El Progreso volve convocar o certame literario Contos de Verán

O primeiro premio do certame está dotado con 1.000 euros e o segundo, con 500 euros
Entrega da última edición de Contos de Verán, que gañou Lourdes Abuide. AEP
photo_camera Entrega da última edición de Contos de Verán, que gañou Lourdes Abuide. AEP

O diario El Progreso convoca a oitava edición do concurso de relatos Contos de Verán, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que pertence á Consellería de Cultura da Xunta. As persoas interesadas poden enviar xa os seus orixinais, que se recibirán ata o día 15 de agosto.

O concurso Contos de Verán, un evento xa consolidado no calendario galego, recibe traballos de temática libre, inéditos na súa totalidade e integramente escritos en lingua galega, segundo a normativa vixente. Deberán ter unha extensión non inferior aos 3.000 caracteres nin superior aos 4.000, incluídos os espazos. Contos de Verán tamén establece dous galardóns: un primeiro premio, cunha dotación económica de 1.000 euros, e un segundo premio, que será gratificado con 500 euros.

Un xurado integrado por xornalistas de El Progreso e persoeiros da cultura serán os encargados de emitir o fallo, que será inapelable.

Durante os últimos sete veráns, o certame Contos de Verán alentou e confirmou as vocacións literarias entre os lectores de El Progreso. A maiores deste labor, un ano máis convertirá as páxinas do diario nunha plataforma para as narracións de ficción co obxectivo de que os lectores dispoñan durante os meses estivais dun xénero tan acaído para as longas xornadas de lecer como son as narrativas breves.

Historias.

Desde que comezou a celebración deste certame, El Progreso ten publicadas centos de historias costumistas, de xénero negro, fantástico, humo, fantasía ou ciencia ficción, de autoras e autores de todas as idades, desde preadolescentes a nonaxenarios. Os contos que foron avaliados polo xurado chegaron ao xornal dende localidades de todas as provincias galegas e mesmo de terras nas que viven galegos que marcharon da comunidade e residen no exterior. A cita revelouse como imprescindible nos veráns tanto para os escritores que participan como para os lectores.

A gañadora da edición do 2019 foi a xornalista lucense Lourdes Abuide, cun texto chamado Dualidade. O finalista resultou Alberte Momán, con orixes familiares en Xermade, que presentara un relato do Oeste, O regreso de Lauraine Maccow.

Comentarios