Unha ponte ata Bolivia

O apoio económico de Lugo permite desenvolver proxectos de cooperación en diversos países e loitar polos dereitos das mulleres
Emprendedora de Bolivia. WARA VARGAS
photo_camera Lourdes Herrera, emprendedora téxtil que participa no programa que recibe apoio do Concello de Lugo en Cochabamba. WARA VARGAS

Cada cidadán de Lugo destina algo menos dun euro a cooperación internacional. A maioría nin o sabe, pero eses céntimos de orzamento municipal que se sementan máis aló das fronteiras agroman fertilizados pola necesidade e dan froitos que fan rendible ata o investimento máis escaso.

Pouca xente sabe que por menos dun euro por cabeza se construíron pontes entre Lugo e moitos países. Por exemplo, Bolivia. Unha conexión de preto de 9.000 quilómetros a través do Atlántico que a este lado do océano nin se percibe e que na outra beira se recibe coma auga de maio.

As axudas que concede o Concello de Lugo limítanse a infraestruturas e equipamento

Na convocatoria do ano 2022, o Concello de Lugo repartiu 96.243 euros para impulsar proxectos en diversos países, segundo os datos da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Esta cantidade supón un 0,09 por cento do orzamento municipal, moi lonxe do 0,7 que demanda a Onu desde hai medio século, pero moito máis do que destina a maioría dos concellos, que nin contemplan esta opción. O Concello de Lugo foi pioneiro, a primeira entidade local de Galicia en promover unha liña estable de investimento en cooperación.

Aos fondos lucenses pode optar calquera organización que teña un proxecto de cooperación. Nas últimas convocatorias concorreron, entre outros, dous programas que se desenvolven en Bolivia en distintos ámbitos, pero que teñen en común o apoio á muller. Recibiron os fondos lucenses a través das organizacións non gubernamentais para o desenvolvemento (ONGD) Taller de Solidaridad e Solidariedade Internacional

As ONG median para que os fondos se invistan nos proxectos de destino en tempo e forma

Estas entidades traballan en cooperación con organizacións asentadas en Bolivia, concretamente, Siervas de San José e Mujeres Creando, que son as destinatarias finais dos fondos, quen realiza o traballo ao que vai destinado o diñeiro, o que en termos de cooperación se denomina contrapartes.

Clases de informática en Cochabamba. WARA VARGAS
Clases de informática en Cochabamba. WARA VARGAS

Siervas de San José

A ONGD Taller de Solidaridad concorre á convocatoria de axudas do Concello de Lugo e destina o que lle corresponde a un proxecto de formación para mulleres en Bolivia, xestionado polo colectivo de relixiosas Siervas de San José.

O coordinador de Taller de Solidaridad, o lucense Rafael Veiga, explica que o destino das axudas lucenses é a cidade de Cochabamba. Concretamente, tres centros de formación para mulleres ubicados nos barrios de Alto Miraflores-Alto Litoral, Monte Olivos e San Francisco, zonas periféricas onde se asenta a poboación que procede do medio rural.

As Siervas de San José xestionan, en colaboración con formadores locales, un programa de alfabetización destinado a mulleres. "Son case analfabetas. As que estudan deixan a escola con oito ou dez anos case sen saber ler", apunta Rafael Veiga.

Taller de Solidaridad respalda un proxecto formativo para mulleres en Bolivia

Nestes centros reciben educación para obter un certificado básico e tamén nocións de corte e confección, informática ou panadería e repostería, para mellorar a súa capacitación de cara ao mercado laboral.

Colaboran neste programa coa fundación Ncooanchi, que se ocupa de atender os nenos mentres as súas nais participan nas actividades formativas.

Nas instalacións de Ncooanchi tamén hai unha horta na que as mulleres coñecen técnicas de cultivo para sacar rendemento das súas parcelas ou patios. "Estes barrios están en colinas. O terreo é escarpado e difícil de cultivar. As familias cando chegan instálanse con catro paus e un plástico. Despois, cando teñen posibilidade, van mellorando as casas, con adobe ou ladrillo. É xente con moi poucos recursos que vén á cidade buscando oportunidades".

