As previsións do Caudal Fest suben ata as 15.000 persoas a carón do río

A empresa que produce o festival asegura que o plan de autoprotección garante a seguridade

Traballos de montaxe do escenario no Caudal Fest. XESÚS PONTE
photo_camera Traballos de montaxe do escenario no Caudal Fest. XESÚS PONTE

As expectativas para o Caudal Fest, o festival de música que a cidade estrea este venres a carón do río, estanse a superar e os organizadores estiman que se vai chegar aos 15.000 asistentes, xa que a mediados da semana pasada o número de entradas vendidas xa estaba bastante por riba das 10.000 que estaban previstas inicialmente.

Así o explicaba David Méndez, un dos directores do festival, quen explica que o evento dispón dun "plan de autoprotección" axustado ás súas características. A empresa que está detrás do festival, Bring the Noise, ten experiencia na organización de grandes eventos, como o Resurrection Fest, de Viveiro, o Tsunami Xixón e O Son do Camiño, de Santiago. "Cada festival ten un plan de autoprotección que cumpre todas as medidas que esixe a Lei de Espectáculos que entrou en vigor hai uns meses, aínda que os profesionais dos grandes eventos xa as levabamos a cabo antes, non as implementamos agora", explica, despois de que grupos políticos como o PP advertiran hai uns días de que o Caudal Fest carecía de plan de seguridade. O desplome do peirao que se produxo no Marisquiño de Vigo dirixe o foco a esta cuestión.

Méndez explica que o traballo comeza coa elaboración dun estudo do espazo por parte dunha enxeñaría. "De aí sácase un aforo e unha empresa deseña un plan de autoprotección, que se presenta ás administracións e aos corpos de seguridade", explica. Bring the Noise conta para o Caudal Fest cos servizos de Keeper, unha empresa de seguridade con experiencia en grandes eventos, sinala. "Faise todo en coordinación co Concello e cos corpos de seguridade", recalca. Hoxe mesmo está previsto que se reúna a xunta local de seguridade con este motivo.

Méndez asegura que o espazo no que se celebrará o festival, o parque do Miño, a carón do Pazo de Feiras e Congresos, "non é problemático". O recinto estará valado, polo que o río non suporá un risco, di. A montaxe da infraestrutura xa empezou hai días e dende ese momento hai seguridade privada no lugar. Cando o recinto está listo, unha enxeñaría comproba que todo está en orde e emite un certificado de obra, que se entrega ao Concello.

O festival comezará o venres pola tarde e, aínda que inicialmente estaba previsto que os concertos dese día (gratuítos) foran na Praza de Santa María, a organización decidiu trasladalos ao recinto do Miño, debido ao gran ritmo de venda das entradas para o segundo día que houbo dende o inicio. "Vendeuse tanto o primeiro día que nos demos conta de que o venres ía empezar a chegar xa moita xente e non ía poder entrar toda na praza", explica Méndez.

Os organizadores tamén tiveron que deseñar unha zona de acampada, debido á demanda que empezou a haber nas redes sociais, xa que os aloxamentos da cidade e dun radio duns trinta quilómetros hai tempo que están cubertos. Estará a carón do recinto de concertos, ten capacidade para unhas mil persoas e está vendida máis da metade.

Méndez destaca que a repercusión económica do festival na cidade vai ser grande, "en hoteis, hostais, pisos de airbnb, supermercados... Segundo os estudos de impacto económico que facemos coa Universidade de Santiago, festivais que son tres veces máis grandes ca este moven entre 10 e 15 millóns de euros", sinala.

Comentarios