casa dos ardentes, de Euloxio Fernández, fixéronse co primeiro e o segundo premio.

Comentarios