Outra das áreas do programa de formación que xestionan as Siervas de San José é "un grupo de autoaforro no que participan unhas 60 ou 70 mulleres. Elas mesmas xestionan o diñeiro que aforran e préstano ás que o necesitan. Aquí ninguén pide para ir de compras, estamos falando de necesidades básicas. Piden para poñer portas na casa, para un proxecto de autoemprendemento, que pode ser comprar cacahuetes para tostalos e despois vendelos na rúa", explica Rafael Veiga.

O coordinador de Taller de Solidaridad indica que o obxectivo é fomentar a participación das mulleres en todos os ámbitos e impulsar o seu desenvolvemento persoal. "Algunhas conseguiron poñer un posto para vender roupa que elas mesmas confeccionan ou un certificado de estudos que lles dá autoestima e valor ante os seus maridos, porque non hai que esquecer que estamos falando dunha sociedade tremendamente machista".

O proxecto das Siervas de San José "non comeza nin remata na axuda do Concello de Lugo. Recibe apoio doutras institucións, como a Deputación da Coruña, e vai avanzando con novos obxectivos. Agora o horizonte é conseguir o recoñecemento de centro de formación profesional para que o Estado sufrague o profesorado. Deste xeito poderían expedirse certificados que recoñezan oficialmente os estudos das mulleres".

Rafael Veiga apunta que os fondos que concede o Concello de Lugo deben destinarse a construción e equipamento porque así o especifica a convocatoria e empréganse para adecuar as instalacións ás necesidades formativas.

Na comunidade das Siervas de San José de Cochabamba hai monxas galegas. "Quen está tirando do proxecto é Mari Carmen, unha muller de Ourense que xa traballou antes en Cuzco e no Amazonas. Ten máis de 70 anos e unha capacidade e enerxía que impresionan. Tamén está con ela outra galega, Aurora. Son moitas as monxas galegas que traballan en Sudamérica, case todas de idades avanzadas, pero non queren regresar porque saben que o traballo que alí realizan é moi necesario e moi útil para outras mulleres".

Rafael Veiga agradece a iniciativa do Concello de Lugo coa convocatoria de axudas e destaca que foi unha administración pioneira, a primeira en tender unha ponte á cooperación internacional.

Sesión de autodefensa impartida por Mujeres Creando.
Sesión de autodefensa impartida por Mujeres Creando.

Mujeres creando

Os lucenses contribúen tamén cunha achega económica a loitar polos dereitos das bolivianas a través do movemento Mujeres Creando, un referente na loita feminista.

Este colectivo recibe fondos do Concello de Lugo a través da ONGD Solidariedade Internacional, que contribúe a impulsar os proxectos que desenvolven nas súas sedes de La Paz e Santa Cruz.

A directora de Solidariedade Internacional, María Paz, explica que a súa ONGD leva 25 anos desenvolvemendo programas de cooperación en países como Bolivia, El Salvador, Honduras ou Guatemala. Céntranse "no acompañamento á sociedade civil organizada que propón cambios".

Solidariedade Internacional apoia iniciativas en defensa dos dereitos das bolivianas

O movemento feminista Mujeres Creando é un destes colectivos. "Ofrecen servizos a mulleres vítimas de distintas violencias. Non só a violencia física no ámbito familiar, senón que en Bolivia é moi común que as mulleres sufran violencia económica, laboral, tributaria... e Mujeres Creando ofrécelles un acompañamento para defender os seus dereitos en todos estes ámbitos".

María Paz explica que "en Bolivia a corrupción é o habitual e gran parte dos delitos de violencia quedan impunes porque xuíces e avogados están corrompidos polos asasinos. Mujeres Creando ofrece acompañamento ás vítimas, asesoramento legal e psicosocial, van con elas ao xulgado ou a realizar os trámites que precisen... Levan 30 anos traballando polos dereitos das mulleres en Bolivia e son un referente, un gran movemento feminista que acompaña e centrado na denuncia política e social".

Mujeres Creando xestiona tamén unha axencia de emprego. "Moitas indíxenas que veñen dos pobos acaban traballando no servizo nunhas condicións pésimas. O obxectivo desta axencia é garantir unha relación laboral xusta entre estas mulleres e a persoa para a que traballan", indica María Paz.

O colectivo tamén actúa no ámbito económico. "Loita contra a usura bancaria, outra ameaza para a poboación máis desfavorecida. Ás veces teñen que solicitar préstamos e asumen cláusulas abusivas que os fan aínda máis vulnerables".

