Os próximos mércores e xoves Bico de Grao acolle un mercadiño de troco. Como será?
Pódese traer calquera cousa, a única condición é que estea en bo estado. Pódese traer algo e levar algo, traer algo e non levar nada ou tamén levar algo sen traer nada, aínda que o ideal e o que lle dá sentido a isto é que haxa troco. O mercadiño será de cinco a oito da tarde.
Hai moita afección ao troco?
Hai xente fiel e cada ano sempre se incorpora alguén novo. O bonito é que hai xente de todas as idades.
Que é o que máis se intercambia?
Hai moita roupa e libros pero tamén algo de calzado, xoguetes, cousas de nenos, menaxe... E algunha vez ata algún moble pequeño. Facemos un mercadiño por cada estación do ano.
E o 15 o mercadiño será de sementes e esgallos.
Si, neste caso hai que traer as sementes e os esgallos clasificados. Poden ser de flores, de plantas de horta, ornamentais... Adoitamos facelo por esta época, de cara á tempada de plantación, e este ano hai xente que ten hortas urbanas que xa nos dixo que ía achegarse por primeira vez.