Unha polbeira na Mosqueira

A escultura realizada polos artistas Jorge Espiral e Honorio quedou colocada este martes de cara á xente que baixa pola nova praza peonil
photo_camera Unha polbeira preside xa a Praza da Mosqueira. VÍDEO: VICTORIA RODRÍGUEZ

A Mosqueira foi durante moitas décadas punto neurálxico do San Froilán e este ano comeza o camiño para volver ocupar un lugar protagonista nas patronais lucenses. Este martes quedou instalada nun dos extremos da nova praza peonil unha polbeira de bronce como homenaxe ás mulleres que tanto fixeron e fan polas festas de Lugo e do resto do país. Pola noite, o lugar estrearase como novo escenario musical do San Froilán cun festival de música electrónica, cos DJs Frisco&Marcos Peón, Hugo Leivas, Jacobo Gómez, e Jako Rove. 

O espazo a carón da parte máis emblemática e popular do monumento romano xa demostrou durante o verán o seu potencial para acoller concertos e outros espectáculos culturais, que se repetirán ao longo dos próximos días.

Testemuña deles será a polbeira de case dous metros de alto e 150 quilos de peso que deseñaron os artistas Jorge Espiral e Honorio e fixo Arte Bronce Fundición, que ten a sede en Goián (Pontevedra). Á fronte desta está a escultora Cuqui Piñeiro, que este martes non quixo deixar de ver como se instalaba a peza. O lugar elixido para ela foi a parte máis alta e próxima á Praza Mártires de Carral, virada cara á Mosqueira, mirando a xente que baixa pola praza sen deixar de recibir a que procede de San Roque.  A casualidade fai que moi preto, a uns metros, perviva un dos establecementos de polbo máis antigos da cidade, agora en mans de profesionais de Romeán.

A colocación da escultura causou grande expectación e reuniu a todos os concelleiros do BNG, empezando pola responsable de Cultura, Maite Ferreiro; o deputado provincial Efrén Castro, outros membros do partido e xente do mundo da cultura, como os propios Espiral e Honorio e Xoán Guerreiro. 

Honorio, nado na Coruña por obra da "migración" e de volta á cidade dende os 13 anos, non lembra as polbeiras na Mosqueira, pero este martes estaba feliz de ter sido elixido polo Concello para facer un monumento na súa honra. Primeiro fixo un bosquexo e logo modelou en barro. Quixo facer unha polbeira no momento que empeza a cortar o cefalópodo, en actitude de "canto quere?". A inspiración atopouna nas polbeiras que vía nas feiras cando era mozo, contou a pé de obra xunto a Espiral, cuxa colaboración no proxecto foi fundamental.

O primeiro tenente de alcaldesa, o nacionalista Rubén Arroxo, amosou a satisfacción por ver rematado xusto para o San Froilán un proxecto que "representa un anaco da historia de Lugo". Cre que a escultura "mellora a imaxe dun dos puntos máis recoñecibles da muralla, despois do avance dado durante a peonalización, onde se renovou a vista do principal atractivo turístico de Lugo".

Arroxo animou ademais a participar nos espectáculos que se levarán a cabo neste novo escenario festivo durante o San Froilán.

Comentarios