Presentada en Lugo a nova edición de 'O que queda de verán'

Cada mércores entre o 18 de agosto e o 8 de setembro, as familias da cidade poderán desfrutar de espectáculos de entretemento na Canella do Hospital

Maite Ferreiro na presentación da nova edición de 'O que queda de verán'. CEDIDA
photo_camera Maite Ferreiro na presentación da nova edición de 'O que queda de verán'. CEDIDA

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou unha nova edición de O que queda de verán, que este ano contará con catro espectáculos nas tardes dos mércores entre o 18 de agosto e o 8 de setembro. “Desde a área de Cultura queremos continuar cun ciclo xa consolidado na programación cultural do verán para as nenas e nenos, que ano tras ano é un éxito de acollida entre as familias de Lugo”.

A nova edición de O que queda de verán achegará espectáculos de circo, teatro e música para público familiar nas tardes dos mércores a partir das 18:30. A entrada será gratuíta ata completar a cabida.

A área de Cultura complementa coa nova edición de O que queda de Verán a programación cultural do verán. Este xoves terá lugar o último espectáculo do ciclo Tarde e Tardiña na Canella do Hospital, cunha actividade para público familiar e un recital de poesía. Ademais, durante os domingos continúa a celebrarse na praza Maior a Mostra de Vellos Oficios Artesáns, que trae cada día a dous artesáns para facilitar o coñecemento dos oficios a través da vivencia en directo e do facer das e dos artesáns. A área de Cultura completa a programación cultural nestes días co Muralleando, con concertos de grupos locais nas tardes dos venres e sábados na praza da Soidade.

Programación O que queda de verán 2021
Mércores, 18 de agosto, BERGAMOTTO SHOW

Mércores, 25 de agosto, NATALIA PAJARITO "ISOLADA"

Mércores, 1 de setembro, PATTY DIPHUSA "SUPERHARTE"

Mércores, 8 de setembro, JAM "LE PETIT TÉÂTRE AMBULANT"
 

Comentarios