Neste contexto, a directora de Solidariedade Internacional valora moito a achega dos lucenses. A última axuda destinouse a retellar e reformar unha das casas autoxestionadas. "O que fai Lugo é contribuír a que este movemento tan importante para as mulleres de Bolivia siga funcionando", resume María Paz.

Explica que a ONGD galega "non envía xente para traballar aló porque as entidades locais coas que cooperamos son capaces de xestionar os seus programas e son as que mellor saben como facelo. O que si facemos son visitas para coñecer o seu traballo e estreitar lazos e elas tamén veñen a dar conta dos resultados".

Neste intercambio de visitas, lembra que representantes de Mujeres Creando estiveron en Lugo e explicaron nun acto celebrado no Vello Cárcere o seu traballo e o destino dos valiosos euros que lles chegan desde Lugo.

Os proxectos de Taller de Solidaridad e de Solidariedade Internacional son dous dos moitos que os lucenses levan apoiado, moitos sen sabelo, a través da convocatoria do Concello. Son a proba de que ás veces un euro arriba ou abaixo si que conta.

Clases de corte e confección en Cochabamba. WARA VARGAS
Clases de corte e confección en Cochabamba. WARA VARGAS

Un compromiso sostido e menos burocracia

A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento valora as achegas que as entidades locais fan á cooperación internacional, pero apunta que a tramitación podería mellorarse se se tivese en conta a realidade dos países receptores, cun contexto económico, social e administrativo totalmente diferente ao galego, que funciona a outro ritmo e con prioridades distintas.

As organizacións non gubernamentais para o desenvolvemento (ONGD) actúan de ponte entre a sociedade civil galega e a dos países desfavorecidos nos que operan, o que denominan o Sur global. Normalmente, non o fan directamente, senón a través de organizacións locais nos países de destino das axudas, que son as que realizan o traballo. Chámanse contrapartes

Desde Solidariedade Internacional explican que sempre traballan con organizacións do territorio, "non somos nós quen vai e di o que hai que facer. Elas están alí, son de alí e coñecen o contexto" no que se traballa. Queren desterrar "a visión de que marchamos de viaxe a arranxar o mundo". 

Proxectos sen fin

Estas ONGD pretenden "actuar desde o local con pensamento e compromiso global", polo que demandan un respaldo económico sostido no tempo que garanta o desenvolvemento de proxectos que non rematan. 

Desde a Coordinadora Galega apuntan que "unha convocatoria estable abre a porta a planificar procesos. Por exemplo, non se tarda o mesmo en construír unha escola que en que todos os nenos dunha comunidade con altas taxas de absentismo estuden de maneira regular".

Ademais de necesitar fondos, precisan que as convocatorias dos concellos e deputacións teñan en conta a realidade dos destinatarios. "O receptor da convocatoria está aquí, pero a contraparte que desenvolve o proxecto está a miles de quilómetros", nunha realidade diferente. Os cooperantes reclaman axilidade no reparto de axudas e flexibilidade nos requisitos "sen menoscabo do control do diñeiro público". 

E como complemento á adaptación das bases das convocatorias, piden que se faciliten "coñecementos técnicos aos equipos que deben valorar as propostas e validar a documentación", para que sexan conscientes de que os países dos que proceden non sempre seguen os mesmos criterios.

Demoras

A tardanza na resolución das convocatorias de axudas é un dos maiores atrancos para desenvolver con éxito as actuacións. "Cando unha administración local adía unha convocatoria ou non a resolve con celeridade, os prazos de execución dos proxectos varían, pero non así os de xustificación do investimento. Algo que se ía facer en oito meses ás veces ten que facerse en catro". Para un Concello esta demora non é relevante, pero para quen ten que desenvolver o proxecto a miles de quilómetros e nunhas condicións xeralmente deficientes é moi complicado e ata pode ser imposible.

A Coordinadora Galega de ONGD explica que a actuación das súas entidades incide na "defensa do territorio fronte a intereses económicos, na soberanía alimentaria, na igualdade de xénero ou de acceso a dereitos básicos como a educación, a cultura ou a sanidade de comunidades como a indíxena, especialmente vulnerable".

Insiste en que "o gran reto é manter a liña de diálogo e colaboración coas administracións, pero tamén coa sociedade. Botar man da pedagoxía para ser quen de explicar que son e que fan, máis alá de prexuízos e estereotipos, as organizacións que traballan na cooperación ao desenvolvemento".

Comentarios