O centenario do Manifesto de Lugo encheu a cidade de actividades

Asegura que Galicia "ten dereito á súa autodeterminación" e a unha "alternativa sólida" á "dependencia" do Estado que lle "reserva" o PP

Acto do centenario da Asamblea de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Acto do centenario da Asamblea de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

A cidade tinguiuse das cores da bandeira galega con motivo do histórico centenario da primeira Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo o 17 e o 18 de novembro de 1918. Varias entidades e colectivos aproveitaron a efeméride para organizar actividades ao longo da fin de semana, entre as que destacaron o acto que celebrou o BNG na porta de Bispo Aguirre cunha enorme bandeira nacionalista, coa estrela vermella, despregada na muralla, ou a Festa Dandi que organizou Cultura do País e que, como en cada edición, reuniu as mellores caracterizacións dos anos vinte no hotel Méndez Núñez.

A xornada de reivindicación comezou na porta de Bispo Aguirre cun acto organizado polo BNG para conmemorar os cen anos do Manifesto de Lugo, que marcou o tránsito ao nacionalismo por parte do galeguismo. Preto deste lugar estaba o Salón-Teatro, que foi onde hai cen anos se celebrou a Asemblea Nacionalista. Ata a muralla achegouse este sábado medio cento de persoas para escoitar os parlamentos do portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, e da portavoz nacional, Ana Pontón, que, entre outras cousas, reivindicou a importancia do partido e asegurou que "hoxe é máis necesario que nunca para defender Galiza". Pontón celebrou a "cohesión" dun Bloque "que traballa con humildade pero con paso firme e cunha idea moi clara: Galiza non ten que resignarse a un pasado precario nin a un futuro incerto".

A portavoz nacional sinalou o "enorme potencial" da comunidade fronte a "un goberno que non ten proxecto para Galiza, e un estado centralista que nos marxina" e sinalou como eixos das súas reivindicacións "as Irmandades, Nós, o Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista, a defensa do Estatuto, a Tripla Alianza e Galeuzka e a resistencia antifranquista".

Cultura do País é un dos colectivos que leva anos conmemorando a efeméride con actividades diversas

Pontón rematou a súa intervención asegurando que Galicia "é un país coa enerxía do vento e do talento, porque non hai mellor política social que a que aposta por poñer o país a producir e desenvolver todo o seu potencial".

FESTA DANDI. Outra das entidades que se sumou á data histórica foi Cultura do País coa súa xa tradicional Festa Dandi. Un bo número de persoas acudiron á festa caracterizados dos anos 20 e bailaron e gozaron con Duende Circo, Microefectos Dramatúrxicos, As Ramilettes e Marqués de Vilapondre DJ Set. Ao final do acto entregáronse os Premios Dandi aos asistentes coas estéticas mellor traballadas.

Cultura do País é un dos colectivos que leva anos conmemorando a efeméride con actividades diversas. Este ano xuntouse a outras organizacións, como Vía Galega, plataforma social que defende os dereitos de Galicia como nación. Durante toda a fin de semana, estas e outras entidades homenaxean aos membros das Irmandades da Fala, que foron as impulsoras da Asemblea e do Manifesto de Lugo. LugoPatrimonio, o Club Cultural Valle Inclán, a Agrupación Cultural Ergueitos e a Asociación Cultural Xermolos, son algúns dos colectivos que se suman aos actos.

Comentarios