O PP logra visitar as instalacións da Deputación no antigo Fogar de Santa María

Os populares tiveron que acudir á Valedora do Pobo para que fose autorizada esta visita, xa que no primeiro intento o goberno provincial impediu o acceso dos representantes populares
O portavoz e viceportavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira e Óscar Poy, durante a visita a Santa María. CEDIDA
photo_camera O portavoz e viceportavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira e Óscar Poy, durante a visita a Santa María. CEDIDA

O portavoz e o viceportavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira e Óscar Poy, respectivamente, visitaron na mañá deste venres as instalacións do antigo fogar de Santa María, onde despois da reforma, están, entre outros, os servicios provinciais de Recadación, Medio Ambiente, Asesoría Xurídica e Formación.

Javier Castiñeira agradece a acollida dispensada polos xefes de servizo e os demais funcionarios dos departamentos que teñen a súa sede no antigo Fogar de Santa María 

Os populares tiveron que acudir á Valedora do Pobo para que fose autorizada esta visita, xa que no primeiro intento o goberno provincial impediu o acceso dos representantes populares. O portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: "Por fin no día de hoxe, o grupo provincial do Partido Popular puido visitar o edificio do antigo Fogar de Santa María, recentemente arranxado. Estamos contentos e agradecemos aos xefes de servizo e a todos os funcionarios a boa acollida. As instalacións quedaron ben; quedan aínda algúns flocos en materia de accesibilidade, de cobertura de Internet e algunha cousiña contraincendios, pero o prioritario está feito e as melloras neses servizos son evidentes".

Os populares din que "as instalacións quedaron ben", pero aínda faltan por solventar algúns flocos, entre eles algunhas cuestións relacionadas coa accesibilidade 

Así mesmo, Castiñeira indica: "Con esta visita péchase unha polémica, que acabou na Valedora do Pobo e que demostra unha vez máis que o Grupo Popular ten dereito a visitar as instalacións provinciais; simplemente cunha notificación previa é suficiente. O goberno provincial segue empeñado en dar permiso para acceder e non fai falta tal permiso, é suficiente coa notificación previa, como di a Valedora do Pobo". 

O PP reclama do goberno provincial que poña en condicións canto antes a nave de Begonte para que sexa posible levar a cabo a visita que foi denegada

O portavoz popular lembra que tamén lle foi denegado no seu día o acceso á nave da Deputación en Begonte. En relación con este asunto, Castiñeira di: "Esperemos que agora o equipo de goberno prepare as instalacións de Begonte, para poder visitalas, dado que o argumento que usaron para non autorizar a visita foi que non se podía garantir a seguridade dos deputados polo estado da nave. Esperemos que en poucos días a poñan en condicións para poder visitar esas instalacións".

Os populares tamén queren acceder a antiga sede da sociedade provincial, Suplusa, que tamén denegou no seu momento o goberno provincial  

Xunto con isto, Castiñeira tamén lembra que o Grupo Popular solicitou acceso ás antigas oficinas de Suplusa, na rúa San Marcos.

Comentarios