Pontón pide en Lugo "responder á inutilidade" dos partidos estatais votando ao BNG

A nacionalista comprométese a defender no Congreso os postos de traballo de Alcoa e pide un tarifa eléctrica galega
Ana Pontón, xunto a Rodil e Arroxo en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Ana Pontón, xunto a Rodil e Arroxo en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu á cidadanía galega "dar unha contundente resposta" á "dobre inutilidade das forzas estatais" con Galicia "que nin foron capaces de achegar solucións aos problemas deste país" nin de darllas "ás persoas". 

Este é a mensaxe que a líder nacionalista trasladou aos asistintes ao mitin que celebrou o partido este sábado en Lugo, coa candidata do Bloque ao Congreso por Lugo, Olalla Rodil. 

Durante a súa intervención, Pontón pediu á veciñanza luguesa que depositasen a súa "confianza" no BNG. Animou a "concentrar" no seu partido "todo o voto" da Comunidade, "dos nacionalistas e galeguistas", así como tamén "dos que queren que Galicia se faga valer" e conte con "políticas de progreso". 

O Bloque comprometeuse a defender no Congreso "que non se pode acabar co emprego de Alcoa", 2.000 postos de traballo que "están en xogo polos custos da electricidade" e a inexistencia "dunha tarifa eléctrica propia". 

A xuízo de Pontón, "non é de recibo seguir coa estafa eléctrica" sendo "grandes produtores de enerxía" na provincia de Lugo. Acusa a PP e PSOE como responsables desta situación, e tamén "ao señorito dos Peares", en referencia a Alberto Núñez Feijóo, polo "seu veto constante a unha tarifa eléctrica galega". 

Cre que os "incumprimentos e a discriminación a Galicia" foron agravados polo "bipartidismo" e "ata por un Podemos que fala de acento galego" pero que "se sumou ao ninguneo ao pactar co Goberno de Pedro Sánchez os peores orzamentos do Estado para Galicia en 20 anos".

"PAÍS CON VOZ E VOTO". En relación a Lugo, Pontón fixo referencia ás principais demandas que o seu partido ten pensado trasladar ao Congreso dos Deputados. 

Referiuse ás "infraestruturas ferroviarias", o "atraso de 30 anos na construción da autovía Lugo-Santiago, a eterna demanda dun xulgado específico de violencia machista na cidade" e, sobre todo, o "escándalo" da factoría Alcoa "nun país que exporta electricidade a esgalla". 

Pola súa banda, Olalla Rodil debuxou o 10 de novembro como "a oportunidade" para "converter a Galicia nun actor da política de Estado. Como país con voz e voto, con capacidade para intervir e condicionar os debates para situar na axenda política os dereitos e intereses" da comunidade. 

A candidata nacionalista por Lugo recriminou aos partidos estatais vir ao territorio galego "pescar votos", sen asumir que "Galicia non é un caladoiro", senón un "pobo digno, traballador e honesto. Non máis que ninguén pero tampouco menos".

Comentarios