Maite Ferreiro e Pilar Prieto, candidatas do BNG por Lugo ao Congreso a ao Senado

Pontón defende que a "única coalición" electoral do partido nacionalista para estas eleccións xerais será "cos galegos e coas galegas"

Ana Pontón xunto a Mayte Ferreiro e Pilar Prieto en Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Ana Pontón xunto a Maite Ferreiro e Pilar Prieto en Lugo. XESÚS PONTE

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou este xoves que a "única coalición" electoral do partido nacionalista para estas eleccións xerais será "cos galegos e coas galegas". A líder nacionalista fixo estas declaracións tras participar en Lugo na presentación das candidaturas ao Congreso e ao Senado por esta provincia, que estarán lideradas por dúas mulleres, Maite Ferreiro e Pilar Prieto, respectivamente.

"O BNG nestas eleccións preséntase cunha candidatura do BNG e a única coalición na que vai ir é unha coalición cos galegos e as galegas", dixo Ana Pontón, quen recordou que non se vai producir nesta ocasión un escenario de maioría absoluta", de modo que "un, dous ou tres deputados" nacionalistas no Congreso "poden ser o máis útil para os galegos".

Nese sentido, fixo un chamamento a "aproveitar" os votos "para que Galicia conte en Madrid", pero tamén para "frear a esa extrema dereita que está botada a monte e que se presenta cun programa de retroceso".

Nese sentido, insistiu no BNG só responde ante unha "coalición cos galegos e coas galegas" para "defender os intereses de Galicia, para facelo sen ataduras e, desde logo, para pararlle os pés á coalición na que está Feijóo, que é a da extrema dereita, con Abascal, co que estaba ata fai poucos días militando no PP".

Na mesma liña, afirmou que o PP "utilizou institucións públicas para darlle grandes salarios a ese líder da extrema dereita". "Creo que a única coalición que hai é a de Feijóo coa extrema dereita", resolveu.

'O CONTO DA CRIADA'.  Ademais, Pontón comparou o programa co que se presenta o PP de "Feijóo e de Casado" ás eleccións xerais coa serie O conto da criada, o que ao seu xuízo é "preocupante" porque reflicte "unha involución democrática" e un "ataque á dignidade das mulleres". 

"O Partido Popular, de Feijóo e de Casado, demóstrannos que están fronte a todas as mulleres que saíron a defender os seus dereitos o día 8 de marzo", dixo Ana Pontón.

A líder do BNG fixo referencia, nese sentido, a "un programa que debe estar inspirado no Conto da criada e que, ademais, pode dar para novas edicións desa serie". Desde o seu punto de vista, "é preocupante, porque significa unha involución democrática, de dereitos e un ataque á dignidade das mulleres que ningunha persoa de ben pode aceptar".

En todo caso, afirmou que ese "é o programa que defende esa extrema dereita, que está botada ao monte e que compite por ver quen está máis na extrema". "Creo que os únicos extremos que se tocan son os extremos do PP, de Vox e Cs, que non só gobernan en Andalucía cun programa regresivo, senón que estamos vendo que son tres versións iguais do mesmo produto. Eu case diría que é un residuo do aznarismo".

DEBATE NA TVG. O BNG propuxo a celebración dun debate na Televisión de Galicia (TVG) cos líderes das catro forzas con representación no Parlamento de Galicia no marco da campaña das próximas eleccións xerais que se celebrarán o 28 de abril. 

Así o avanzou nunha rolda de prensa ofrecida este xoves en Santiago de Compostela o coordinador de campaña do Bloque, Rubén Cela, quen detallou que a súa formación xa trasladou esta petición tanto ao director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, como aos distintos partidos con representación no Pazo do Hórreo. 

Comentarios