O PP pedirá que o pleno municipal reclame a Pedro Sánchez o pago de transferencias

A formación conservadora insta á alcaldesa a posicionarse e demostrar "se defende ou non os intereses dos lucenses"
Ramón Carballo, edil do PP lucense. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Ramón Carballo, edil do PP lucense. VICTORIA RODRÍGUEZ

O PP esixirá que o pleno de Lugo reclame a Pedro Sánchez que pague os cartos que lle adebeda aos lucenses. O voceiro da formación no alertou de que "o feito de non recibir do Estado as transferencias que nos corresponden podería afectar á elaboración dos orzamentos xa que descoñecemos os medios dos que disporemos".

Ramón Carballo apuntou que "non se pode xogar coa prestación de servizos públicos para facer táctica política, como está facendo Pedro Sánchez" e insiste en que "a defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Lugo debería estar por riba de calquera interese partidista".

O edil popular reclama á alcaldesa e ao seu vicealcalde que apoien a iniciativa, xa que "a abstención ou o voto contrario sería indefendible, sería como dicirlle aos cidadáns de Lugo que se negan a dárlle aos veciños e veciñas o que é deles". Pide á alcaldesa que se posicione e demostre "se defende os intereses dos lucenses ou se, pola contra, é complice da falta de vontade política de Pedro Sánchez que retén as transferencias que lles corresponden aos concellos de forma inxustificada".

Para os populares, este bloqueo do Goberno de España supón unha amenaza á economía municipal. Carballo manifestou que Sánchez utiliza a mesma coartada que coas comunidades autónomas para frear a entrega deste diñeiro e que no caso de Galicia se cuantifica en 700 millóns de euros.

Tamén cuestionou as disculpas de Sánchez para bloquear estes cartos xa que "afirma que non pode transferir o diñeiro porque goberna en funcións cando esta circunstancia non lle impediu aprobar os decretos dos venres sociais".